Os seguidores de Ricardo Darín seguro que repararon durante o mes de xullo no pase fugaz pola sosa carteleira viguesa de “Elefante blanco”, o film máis recente do realizador arxentino Pablo Trapero. Eu son dos tantos que quedou pasmado co formidable plano secuencia en movemento co que arrinca a película, filmando unha panorámica impresionante de Villa Lugano, un barrio marxinal das aforas de Buenos Aires, dende os ollos de dous cregos situados nun dos andares superiores do «Elefante blanco», un enorme esquelete de formigón armado de doce pisos, ubicado en Ciudad Oculta, que puido ser o maior hospital de América Latina. Proxectado en 1923, comezou a construírse en 1938, mais as obras quedaron paralizadas pouco despois. Perón recuperounas, aínda que non foi capaz de inauguralas, sendo abandonadas definitivamente en 1955 tras o golpe militar de Eduardo Lonardi. Dende entón, a estrutura foi ocupada por centos de persoas humildes que constrúen as súas vidas nese xigante bautizado con moita retranca como «Elefante blanco». Hoxe é propiedade da «Asociación de Madres Plaza de Mayo» que instalou alí un comedor popular e un xardín de infantes para dar servizo ás xentes máis necesitadas de Ciudad Oculta.
Cada vez que paso por diante das obras do novo Hospital de Vigo, é inevitable lembrar as impactantes imaxes da película arxentina. Pregúntome se non estará emerxendo en Valadares o noso elefante branco. Salvando todas as diferenzas, magoa comprobar que durante estes meses de verán se foi ralentizando o ritmo construtivo, até a práctica paralización actual, debida aos problemas de financiamento da UTE adxudicataria da construción e xestión do hospital. Noutras palabras, non hai cartos. As empresas privadas que hai pouco máis dun ano foron adxudicatarias dunha obra na que está previsto un investimento de 315 millóns de euros –que debería estar ocupando a máis de 1.500 persoas, cun prazo de execución de 31 meses– despois de erguer boa parte da estrutura, aínda non solucionaron, en plena treboada do rescate bancario e da crise das caixas de aforro e do sector inmobiliario, como pechar o préstamo que precisan (supoñemos que arredor de 250 millóns de euros). A pesar de que as adxudicatarias dispoñen dun aval de 180 millóns do Banco Europeo de Investimentos, a esta altura a fórmula de construción e xestión privada do novo Hospital de Vigo, presentada por Feijoo como «modelo para a sanidade pública española», naufraga de forma estrepitosa, sen que nin as empresas adxudicatarias nin a consellaría de Sanidade expresen argumentos tranquilizadores para a cidadanía. Sería posible un rescate da adxudicación?
Naufraxio que xa sofríu o proxecto da Área Metropolitana de Vigo (AMV), hoxe apenas un tigre de papel que agarda unha nova oportunidade, a terceira, tras as vindeiras autonómicas. Outro fracaso anunciado polo desinterese do Partido Popular de Galicia de forxar un mínimo consenso sobre tan importante reforma territorial cos partidos da oposición. Todos os actores desta comedia (dende Caballero até Louzán e Domínguez) saben que sen acordo co alcaldía de Vigo sobre o liderado, o financiamento e as competencias da área (incluídas as que deberá ceder a Deputación) é imposible poñer en marcha este proxecto de modernización. O que sucedeu na asemblea de constitución da AMV foi apenas outro entremés da comedia.
Sen consenso político e sen compromiso de redeseño da administración territorial do conxunto do país –falamos do papel das deputacións, mais tamén da redución do número de concellos–, non é viable a posta en marcha con éxito da AMV. Impoñerlle a Vigo a ferro e fariña un modelo metropolitano partidista, como pretenden Feijóo, Rueda e Louzán, é un erro semellante ao que incorreron coa fusión das caixas ou coa paralización do proxecto da nova depuradora, que os populares vigueses pagaron con outra derrota municipal. A creación das áreas metropolitanas é un proxecto que precisa de doses elevadas de consenso e xenerosidade política, como reclamaba aquela interesante «Declaración de Soutomaior» de 1999, consensuada por todas as alcaldías e partidos, cando era alcalde de Vigo Lois Pérez Castrillo. Un espírito a recuperar.
Con todo, o máis magoante é que estes fracasos políticos, sexa o do novo hospital ou o da posta en marcha da AMV, a longo prazo págaos a cidadanía do seu peto. Non deixa de ser un sarcasmo que nesta lexislatura, os beneficios do Plan de Transporte Metropolitano, subvencionado de forma xenerosa pola Xunta de Galicia, non cheguen ao Vigo metropolitano. Unha discriminación inadmisible e inxusta que sufrimos os habitantes do Vigo metropolitano con respecto aos da Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo, que se benefician dunha bonificación dos seus billetes. Que opina disto o señor Rueda?