Listado de la etiqueta: pedro_puy

Feijoo: transferencias cero

Dediquei o derradeiro artigo do ano para Luzes ao desinterese de Feojoo na negociación das transferencias pendentes de desenvolvemento estatutario:

Se non mudan moito as cousas, Alberto Núñez Feijoo pasará a historia da autonomía como o único presidente da Xunta de Galicia que non pechou non seus mandatos traspaso ningún de competencias. E outrosí, trinta e cinco anos despois daquelas primeiras quince competencias transferidas no mes de xullo de 1982 polo goberno de UCD, Mariano Rajoy será tamén o primeiro presidente dun Gobierno de España que non seus mandatos non transferiu nin unha soa competencia nova a Galicia. Unha coincidencia de ambos os dous líderes populares galegos que non semella fortuíta.

E o caso da actitude displicente de Feijoo e Rajoy coa ampliación do autogoberno galego, máis alá da expresión da súa escasa autoestima e pouca consideración cos afáns dos seus compatriotas, ten hoxe moita máis miga política do que aparenta. Abonda con lembrar que desde 2008, cando o goberno de Zapatero transferiu ao presidido por Touriño o Parque das Illas Atlánticas, Galicia xa non asumiu competencia ningunha máis. Como abonda consultar na rede para comprobar como Feijoo desque accedeu á presidencia da Xunta de Galicia abandonou de raíz o discurso que mantiña como xefe da oposición, cando criticaba as “transferenciñas” negociadas polo bipartito e consensuaba en 2009 co PSdeG-PSOE e BNG a reclamación do famoso e histórico paquete das setenta competencias pendentes.

Displicencia inicial co proceso transferencial transformada en 2015 en negativa rotunda a continualo, cando Pedro Puy, presentado como a cara máis razoable e galeguista do PPdeG, acuñou o discurso de que o pulo do autogoberno galego radicaba no mantemento da solvencia da comunidade, mais que na dotación de novas transferencias. Doutrina dende entón nunca cuestionada, seguida ao pé da letra polo presidente Feijoo, que situaba ás políticas de consolidación fiscal (o eufemismo utilizado polos administrativistas para referirse aos recortes de políticas sociais, educativas e culturais) como eixo da acción do seu goberno, ao tempo que remataba coa posibilidade de reforzar ás institucións de autogoberno e acadar un novo teito competencial para a autonomía galega.

Xaora, para sermos precisos, durante a campaña electoral das Galegas do 25 de setembro de 2016, Feijoo expresou nalgunha intervención que a mellora da situación financeira permitiría abrir a axenda de traspasos pendentes, lembrando así o paquete das setenta competencias, entre as que citaba ás da AP-9, as da Inspección de Traballo, as de ordenación do litoral, inspección e vixiancia pesqueira, como a posibilidade de volver a falar da de tráfico e seguirdade viaria, aínda que deixaba no esquecemento moitas outras do paquete consensuado en 2009 no Parlamento como as competencias sobre museos, bibliotecas e arquivos, ou as bolsas de estudo por citar algunhas das significativas.

No entanto, mergullados na actual crise de estado provocada polo “problema catalán”, Feijoo volveu achantar a reclamación transferencial de Galicia aducindo que a impedía a “excepcionalidade que vive hoxe o estado as autonomías”. Un argumento ad hoc que expresa o compromiso de Feijoo de non crearlle outro problema a Rajoy, mesmo a pesar de que o Parlamento (co voto dos populares) acordase o pasado mes de marzo solicitar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, fulcral para un desenvolvemento sostible e equilibrado do país. Unha actitude do presidente dos Peares que, para o noso escarnio, coincide coas transferencias que o propio gabinete de Rajoy negociou con sete comunidades como Andalucía, Canarias, Comunitat Valenciana, Madrid, as dúas Castelas ou Baleares. O que serve para elas non serve para Galicia?

Xaora, Feijoo coa súa teimosa política de transferencias cero preséntase nos medios capitalinos como o modelo dun xestor responsable dun novo estado das autonomías. E non falamos aquí nin da súa negativa a considerar a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia nin o baixísimo nivel de produción lexislativa dos seus gobernos, outras expresións da súa intención de rebaixar a autonomía galega. Utilizando semellante estratexia conformista, imaxinamos a que aspira Feijoo?

 

Seguín as informacións de David Lombao en praza.gal para documentar este texto, profesional a quen expreso gratitude e recoñecemento.

Camilo, a razón esperanzada

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á figura de Camilo Nogueira.

