Onte 1446: Caligrafía pola unión
A hora e media de debate na Radio Galega sobre o proceso de confluencia arrefriou o meu optimismo sobre as posibilidades dunha candidatura unitaria galega para as Xerais do 20 de decembro. Unha decepción que compartín onte con moitas amizades que expresaban o seu fastío por non ter identificado nas intervencións dos participantes a actitude cooperativa e a determinación necesarias para rematar un proceso de unión, que todos sen excepción ningunha, afirmaron compartir. O fracaso do debate, pois, non foi tanto polo que se dixo ou se agochou, que tamén, máis sobre todo polas escasas doses de afecto e complicidade expresadas por uns e por outra. No entanto, a pesar desta falta de claridade argumental e frialdade relacional, identificamos outras liñas a salientar. A primeira, para mín a máis desacougante, a intención dos membros do Encontro Cidadán por unha Marea Galega de ralentizar o proceso de confluencia con Iniciativa pola Unión, agardando polo «acordo dos partidos». A segunda, para min a máis clarificadora, a posición compartida polos representantes de A Nova e Podemos Galicia, priorizando sobre calquera outros obxectivos o discurso da «creba democrática no estado co réxime do 78».
Xaora, a pesar de que o debate manifestou as importantes diferenzas e resistencias existentes nesta confluencia, inevitables nos procesos de converxencia e mudanza, nin esta todo estragado nin perdimos a esperanza. Madia leva! Por riba das posicións xerárquicas dos partidos e dos seus liderados emblemáticos debe estar a vontade de confluencia dunha cidadanía que para defender os intereses da maioría social galega e da existencia de Galicia como suxeito político non entende outra linguaxe que a manuscrita pola caligrafía da unión. Trabúcanse gravemente aqueles que consideren meramente instrumental esta posición cidadá.