Onte 952: Xeración da esperanza
Na excelente crítica d´ Os santos nunca dormen, a primeira novela en Xerais Narrativa de Teresa González Costa, o incansable Manuel Rodríguez Alonso adscribe á autora do Grove no que denomina »Xeración do novo século». Máis alá da inevitable polémica xeracional, o de MAR paréceme un sintagma axeitado para chamar a atención sobre un gran grupo de narradoras e narradores que petan con moita forza nos catálogos da literatura galega actual, chamado a enlazar coa «Xeración dos noventa», aquela encabezada por Manuel Rivas e Suso de Toro, entre outros.
A esta »Xeración do novo século» pertencerían narradoras como Teresa González Costa, Ledicia Costas, Iolanda Zúñiga, María Lorenzo, Berta Dávila, Andrea Maceiras, María Reimóndez, Rosa Aneiros, Iria López Teixeiro, Sabela González, María Canosa ou Inma López Silva; como tamén Pedro Feijoo, Mario Regueira, Alberto Ramos, Diego Ameixeiras, Santiago Lopo, Roque Cameselle, Samuel Solleiro, Alberto Lema, David Pobra, Antonio Fraga, Alberto Momán, Xosé Díaz, entre outros.
Autoras e autores menores de corenta anos, nacidos a finais da década dos setenta e ao longo da dos oitenta, alfabetizados en galego xa dende o berce da escola primaria, que dende diversas opcións estilísticas e subxéneros abordan a narrativa galega dende unha óptica normalizada e en diálogo co seu tempo. Eis a nosa «Xeración da esperanza».