Listado de la etiqueta: uxía_senlle

Baladas da Galicia feminista

Dediquei o artigo da semana en Faro de Vigo á celebración do 8 de marzo:

Despois de manter unha conversa de máis dunha hora por skype cos membros do club de lectura da Biblioteca Galega de Bos Aires tiña previsto escribir un Campo de Granada sobre a incerteza do prognóstico das eleccións galegas do 5 de abril, que de mobilizarse o electorado progresista podería abrir paso á mudanza política no país. Abofé que esta conversa transoceánica cunha ducia de entusiastas e ben informadas galeguistas austrais sobre a historia recente da narrativa galega e o preocupante futuro da transmisión xeracional da lingua nosa encheume os depósitos de optimismo que por vicisitudes da vida e dalgunhas das súas derrotas se foran agotando nos últimos anos. Un férreo optimismo da vontade, aprendido da actitude resiliente da miña nai para superar adversidades e non perder nunca a liña do noso horizonte de xentes humildes, que vin de forma inesperada reflectido en «Louisiana o Els Camps de Cotó» (2012), unha emotiva carta aos pais enchida de saudades de quen na súa procura atopa a felicidade na escolla dunha forma de vida sinxela e paciente, unha canción memorable de Els Amics De Les Arts convertida en himno por máis dun millón de persoas participantes naquela inesquecible Diada de 2017.

Semellante coincidencia produciuse no serán no que o Celta de Óscar García Junyent resistía no Coliseum de Xetafe coa súa defensa solidaria e afouta, feito que moito celebrei polo que supón de adquisición dunha maior capacidade para competir en igualdade. Xaora, celebrei esta serendipia inesperada que une unha comunidade de galeguistas arxentinas coas seguidoras desta emotiva balada catalá, ambas as dúas orgullosas de non esquecer de onde proceden, que atoparon nesa orixe o seu baluarte para continuar pelexando polo futuro dun «ceo que non se acaba». Axiña lembrei que esta vontade fora recollida por Narf e Uxía nesoutra canción memorable que é «Esta noite», incluída no seu disco Balada da Galicia imaxinaria(2015): «Teño toda a forza pra loitar, teño cada noite pra soñar e cada minuto pra lembrar quen eu son, pra lembrar de onde eu son; esta noite vou voltar ao lugar onde sendo crianza brinquei, onde sendo un rapaz eu soñei na braña grande, na praia das gaivotas, no patio da escola, nas vías da estación…». Versos lúcidos do inesquecible e chorado cantor compostelán (Francisco Xavier Pérez Vázquez) que acreditan a pertenza a unha tribo que cre no futuro, que tras un momento de abatemento recupera folgos xa que coñece de onde ven, sabe onde está e decide cara onde pretende dirixirse.

Baladas de esperanza que trouxo a Vigo, tamén nesta fin de semana do 8 de marzo, Sés para presentar no Teatro AFundación (o vello García Barbón) o seu novo traballo Liberar as arterias(2020). Outro concerto memorable da cantora bergantiñá, infatigable defensora da lingua galega que coa súa enerxía conseguiu mobilizar a ese Vigo feminista e orgulloso da identidade galega cos temas dun disco de músicas que percorren o continente americano de norte a sur e no que teñen grande protagonismo os versos marcantes da poeta e activista de mocidade eterna Luz Fandiño, autora da letra de «Liberar as arterias», a canción que dá titulo o disco: «Son a poeta daqueles que loitan por saír de escravos, son a poeta daqueles aos que todo lles foi negado [… ], poeta analfabeta, poeta dos que sobreviven do emprestado…». Un traballo no que Sés-Fandiño reclaman liberar as arterias, evitando a trampa de odio e da desesperación, o feito de quedar anuladas, anoxadas, coléricas ou descontroladas, como sempre o sistema patriarcal agarda das mulleres. Para a cantora de tempestades de sal a felicidade, a ledicia e o vitalismo son tamén ingredientes necesarios na loita para que outras cheguen a ser libres.