Homenaxe_a_Camilo_11-11-2016Baixo o lema “A esperanza razonada, a razón esperanzada”, Camilo Nogueira recibiu o pasado venres en Compostela a gran homenaxe que merece. Un serán no que a música de Tundal, Pardal na rúa e Uxía serviu para enfiar o retrato humano e político dun home recoñecido por todo o país pola súa coherencia e honestidade. Unha noite inesquecible onde no escenario do Auditorio de Galicia as doses de emoción mergulláronse coas de reflexión sobre unha terra cantada e construída dende unha tranquila autoconfianza nas propias posibilidades.

As intervencións dos voceiros dos partidos representados no Parlamento de Galicia, Xoaquín Fernández Leicega (PSdeG-PSOE), Ana Pontón (BNG), Pedro Puy (PPdeG) e Luís Villares (En Marea), que recoñeceron as contribucións decisivas do vigués ao desenvolvemento do autogoberno, constituíron un fito que sitúa a Camilo como un referente histórico da Galicia de entre séculos, ao tempo que abre unha xanela de esperanza para recuperar no futuro inmediato consensos e posicións orixinais en temas de país. Unha xusta reciprocidade das forzas parlamentarias con quen ao longo da súa vida política foi un militante do diálogo ilimitado cos seus adversarios, aos que sempre respectou na discrepancia, mais sen renunciar nunca a convencelos das súas posicións.

Na figura deste fillo dos Romanciños, lugar do barrio de Riomao de Lavadores, celebramos as cualidades dunha persoa boa e xenerosa na que identificamos os valores do galeguismo republicano e da esquerda galega, mais tamén na que recoñecemos unha forma singular de estar no mundo, adoptando como posición vital un optimismo construtivo, natural e contaxioso, traducido en afouteza na defensa das súas conviccións tan firme que chegaba a ser considerada como expresión de teimudez.

Xaora, en Camilo admiramos a un cidadán comprometido coa súa xente e o seu país, mais ao que ningunha causa ou problema do seu tempo lle resultou allea. Na homenaxe as palabras de agarimo e admiración dos seus compañeiros e compañeira dos Verdes / Alianza Libre Europea, grupo do que formou parte no Parlamento Europeo de 1999 a 2004, expresaron a súa valiosa achega na construción do proxecto da Europa sen fronteiras, hoxe máis necesario ca nunca, cando semella que a utopía europeísta comeza a ser derrubada pola xenofobia populista.

Xunto a outros membros da súa xeración, Camilo comprometeuse no proxecto, aínda inconcluso, de reconstrución do nacionalismo galego, liderando os partidos vinculados ao pensamento do socialismo nacionalista (Galicia Socialista, POG, Esquerda Galega e PSG-EG). Dende cada unha destas formacións, Nogueira contribuíu á modernización do proxecto nacionalista, desenvolvendo un programa global e sectorial capaz de construír Galicia como auténtica nación política, aceptando a responsabilidade de valerse fiscalmente, na interdependencia doutras nacións europeas, e promovendo un desenvolvemento autocentrado dos diversos sectores da economía.

Dende estas formacións políticas, ás que podemos denominar de “Esquerda Galega”, Camilo ofreceu unha proposta organizativa, comunicativa e programática para o conxunto do nacionalismo galego que, quizais, anticipou varias décadas a bautizada agora como “nova política”. Un nacionalismo que non é nin credo nin relixión senón apenas unha proposta de autoorganización que procura o autogoberno para Galicia e as maiores cotas de benestar e igualdade para toda a súa cidadanía. Ademais, Camilo dedicou moito tempo da súa vida a estudar e divulgar de forma teimosa a historia de Galicia para denunciar así a ideoloxía españolista e a marxinación inxusta á que foi sometida durante os últimos dous séculos. Afondou tamén nas raíces do galego, que concibiu sempre como lingua universal, vinculada ao mundo da lusofonía e das culturas atlánticas, un xeito de pensar o mundo dende Galicia en constante diálogo co noso tempo.

En definitiva, como sinalou Manuel Rivas na homenaxe, “Camilo encarna todo aquilo no que se pode confiar”, ou como expresou Suso de Toro, “Camilo representa o mellor de nós, a aposta de toda unha vida para que a nosa sociedade galega sexa capaz de solucionar os seus problemas por ela mesma”. Camilo é o modelo de home coherente e honesto, práctico e apaixonado, épico e lírico, reflexivo e soñador, curioso e rigoroso, velocista e maratoniano, atacante e defensa. Nogueira representa a esperanza razonada dunha Galicia con futuro no marco da Europa dos pobos, unha Galicia construída dende unha razón esperanzada por xeracións chantadas nas raíces da autoestima do presente. Contra tantos prexuízos existentes, a figura de Nogueira demostra que en política aínda hai persoas boas e honradas, servidores públicos que merecen o noso agarimo e recoñecemento. Beizón, Camilo!