Listado de la etiqueta: praia_da_argazada

O futuro de Samil

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre a situación actual do areal de Samil e as perspectivas do seu futuro, ao fío do concurso convocado polo concello de Vigo do que foi o resturante Jonathan:

jonatahan_samilSamil é a nosa praia viguesa maior, un areal de máis de dous quilómetros que vai dende o Laxón até a Foz do Lagares, que é o mesmo ca dicir dende o Cabo do Mar até o Cabo da Vella. Situada nas parroquias de Alcabre e Navia, cuxa fronteira está na pedra do Sinal do rochedo ígneo das Queimadas, esta formidable franxa de area agoniza maltratada por un paseo de formigón, construído en tempos do franquista alcalde Rafael J. Portanet, que coutou a liberdade do traballo incansable da duna e a vida da súa flora intermareal. Dende as praias do Tombo (ou Chimpo) do Gato, tantas veces mal chamada “playa de la fuente”, e da do Cocho das Dornas, Samil estrícase na praia da Argazada, bautizada nos setenta de forma pixoteira como “playa azul”, e na praia do Tiro das Artes, onde en tempos daba a volta o tranvía, á altura do que foi o Balneario, testemuña silente das faenas pesqueiras que se facían naquel lugar desde o que os mariñeiros de baixura lanzaban as súas artes para logo recollelas polo arrastre dos seus brazos. Samil é dende hai un século o espazo preferido do lecer da veciñanza viguesa de todas as idades, atractivo e referencia dos que nos visitan, tamén espello do contraditorio desenvolvemento urbano vigués, dos erros colosais da desfeita de hai case cincuenta anos e das ansias de recuperación desta peza esencial do patrimonio natural de noso.

Foi un estudo da Universidade de Vigo o que alertou sobre a destrución do areal de Samil, que nas últimas catro décadas perdeu máis do 50 % da súa superficie, e sobre a necesidade dun plan urxente de recuperación das súas dunas e espazo intermareal. Así quedou recollido no Plan Xeral aprobado en 2008 (vixente) que contemplaba a desaparición do actual paseo, así como dos catro restaurantes e instalacións deportivas alí situadas. A este teor, o PXOM no marco dunha reordenación xeral de toda a zona de Samil, prevé, entre outras medidas, a redución a un camiño de servizo de oito metros de ancho da actual Avenida de Samil e o desprazamanto deste vial principal detrás do Hotel Samil. Unha actuación moi ambiciosa (e custosa) que permitiría o retranqueo do paseo urbano até o que hoxe é avenida e que, como xa sucedeu de forma moi exitosa na praia do Vao, facilitaría nuns anos a rexeneración da duna e a recuperación da flora intermareal autóctona. Porén, esta actuación rexeneradora, aprobada no PXOM, enmarcada dentro das actuacións do Ministerio de Medio Ambiente de recuperación das marxes da beiramar, semella que non é pola que aposta agora, inseridos na crise inmobiliaria, o equipo de goberno presidido polo alcalde Caballero.

Quedaron aqueles tan bos propósitos do PXOM sobre Samil, avalados por todos os grupos municipais, previstos para o primeiro cuatrienio da súa posta en vigor, en augas de bacallao? Hai indicios que semellan así indicalo, como o feito de que o concello sacase nesta primavera a concurso unha nova concesión do antigo restaurante Jonathan de Karina Falagan por un período máximo de trinta anos. Un concurso que de facto supón abandonar a estratexia deseñada no PXOM de derrubo dos catro espazos hoteleiros do paseo, unha vez caducase a súa concesión. Así se fixo esta primavera co antigo restaurante As Dornas e así (teoricamente) se continuaría facendo co Camaleón en 2018 e co San Remo en 2022. Existen razóns que descoñece a cidadanía que aconsellen sacar a concurso o restaurante Jonathan (apenas 450.000 euros para as arcas municipais) e abandonar de vez a estratexia prevista no PXOM? Existen outros plans urbanísticos alternativos para Samil capaces de frear un proceso de desaparición das dunas, acelerado nos últimos anos polos efectos do cambio climático sobre a beiramar? É lexítimo que se recorra ao disposto no PXOM para avalar actuacións tan complexas como as de Porto Cabral ou para legalizar edificacións problemáticas e, pola contra, se poida deixar a Samil sen a protección que precisa?

O futuro de Samil está en escoller entre un modelo de praia urbana, cada vez máis reducida e saturada de formigón e instalacións, ou recuperar as que sempre foron as maiores dunas viguesas. Acadar ambas as dúas cousas a un tempo, como pretende o actual equipo de goberno, sería o mesmo ca procurar a imposible cadratura do círculo. Xaora, a extraordinaria evolución da praia do Vao, cada ano máis ampla e cunha vexetación intermareal máis vizosa, na que a area remonta e a duna conseguiu colonizar un paseo de formigón e as instalacións deportivas de Leri, demostran que con vontade política a rexeneración é tecnicamente posible. É imprescindible, pois, abrir un amplo debate cidadán con todas as cartas sobre a mesa sobre cal debe ser o futuro do sistema dunar de Samil nos vindeiros cincuenta anos. Éche unha cuestión principal, está en xogo a supervivencia unha das iconas e alfaias da nosa cidade de sal.