Listado de la etiqueta: patrimonio_da_humanidade

Un plan para Cíes

Volvo esta semana no artigo de Faro de Vigo sobre o conflito de Cíes:

A picada da burbulla das viaxes turísticas a Cíes continúa ocupando  o interese de todos os medios e da axenda pública do Vigo metropolitano. Despois dos ríos de tinta verquidos a pasada semana, non hai dúbida que todos apuntan á cobiza das navieiras como causante da superación sistemática dos cupos de visitas e dos perigos desta saturación turística que dende hai anos padece este espazo natural protexido. Como tamén é difícil non identificar a dimensión política dun conflito, ao que tampouco é allea a tibieza da Xunta de Galicia, que recibiu a transferencia da xestión do parque nacional en 2008, para sancionar ás empresas pola sobrevenda de billetes.

No entanto, tamén se apunta como outro factor que fixo medrar a burbulla de Cíes a incapacidade do Patronato do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas para aprobar un Plan Reitor de Usos e Xestión (PRUX) como instrumento de planificación e ordenación capaz de facer compatible a protección do medio natural co seu uso para actividades económicas pesqueiras e turísticas. Integrado por representantes das diversas administracións (Goberno, Xunta e Concello) e de organizacións sociais (confrarías e asociacións ecoloxistas) e creado para velar polo cumprimento das normas e actuacións programadas no parque, na incapacidade deste Patronato de acadar entre os seus membros un consenso suficiente para aprobar o PRUX está a cerna do problema que arrastra Cíes. Dificultades para forxar un acordo ao que non foron alleas nos innumerables borradores nin a oposición rotunda das Confrarías de Pescadores para aceptar restricións á pesca nunha das zonas máis ricas do litoral galego nin as demandas das navieiras e doutras empresas turísticas para impedir a redución do cupo de campistas e visitantes diarios.

Un fracaso en toda regra para fixar os límites (imprescindibles) para a explotación tanto dos recursos pesqueiros como dos turísticos deste espazo natural que, non sexamos inxenuos, precisa aínda máis protección da que ten na actualidade.  En definitiva, dende 2002, ano da creación do Parque Nacional, nas Cíes, como no resto das Illas Atlánticas, rexeu a perigosa política do deixar facer, pechando os ollos a unha realidade que precisa da determinación e compromiso do executivo galego, de doses elevadas de consenso interinstitucional, como de altura de miras por parte de todos os colectivos implicados.

Xaora, a de Cíes foi una situación que se fixo aínda máis esperpéntica cando en 2013 o Concello de Vigo anunciou a candidatura para que as illas fosen declaradas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Unha proposta que contou, loxicamente, co apoio unánime e orgulloso da veciñanza da área metropolitana viguesa, mais que diante da precariedade da xestión do Parque Nacional como do bloqueo das relacións políticas entre a Xunta e o Concello de Vigo, por utilizar a suavidade de dous eufemismos, non ten un futuro moi claro. E nesta cuestión xa chove sobre mollado. Abonda con lembrar que se quixo poñer en marcha a Área Metropolitana de Vigo, sen pechar antes un modelo de transporte, e o proxecto quedou en auga de castañas. Razón pola que temo que as Cíes non poderán ser declaradas como Patrimonio Natural da Unesco se non se pecha un acordo entre administracións e colectivos arredor do agora tan traído e levado Plan Reitor de Usos e Xestión. O que non ven ser outra cousa que un documento no que se fixen os criterios que permitan unha xestión sostible dos recursos da nosa primeira alfaia natural.

A picada da burbulla de Cíes non se solucionará só polo control por parte da Xunta de Galicia da actividade das navieiras nin pola posta en marcha dun sistema máis fiable de admisión de visitantes. Dúas medidas imprescindibles, mais claramente insuficientes nun contexto que obriga ao compromiso de acuñar de vez un consenso sobre o PRUX. A xestión de Cíes non se soluciona con máis parches, precisa dunha completa reviravolta, dun plan avalado polo Ministerio de Medio Ambiente, pola Xunta de Galicia, polo Concello de Vigo, polos profesionais do Parque Nacional, polas confrarías de pescadores, polas asociación empresariais do sector turístico e polos colectivos ecoloxistas.

Eis o reto de Cíes, transformar a picada desta burbulla nunha oportunidade para poñer en valor todas as súas potencialidades. Forxar este acordo, con rigor e xenerosidade, sería o mellor aval da candidatura UNESCO, mais tamén contribuiría a contar cun modelo para recuperar o proxecto tan necesario arredor da lei da Área Metropolitana. O Vigo futuro precisa recuperar doutra política, a estratéxica e de amplos acordos, a única que pode evitar situacións tan vergonzosas como as vividas en Cíes este verán. Si, un plan de usos sostible para Cíes apoiado por todos. Ese é o reto.

