Listado de la etiqueta: trestamento_do_ghebo

Tranvía centenario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao centenario do tranvía en Vigo.

Primeira_saida_do_tranvia_Vigo_09-08-1914

Vigo é unha cidade desmemoriada. En sendo este o ano do centenario do inicio do rodar dos tranvías, descoñecemos iniciativa algunha na lembranza do noso primeiro medio de transporte metropolitano, un facilitador de boa parte da modernización industrial de Vigo durante cincuenta anos do pasado século XX. Non pode pasar desapercibida a data daquel 9 de agosto de 1914 cando ás once da mañán, segundo relata o historiador Antonio Giráldez Lomba, actual presidente do Instituto de Estudos Vigueses, saíron das cocheiras das Travesas os primeiros tranvías que seguindo a estrada de Baiona (hoxe López Mora), despois, Pi i Margall, Porta do Sol, Príncipe e Urzaiz, chegarían ao Calvario, até o concello de Lavadores. Tranvías que dende aquel día histórico, no que foron recibidos ao seu paso con flores polos vigueses, ampliarían o seu trazado de oito liñas (da Estación a Pereiró, dos Caños a Bouzas, de Cabral á Ribeira, de Bouzas ao Seixo, de Florida a Chapela, do Seixo a Travesas…) até os 32 km de liña tranviaria, abranguendo con espírito metropolitano nove concellos, chegando ao Val Miñor e o da Louriña, movendo cada día, nos anos de maior actividade, a máis de 100.000 viaxeiros.

O proxecto empresarial fóra concibido apenas tres anos antes nun xantar na illa de Toralla, onde un grupo de notables vigueses, convocados por Martín Echegaray, acordara constituír unha empresa coa intención de instalar en Vigo un servizo de tranvías eléctricos semellante ao que funcionaba daquela en Buenos Aires e comezaba a desenvolverse en Madrid e Barcelona. Empresarios como Manuel Losada, Concepto López, Victorio Pig e Tomás Mirambell, entre outros, acreditaban neste medio de transporte como inequívoco motor do progreso urbano e vertebrador de todo o espazo comarcal de Vigo.

Sería o alcalde franquista Rafael J. Portanet Suárez quen en 1968 retiraría á empresa de Tranvías Eléctricos de Vigo a concesión de transporte urbano substituíndoo por un servizo de autobuses adxudicado de forma irregular a Viguesa de Transportes, a empresa presidida por Gonzalo González Arrojo, o presidente do sindicato vertical de transportes e comunicacións. Unha terrible portanetada (coma o derrubo en 1967 do edificio Rubira, a mellor fachada de García Barbón e Colón), que abriría unha dura batalla legal entre Tranvías e o concello de Vigo, mais que sería considerada en 1972 polos tribunais como un caso de soborno. Porén, xa nada se puido facer. Os tranvías deixaran de circular dende a noite do 30 de decembro de 1968 e polas rúas viguesas fumegaban dende mediados do mesmo ano os pegasos azuis de Vitrasa.

Teño a fortuna de conservar a memoria do tranvía. De agardar aos “puntos” que os tranviarios metían cando subían pola costa de Urzáiz ou Casablanca. De lembrar as viaxes nos automotores ao balneario de Samil e os percorridos entre os millos e os lameiros de todo o Val Miñor para acudir ao san Benito de Gondomar. De saber as dificultades para obter o premio que supoñía apañar do chan o taco dos billetes acabado, aqueles que desfacíamos en milleiros de papeliños diminutos ou do perigo que supoñía a baixada en marcha dos ghichiños que acudían veloces aos seus choios.

Xaora, quedou en Vigo a saudade pola perda inxusta dos tranvías, onde se mesturan doses de raiba e dozura, como a lembranza do tranvía fantasma citado por Ferrín no seu “Testamento do Ghebo”. O tranvía deixou en Vigo un sentimento de certa fatalidade, por mor de feridas que non é doado cicatricen, as dos accidentes das xardiñeiras ao seu paso polo Paseo de Alfonso ou a do Siboney que descarrilou na rúa Lepanto en 1935, traxedias que marcaron a historia dunhas cantas das nosas familias. Un estado de ánimo que nos atrevimos a bautizar como “síndrome Siboney”, lembrando o nome popular daqueles tranvías que circulaban dende comezos dos anos vinte, nos que viaxou a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson e nos que lembra ao tranviario conducindo cunha rosa entre os dentes, unha imaxe moi fermosa para non esquecer neste centenario.

Os tranvías vigueses foron un modelo de transporte metropolitano adiantado ao seu tempo, propio dunha cidade cosmopolita, á altura doutras cidades europeas do seu tempo. Os tranvías simbolizaron o emprendemento colectivo vigués e o seu dinamismo, ideas ás que non foi alleo Ricardo Mella, o pensador anarquista vigués e xerente da empresa de Tranvías até o seu pasamento en 1925. Os tranvías eléctricos continúan sendo hoxe o medio de transporte esencial na maior parte das cidades do norte de Europa, tanto polo seu carácter máis limpo, silencioso e seguro, como pola súa capacidade para artellar o territorio. Ben sería que este centenario servise para repensar o futuro modelo de mobilidade metropolitana, unha cuestión na que moito repararon os pioneiros do tranvía.