Futuro en igualdade que para estes incertos anos vinte o serán do domingo 8 de marzo reclamaron polas rúas viguesas mulleres libres de toda idade e condición. Milleiros de voces que cos seus pés lilas e os fíos da sororidade caligrafaron as pegadas dunha mensaxe de igualdade real e transformadora onde non teñen espazo nin machismos cotiáns nin sexismos nin acosos nas aulas nin nas músicas nin discriminacións ningunhas en oficinas, fábricas ou noutros lugares de traballo. Unha marea lila que fixo de Vigo unha cidade de mulleres libres que puxeron o foco no invisible, nesa división sexual do traballo dos coidados a crianzas e persoas maiores achegados case na súa totalidade por mulleres silenciosas, «esas creadores de vida, aleitadoras, brillantes activistas da vida cotiá que resistiron a séculos de forza», que homenaxea a cantora Guadi Galego nas súa canción «Matriarcas» (2014). De novo o futuro do político encarnado nas baladas da Galicia feminista. Beizón para as nosas cantoras.

 

Onte 713: #Prazadoslibros

Pasei o domingo na #Prazadoslibros, o día grande do evento de promoción do libro e da lectura organizado polo concello de Carballo. Durante a mañán por cada libro mercado os lectores e lectoras recibían como agasallo cadanseu molete de pan de Carballo. Unha iniciativa magnífica de colaboración entre as panadarías de Carballo e as sete librarías participantes nunha feira do libro que comparte espazo coa feira de produtos de tempada ofrecidos polos produtores agrícolas da comarca de Bergantiños. Foi unha mañá intensa, na que Manuel Rivas asinou de forma paciente e minuciosa máis de medio cento de libros (a maioría d’ As voces baixas) ao longo de case tres horas. A tarde, foid e letras e música, coa presentación dos libros máis recentes de Xosé Neira Vilas e o concerto de Uxía e a súa «Rosalía pequeniño». Moita xente partincipando nunha iniciativa modélica na que os libros adquiren protagonismo no espazo público. Esta #Prazdoslibros xa é un referente no calendario galego do libro e da lectura, un modelo anovado do que a organización das Feiras do Libro de Galicia (que onte remataron en Monforte o seu periplo anual) deberían tomar boa nota. Os libros son en Carballo o pan da cultura. Beizóns ao concello que preside Evencio Ferreiro (a piques de contar cunha nova e magnífica biblioteca pública) e ao incansable Nel Vidal por tan magnífico traballo nesta #Prazadoslibros.

Uxía, voz sen fronteiras

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a Uxía con motivo do seu vinte e cinco aniversario nos escenarios.

Uxía Senlle celebrou o pasado venres os seus vinte e cinco anos nos escenarios cun concerto íntimo na Cidade da Cultura. Acompañada de Sergio Tannus (excepcional guitarrista brasilego), Xoán Porto (instrumentista folk galego) e Paulo Silva (percusionista brasileiro), a grande cantante de Sanguiñeda reinterpretou os clásicos do seu amplísimo repertorio.

Unha viaxe iniciada pola artista de Mos cando gañou o premio do Festival de Bergantiños (1985) e gravou o seu primeiro disco, “Foliada de marzo” (1986). Un itinerario que seguiu durante catro anos na súa etapa como voz do grupo folk Na Lúa, co que gravou dous discos, “A estrela de maio” (1987) e “Ondas do mar de Vigo”, e supuxo o seu inevitable debut como solista coa grabación de “Entre cidades” (1991), unha viaxe literaria e musical polas cidades do mundo, con certo aroma de ritmos pop, composta e arranxada por Xosé Paz Antón, o líder da formación porriñesa. A súa consagración internacional como cantante e o seu inicio como compositora chegou con “Estou vivindo no ceo” (1995), disco que gravou co multiinstrumentista portugués Julio Pereira. Os seus traballos posteriores “Danza das areas” (2000), “Eterno navegar” (2008), “Meu Canto” (2011) e “Andando a Terra” (2012), este último en homenaxe ao poeta Manuel María, amosan a súa capacidade para dialogar e experimentar coas músicas do mundo, con especial atención ás do entorno da lusofonía.

