Poñémonos de netiqueta
Participar na comunicación dixital precisa da súa netiqueta. Ou noutras palabras, existen unha serie de regras de boas maneiras que regulan o noso comportamento cando utilizamos o correo electrónico, cando lemos e comentamos nos blogs ou cando participamos nunha conversa simultánea escrita (nun «chat» dun servizo de mensaxería instantánea) ou virtual («videoconferencia»).
A primeira netiqueta fixouse xa hai máis de vinte e cinco anos, cando aínda estaba nacendo a Internet comercial, no libro Netiqueta de Virginia Shea que fixou as dez regras básicas para comportarse no que se chamou ciberespazo.
O decálogo da Netiqueta (1995)
Regra 1: Lembre que a persoa que le a súa mensaxe é humana con sentimentos que poden ser feridos.
Regra 2: Respecte os mesmos estándares de comportamento que segue na vida real.
Regra 3: Recoñeza en que parte do ciberespazo se atopa.
Regra 4: Respecte o tempo e o ancho de banda das outras persoas.
Regra 5: Amose a súa cara mellor.
Regra 6: Comparta o seu coñecemento coa comunidade.
Regra 7: Axude a manter as discusións nun ambiente san e educativo.
Regra 8: Respecte a privacidade de terceiras persoas.
Regra 9: Non abuse do seu poder.
Regra 10: Perdoe os erros alleos.
O desenvolvemento de novas utilidades no ciberespazo (blogs, servizos de mensaxería, redes sociais…) e a incorporación ao seu uso por todo tipo de persoas, obrigou a actualizar as regras desta netiqueta. Velaí a nosa proposta:
10 regras de netiqueta actual
1-. Saúda, preséntate e despídete.
2–. Agradece e solicita as cousas por favor.
3–. Identifícate e completa o teu perfil con foto e nome reais, así como cunha breve biografía que permita coñecer quen es.
4–. Coida a túa privacidade, non facilites información persoal ou familiar.
5–. Escribe textos curtos e coida a corrección da ortografía, escribir ben di moito de ti.
6–.Comparte os teus coñecementos, ideas e materiais, se algún non é teu, enlaza ou cita a fonte de onde o tiraches.
7–. Axuda a crear bo ambiente sendo agarimoso e amosando a túa mellor cara, respecta o tempo dos demais e pensa que as túas mensaxes van ser lidas por persoas con sentimentos.
8–. Utiliza as emoticonas para expresar as túas emocións, pero ten coidado de non abusar delas.
9–. Conta ate dez, se estás anoxado/a, nese caso é preferible que non contestes. Non abuses do uso das maiúsculas, xa que é sinónimo de berrar.
10–. É preferible pecar de xenerosidade, non critiques os erros alleos, todos nos equivocamos, ten paciencia agardando as súas respostas, non todas as persoas se desenvolven igual no ciberespazo.
Esta netiqueta de carácter xeral, claro está, debe concretarse en función de cada utilidade dixital (correo electrónico, mensaxería, redes sociais…) ou do contexto de comunicación (educativo, profesional, familiar ou amical).
Poñemos dous exemplos, de boas maneiras para utilizar o correo electrónico e participar en videoconferencia.
Netiqueta no correo electrónico
1–. A cortesía sempre primeiro: non esquezas saudar, despedirte e asinar cada unha das mensaxes de correo.
2–. Evita o spam: cando haxa destinatarios múltiples, envía a mensaxe a cada un deles como copia oculta.
3–. Claridade: utiliza o campo asunto para resumir o contido ou a intencionalidade da mensaxe e para axudar a seguir o fío; cando agregues arquivos, fai unha descrición breve do seu contido.
4–. Ortografía: respecta as regras ortográficas como mostra de autoestima e de respecto ás persoas ás que vai dirixida a mensaxe.
5–. Verifica: antes de enviar comproba as direccións para evitar envíos innecesarios.
Netiqueta na videoconferencia múltiple
1–.Preparación: busca o espazo máis axeitado para colocarte, comproba que funciona correctamente a túa conexión e evita distracións e ruídos ambientais.
2–.Puntualidade: conéctate uns minutos antes da hora á que esta concertada, é preferible agardar un pouco que o fagan por un.
3–. Cortesía: saúda e despídete, non está de máis que utilices tamén a linguaxe de signos para facelo.
4– Respecto: mantén pechado o teu micrófono mentres non chega a túa quenda; solicita a palabra á persoa que modere a sesión, cando se abra outra nova.
5-. Empatía: mira á cara a quen está falando e evita realizar outras tarefas ao mesmo tempo.
Texto publicado nos webs do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira.