Listado de la etiqueta: still_alice

Onte 1222: «Still Alice»

Still_Alice_-_Movie_PosterStill Alice non é so unha exhibición interpretativa de Julianne Moore, que pode levala a obter un Óscar. É, tamén, unha peza didáctica sobre a doenza do Alzheimer e unha reflexión sobre o valor das palabras coma fonte do autorrelato que sostén a nosa identidade. Somos se lembramos, e o facemos se contamos con palabras que funcionen coma chaves, inclusores de imaxes e afectos. As palabras que se van esvaecendo até borrarse na cabeciña desa inqueda profesora de Lingüística de Columbia son as mesmas que cando faltan danan a súa capacidade de interacción co entorno profesional e familiar até deixala inane. Alice sostense apenas sobre os aloumiños da súa filla máis nova, coa que antes mantiña diferenzas, aínda que nunca rompera a comunicación. Still Alice non é unha película de temática novidosa nin sequera de narración orixinal. Porén, resulta eficaz para interrogarnos sobre a nosa fraxilidade. á que vivimos alleos, deambulando nos nosos afáns. Eis o impacto que produce a interpretación de Moore capaz de  remoer ao espectador na comodidade da súa butaca.