Artigos

Onte 1430: Pechan dúas librarías

Soubemos onte do peche de Sintagma de El Ejido e Negra y Criminal de Barcelona, dúas librarías culturais nacidas en 2002, que funcionaron como referentes durante a última década. Dúas novas que producen inevitable conmoción e pavor en todo o sector da edición cultural. Probablemente, tamén, vítimas da crise estrutural do sector incapaz de remontar as súas vendas, sexa polos efectos da hibridación da edición sexa pola diminución do lectorado literario, sometido tamén aos efectos da banalización actual da cultura. Coñecín a Manuel García Iborra, o libreiro de Sintagma, en novembro de 2007 no xurado do premio á Mellor Libraría Cultural de CEGAL, que a andaluza recibira na edición anterior pola súas actividades de animación literaria. Iborra expresoume a súa ilusión de que Manuel Rivas visitase a súa libraría, como fixeran outros autores como Chirbes ou Ana María Matute. Tamén é decepcionante o caso de Paco Camarasa e a súa libraría especializada en novela negra, que visitaron centos de autores e cada sábado ofrecía mexillóns e viño tinto aos clientes, O feito de que «os clientes infieis asasinasen a libraría», como confesou o propio libreiro, demostra o proceso de desimplicación do que foi lectorado militante. Cada día pechan en España dúas librarías. Hoxe choramos a dúas delas.