Listado de la etiqueta: trama_editorial

Onte 834: «La cara oculta de la edición»

Temos comentado en anotacións anteriores novidades da magnífica colección «Tipos móviles» de Trama Editorial dedicada a abordar temas de edición, libro e lectura. Como sucedera co libro sobre os almacéns de Amazon, chega tamén de Francia, o país no que máis se debate e reflexiona sobre o futuro do libro, La cara oculta de la edición, un ensaio de Martine Prosper, traballadora de Castermen e secretaria xeral de CFDT Livre-Edition, principal sindicato francés do sector. Prosper presenta un completo informe (pechado en 2011) sobre a situación do sector da edición en Francia (edición, distribución e libraría), salientando a situación de precariedade dos seus traballadores e traballadoras.

Un ensaio que asume a crise do libro como «doenza crónica», inmortal para un sector sempre laioso que nestes momentos, ademais, sofre unha importante modificación tanto dos seus procesos de traballo como da súa cadea de valor. Con todo, para Prosper, a verdadeira crise actual do libro, tras vinte anos de triunfo da lóxica financeira sobre calquera outra (baseada na contabilidade analítica de cada libro, de cada materia e de cada liña de edición, mais tamén na concentración da distribución libreira e da industrialización da loxística), residiría na «aceleración dun modelo económico à bout de souffle, que estrangula lenta pero infaliblemente o obxecto ao que supostamente dá vida». Noutras palabras, a crise verdadeira do libro prodúcese non pola disrupción da dixitalización,  se non cando perde a súa dimensión de ben cultural, quedando a mercede do comercio coma simple mercadoría.

A pesar de estudar só o caso francés, o libro identifica os principais problemas da edición actual en todo o mundo, tanto os dos grandes grupos trasnacionais como os que sofren as denominadas editoras independentes. Destaca pola súa claridade e contundencia, o capítulo dedicado á «Chegada da era dixital», no que a autora realiza unha defensa coherente do labor do editor e do dereito de autor, como unha dimensión patrimonial e moral. Outrosí sucede coa necesidade nese contexto de mudanza de recoñecer os dereitos de todos os traballadores e traballadoras do sector, tanto dos que forman parte dos cadros das empresas coma daqueloutros que fan tarefas externalizadas. Non perder a dimensión do libro como ben cultural e recuperar o discurso humanista do editor, tamén no ámbito social das súas empresas, serían para Prosper novos vieiros que axudarían a consolidar unha edición futura que aventura híbrida e diversa. Un libro que todos os editores e libreiros debemos ter moi presente. Útil para a tan necesaria reflexión intersectorial. Parabéns, outras vez máis, a Manuel Ortuño e Txetxu Barandiaran responsables de tan interesante colección.

Onte 802: Nos dominios de Amazon

Despois da lectura de En los dominios de Amazon de Jean-Baptiste Malet é difícil non lamentar a hexemonía adquirida polo xigante estadounidense do comercio electrónico e da distribución do contido dixital. Esta reportaxe dun (afouto) xornalista inflitrado como picker da quenda de noite, durante a campaña de nadal do pasado ano, nunha das plataformas loxísticas da empresa de Bezzos en Francia constitúe unha radiografía completísima do funcionamento destes centros labirinto, mais tamén das condicións de emprego precario ás que son sometidos milleiros destes traballadores invisibles. O libro podería resumirse en apenas unha frase, «Amazon é unha empresa que utiliza procedementos laborais do seculo XIX para ofrecerse como un modelo de empresa súper do século XXI». No pesadelo relatado nestas páxinas, nas penalidades destes traballadores precarios faise visible o modelo de funcionamento da economía ultraliberal achegándose a velocidade de cruceiro. Os sintagmas «Work Hard, Have Fun, Make History» resumen a cultura laboral do universo Amazon, onde todo o persoal asume o atuamento coma cultura relacional, mais onde os dereitos dos seus traballadores, coma se dun estado propio se tratase, quedan moi por baixo do que se lles recoñece nas lexislacións nacionais. Tras a lectura (moi recomendable) deste libro de investigación son máis as razóns de fonda preocupación sobre o desenvolvemento desta transnacional do comercio dixital que, co argumento de «estar orientada cara o cliente», destrúe o tecido da libraría cultural e do comercio minorista, ademais de relegar o indispensable compoñente social da empresa, tanto co seu persoal como coas facendas dos países onde opera. Parabéns aos editores da (excelente) colección «Tipos móviles» da Trama editorial pola publicación de título tan oportuno que remove conciencias de editores, lectores e libreiros.