Onte 991: Tarde en Soutomaior
No acougo do formidable castelo de Soutomaior, ao pé do máxico monte da Peneda e co arrecendo do fondo da ría, tras o convivio dun xantar farturento e sabedeiro, os tres xurados dos premios Xerais 2014 escolleron as obras finalistas. Para min é un dos momentos inesquecibles de cada ano na editorial, unha tarde de intenso traballo dos xurados, alongada onte inusualmente, destinada a compartir as súas horas e horas de lectura en soidade. Sei que a experiencia destes xurados formados por lectoras, que Xerais convoca dende hai máis de dúas décadas, é xeralmente feliz para as participantes, aínda que nunca sexa para elas doado o momento de escoller. Nesta edición o predominio das lectoras nos xurados é moi claro, apenas 4 homes de 18 persoas, o que expresa o proceso de clara feminización da lectura literaria en Galicia. Un feito que debe ser destacado. O vindeiro sábado, 7 de xullo, coñeceremos os ditames dos xurados, tras unha semana de relectura das dez obras finalistas. Ler e reler.
Grazas a Gracia Sanctorum pola fermosa foto e pola axuda proporcionada.