 

O transporte a Cíes

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao conflito do transporte a Cíes:

O caos que se produciu o pasado domingo, que afectou a dúas mil persoas que contrataran a súa viaxe ás illas Cíes dende os portos de Vigo, Cangas e Baiona, pon en evidencia o fracaso deste modelo de transporte na ría de Vigo que semella moi dificilmente compatible coa proteccións dos valores da primeira alfaia do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o espazo para o que a cidade de Vigo reclama o seu recoñecemento pola Unesco como Patrimonio da Humanidade. O feito de que a Garda Civil o domingo impedise o acceso ás illas a estes turistas, que acudiron ao reclamo do feitizo das Cíes e a súa condición de “mellor praia do mundo”, a pesar dos prexuízos que a eles ocasiona e polo que deben ser resarcidos como consumidores, é tan lexítimo como necesario xa que debe ser respectado o aforo máximo de tres mil persoas, das que cada día 2.200 son visitantes, e 800 as aloxadas no cámping, previa reserva, nalgúns casos con semanas de antelación, ás que se engaden os tripulantes das embarcacións que teñen permiso de fondeo.

Un aforo limitado que, como viñeron denunciando teimosamente os gardas e os propios responsables do Parque Nacional ante as autoridades da Consellaría de Medio Ambiente, é superado de forma habitual por catro das seis navieiras que ofrecen a travesía ás illas, até chegar mesmo a case duplicalo e superar os catro mil visitantes nas mellores fins de semana de agosto. Unha perigosa saturación que pon en risco tanto a conservación dos espazos naturais deste noso paraíso, como a seguridade dos propios visitantes en caso de necesidade de evacuación ou doutra contixencia. Unha situación repetida os veráns anteriores nos que a Xunta de Galicia abriu varios expedientes ás navieiras por transportar máis visitantes dos permitidos e chegou a multar a unha delas con 6.000 euros, o que semella sancións “asumibles” se temos en conta que cada billete custa na tempada de verán 18,50 euros.

A orixe deste modelo de transporte de ría, que supuxo o remate da concesión en exclusiva que en 1999 fora outorgada á empresa Navieira Mar de Ons, estivo na sentenza de 2006 do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que obrigou a liberalizar o servizo de transporte marítimo regular entre Vigo e o Morrazo como as liñas de tempada ás Illas Cíes. Como sinalou Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC, “o dogma neoliberal, unido a unha deficiente defensa ante o TXUE” obrigou ao Parlamento Galego, sendo presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño, a aprobar a Lei 2/2008 de 6 de maio pola que se desenvolve a libre prestación de servizos de transporte marítimo de persoas en augas interiores de Galicia.  Unha lei que, como demostra a polémica desta fin de semana, no caso da Ría de Vigo achegou escasas garantías aos máis de catro mil usuarios habituais deste tipo transporte (dende entón, os servizos e as frecuencias a Cangas e Moaña reducíronse de forma notable) como, no caso de Cíes, onde se estima se desprazan máis de cen mil persoas cada ano, moi escasa protección deste espazo natural.

Dende que se aprobou a liberalización, e como era máis que previsible, comezou unha carreira tola por levar viaxeiros a Cíes, onde está a mellor tallada deste negocio de transporte turístico. E non tardaron tampouco en aparecer as presións das navieiras para que non fose modificado o aforo máximo, como reclamaban as asociacións ecoloxistas e os responsables do propio Parque Nacional. Abonda con lembrar como en 2011 cando se presentou un novo Plan de Uso e Xestión, o Goberno Galego (presidido por Alberto Núñez Feijoo) tirou a toalla para reducir o número de visitantes diarios a 1.800 e as prazas do cámping a 550, cupos que as navieiras consideraban desproporcionadas para a demanda existente e prexudiciais para o sector turístico. Con esta lóxica, onde prima o interese económico privado sobre os intereses xerais dun espazo protexido, onde mesmo é rendible pagar unha sanción por superar o aforo autorizado, foise desenvolvendo esta burbulla de Cíes que, por ventura, picou esta fin de semana.

A Xunta de Galicia como responsable de xestión do Parque ten a obriga de que as navieiras privadas respecten os cupos de visitas establecidos. E para iso conta coa posibilidade, en caso de falta moi grave, de extinguir os permisos de transporte a aquelas que non o fagan. Como o concello de Vigo, promotor da candidatura de Patrimonio da Humanidade, e a propia Deputación de Pontevedra, deben contribuír a unha promoción das Illas Cíes na que se saliente a súa condición de espazo protexido e se potencie a desestacionalización das visitas, o que contribuiría a diminuír a actual saturación turística que as pon en perigo. Recuperar esta lealtade e colaboración interinstitucional é imprescindible para asegurar o futuro de Cíes como Patrimonio da Humanidade.