É a de Uxía unha traxectoria de extraordinaria madurez, tanto pola súa coherencia e diversidade coma pola súa calidade artística. Verdadeira pioneira da canción de autor en Galicia e en galego, Uxía asumiu un compromiso inequívoco co proxecto de normalización da música galega, traballando como cantante, compositora, produtora ou divulgadora da nosa música tradicional no programa “Alalá” da TVG, facetas todas elas do seu traballo artístico nas que reivindicou, como salienta José Colmeiro, profesor vigués da Universidade de Auckland, “a súa condición de muller fronteiriza”. Dende o comezo da súa traxectoria, Uxía rachou a fronteira que nos viraba de costas coa música portuguesa, amosándose moi sensible ás influencias que “van e veñen doutro lado do río Miño e das outras beiras do Atlántico”. Cunha intención de renovación e recuperación vivificadora, Uxía bebeu sempre da tradición da música popular, tanto da galega como daqueloutras de Portugal, Cabo Verde, Angola, Mozambique ou Brasil. Músicas presentes, dende hai dez anos, no festival “Cantos na maré”, do que é directora artística, no que se encontran e dialogan músicas e músicos con raíces nestes territorios da lusofonía, un espazo estratéxico para a lingua e cultura galegas, máis tamén para a nosa proxección económica internacional, como ten salientado a ILP Valentín Paz Andrade presentada no Parlamento de Galicia.

A voz é o instrumento de Uxía. Unha voz prodixiosa, propia dunha virtuosa, capaz de chegar a modular os rexistros máis diversos e as tonalidades máis amplas dun repertorio propio e popular amplísimo. Mais a voz é para ela, ademais, a primeira expresión dun canto e dunha música popular que non se poden perder como patrimonio colectivo. Desa convicción naceron algúns dos seus proxectos musicais máis fermosos como produtora, o de darlle voz ás mulleres, e dentro delas a aqueles colectivos con menos posibilidades. Promoveu a creación das Cantareiras do Berbés de Vigo e do grupo Malvela de Mos, formado por mulleres maiores, que leva gravados xa dous discos e realizados numerosos concertos, con grande éxito. Promoveu a grabación do disco “Na flor dos meus anos” (2007) de Señora Carme, a octoxenaria solista de Malvela. Foi tamén Uxía quen produciu o disco e o documental de Batuko Tabanka (2009), o grupo de mulleres da colonia caboverdiana de Burela. Idéntica convicción, a de manter a nosa voz e preservar o canto popular, lévaa agora a participar en proxectos de música infantil galega, un espazo para a esperanza do noso idioma e da nosa cultura. Uxía produciu o disco de Magín Blanco “A nena e o grilo” (2010), colaborou no exitoso “María Fumaça” (2012) e acaba de iniciar a xira de presentacións do seu “Rosalía pequeniña” (Galaxia 2013), o libro disco no que actualiza a obra de Rosalía de Castro con cancións para o público galego máis novo.

Uxía amosou en todos estes traballos que a súa voz é a dunha artista sen fronteiras, unha muller plenamente comprometida coa sociedade galega, co seu futuro (foi portavoz da plataforma Nunca Máis) e plenamente aberta ao mundo. Como escribiu José Colmeiro no magnífico retrato que lle fixo para o libro “Galeg@s sen fronteir@s” (Xerais 2013), “Uxía leva a música galega polo mundo e é tamén promotora da fusión coas músicas do mundo”. O traballo artístico de Uxía é un modelo do que podería ser a estratexia para a cultura galega do noso tempo. Parabéns, Uxía, por este fermoso camiño!