Listado de la etiqueta: xeración_lamote

Onte 668: A experiencia dos nacionais da Xeración Lamote

Máis dun cento de participantes no curso de formación continua de LIJMI moito celebraron cos seus aplausos cada unha das intervencións de Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín e Xabier DoCampo na mesa redonda sobre a súa experiencia como «premios nacionais» galegos de literatura infantil e xuvenil. En cadanseu parladoiro, os membros da Xeración Lamote (Xavier Senín estaba entre o público) expresaron con moita ironía o chimpo de xigante que supuxo para a nosa incipiente LIX a concesión de tan importantes recoñecementos que a cada un deles, sen excepción, pillou por sorpresa (e traballando na escola). En tardes tan divertidas (e emocionantes) como as de onte, comprobamos a xenerosidade e grandeza destas catro persoas amigas capaces de forxar un éxito colectivo (para a nosa lingua e cultura literaria) e continuar sentíndose partícipes e corresponsables dunha tarefa inacabada nas súas angueiras vitais como educadores, escritores e militantes do idioma. Unha marabilla, a dos mestres da Xeración Lamote!

Beizón, á parte, merece a profesora Blanca Roig e o seu equipo de LIJMI capaces de consolidar (e mesmo ampliar agora ao ámbito iberoamericano) este espazo formativo e a publicación anual que recolle os seus contidos (xa son nove os volumes editados). É de xustiza salientar que grazas ao esforzo deste equipo de investigadoras, Galicia é, tamén, unha referencia no eido da investigación e mediación sobre as literaturas infantís e xuvenís.

Onte 508: #DoutorAgustin

Para todos os amigos de Agustín Fernández Paz foi unha fachenda tremenda acompañalo no seu acto de investidura como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Sabiamos que non era outra homenaxe máis das recibidas nos últimos anos polo autor de Contos por palabras. Tratábase do seu recoñecemento institucional como educador, como mestre de mestres, probablemente tamén o recoñecemento implícito o labor da súa xeración –á que Henrique Costas na súa magnífica laudatio definíu como «Xeración de mestres narradores», á que tamén temos bautizado  aquí como «Xeración Lamote (da que forma parte xunto a Xabier DoCampo, Paco Martín, Fina Casalderrey e Xavier Senín»– na creación e pulo da literatura infantil e xuvenil en galego. Tratábase, ademais, como tamén salientou Costas, de recoñecer no #DoutorAgustin un «exemplo de ética coa Terra A Nosa e coa Terra enteira», ese compromiso que o novo doutor definiu no seu discurso como «o trazo máis característico da cultura galega, o de ser célula de universalidade, a vontade de sermos unha peza máis no mosaico mundial das culturas; a conciencia de que só se pode ser universal desde a asunción das propias raíces». Agustín artellou a súa maxistral intervención sobre o eixo de seis lembranzas e unha narración. Tempo haberá de lela e gozala devagariño como merece. Adianto tres parágrafos anotados na libreta que me pareceron marcantes.

Primeira: «A min, non só como cidadán, non só como o docente que fun durante tantos anos, non só como escritor en galego, esta realidade máncame no máis íntimo [referíase á política lingüística]. Que difícil é construír, canto traballo leva conseguir avances, e que doado e rápido resulta o labor de demolición!» .

Segunda: «Ás veces un sente a tentación de, como o protagonista d’A mirada de Ulises, o lúcido filme de Theo Angelopoulos, brindar «Polas esperanzas rotas. Polo mundo que non cambiou a pesar dos nosos soños». Mais, como a que movía a Penélope e finalmente se viu cumprida coa arribada de Ulises ás ribeiras de Ítaca, os azos e a esperanza no futuro camiñan sempre canda nós».

Terceira: «Escribir como un acto de rebeldía, como un acto de amor. Escribir co desexo intenso de crear algo que antes non existía. Escribir coa mesma entrega con que meu pai facía unha mesa ou un armario. E ser consciente de que «aramos sobre os mortos desta terra», de que a nosa escrita se alimenta da dos autores que nos precederon, primeiro dos que escribiron na miña lingua, mais tamén dos de toda a literatura universal. O saber que vén de lonxe pasa a través de min, de nós, e proxéctase no futuro».

Compromiso, esperanza, amor tres palabras das grandes para un discurso memorable.