A candidatura de Cíes

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a candidatura das Illas Cíes para ser declaradas pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade:

Cies

“Nas illas Cíes está o paraíso”. Unha frase inesquecible para min que repetía a nosa veciña Angelita que, hai cincuenta anos acampaba todas as fins de semana do verán en Cíes. Angelita e o seu home, Angel, traballador da conserva, formaban parte daquel grupo de campistas vigueses, auténticos pioneiros, que comezaron a poñer en valor as illas de Monteagudo, Faro e San Martiño como o primeiro tesouro natural da ría de Vigo. Campistas dos anos sesenta, moi anteriores aos hippies que chegarían na década seguinte, cuxa teimosía facilitou que en 1968 a empresa Vapores de Pasaje S.A. botase aquel “Islas Ficas”, mítico buque para medio milleiro de persoas que uniu durante tres décadas os peiraos de Vigo e Rodas. Popularmente bautizado como o “Ficas” –denominación (non sabemos se é unha lenda urbana, acuñada polo navieiro Rodrigo Freire) nacida da confusión do rexistrador, que confundiu un “s” cun “f”, xa que o nome orixinal era o de “Islas Sicas”, para Gerardo Sacau, unha das formas históricas do nome de Cíes– reemprazaba as vellas lanchas a vapor da empresa de Emilio Fábregas, Vapores de Pasaje y Turismo, como “Balea”, “Vigo” ou “Nuevo Senén”, que dende 1922 facían as excursións turísticas á illa norte.

Case cincuenta anos despois da botadura do “Ficas”, tras case catro décadas como Parque Natural (1980) e tras tres lustros da declaración como parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, as illas Cíes son a primeira e máis valiosa das alfaias do tesouro natural da Ría de Vigo e, tamén, o principal reclamo turístico internacional de toda a área metropolitana, superando segundo algunhas estimacións os 300.000 visitantes anuais, nun punto xa moi perigoso de saturación da presenza humana para a conservación dos seus espazos naturais. Gabadas as súas praias como “unha das mellores do mundo”, incluídas nos máis importantes roteiros turísticos, dende hai catro anos o concello de Vigo, presidido polo alcalde Abel Caballero, prepara concienciudamente a candidatura das illas Cíes para que sexan declaradas como Patrimonio da Humanidade, o que contribuiría tanto a consolidar a promoción turística internacional da nosa área metropolitana e a inclusión do noso porto nas rotas atlánticas de cruceiros como ao reforzamento da protección e preservación do ameazado ecosistema do arquipélago.

E razóns non lle faltan ao concello de Vigo para argumentar esta candidatura de Cíes como patrimonio da humanidade, dende os valores medioambientais e paisaxísticos excepcionais das illas, pasando polos seus vestixios históricos castrexos, o patrimonio subacuático (até sete pecios) agochado nas súas augas, a tradición mítica e lendaria (das chamadas “illas dos deuses”), as referencias literarias na obra de Jules Verne, un dos seus primeiros divulgadores, como a memoria de ducias de naufraxios, até a súa magnífica integración e comunicación marítima nun entorno metropolitano urbano de medio millón de persoas. Sen esquecer que nos cantís de Cíes nidifica a colonia máis importante do mundo de gueivota patiamarela, así como outras aves mariñas en perigo como o cormorán, o arao, a gueivota cincenta ou o paíño. Os botánicos levan catalogadas alí máis de seiscentas especies diferentes, algunhas tan recentes como o “pé de paxaro”, outras únicas coma a “camariña” ou en perigo de extinción como a “herba de namorar” presentes nas dunas da praia de Rodas. Como tamén son moi singulares os seus hábitats acuáticos e a fauna de vertebrados mariños, coa presenza de golfiños, arroaces, marsopas e tartarugas.

O que non se entende, no que debería ser un proxecto estratéxico para o Vigo metropolitano, apoiado polas forzas políticas e entidades sociais e veciñais, é que a última hora, cando está a piques de formalizarse o proxecto do concello de Vigo diante do Ministerio de Cultura, aparecese a Xunta de Galicia anunciando unha candidadura alternativa para o conxunto do Parque das Illas Atlánticas. Outra pedra no zapato coa que o goberno de Feijoo pretende amolar ao alcalde Cabellero, como a do transporte metropolitano ou a chegada sine die do AVE por Cerdedo, que sen embargo en Vigo deixan en ridículo ao seu partido e comprometen as posibilidades de Elena Muñoz como candidata á alcaldía. Máis aínda, cando non é difícil percibir o compromiso de Feijoo coa da Ribeira Sacra, a outra candidatura galega (magnífica, sen dúbida) que se está a preparar para ser recoñecida pola UNESCO. Os papeis non terman de todo. Bo sería que Alberto Núñez Feijoo trasacordase desta clara metedura de zoca e apoiase tamén sen matices a candidatura das illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, formalizada polo concello Vigo e apoiada por toda a urdime cívica viguesa.