Onte 481: ROM
Dedicamos unhas cantas horas á vista do ROM (Royal Ontario Museum), un antigo museo de historia natural reconvertido en museo das culturas para o goce dun público familiar e escolar. Na primeira ollada, semella un museo moi ecléctico, cunha moi potente e atractiva colección de dinosauros (quizais das mellores do mundo), mais na que tamén teñen certo interese as salas dedicadas ás civilizacións antigas, sobre todo no que atinxe ás artes decorativas e o vestiario. Mais o ROM semella tamén un museo dinámico, en clara transformación da súa identidade de vello museo de bioloxía e xeoloxía cara un modelo que poña en valor a diversidade das culturas. Eis todo unha nova planta dedicada a expoñer obxectos que representan as tradicións artísticas e culturais de pobos autóctonos de varias partes do globo, con particular atención á cultura dos primeiros pobos norteamericanos. Idéntico obxectivo proxectan exposicións non permanentes (magníficas) sobre o Carnaval («a emancipación da celebración») ou a desacougante mostra fotográfica sobre o xenocidio dos khmeres vermellos en Camboia. Con todo, máis alá do indubidable valor das coleccións, no ROM destaca o seu interese por conquistar ao público familiar, sobre todo aos picariños, e o forte peso do voluntariado na xestión destas actividades. Mención á parte merece a impactante arquitectura capaz de harmonizar un edificio de clásica liña vitoriana cunha peza de cubismo poliédrico. A pesar dos esforzos de modernización e de aproveitamento didáctico, o futuro deste tipo de museos de orixe decimonónica, coma o ROM torontino (ou no caso galego como o Museo do Pobo Galego ou o Luis Iglesias de Historia Natural da USC) é incerto, a menos que sexan capaces de transformar a visita nunha experiencia auténtica de coñecemento que se prolonga nos soportes dixitais. Museos en tránsito.