Onte 1267: «Galicia Encantada»
A presentación no Ateneo de Pontevedra de Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, libro colectivo editado por Antonio Reigosa, resultou ser unha auténtica polafía de expertos narradores na que se foron debullando contos, mitos e lendas, apareceron seres e lugares míticos e outras historias do noso patrimonio de tradición oral. Un libro que é arca e arquivo de contos da nosa tradición oral, tanto pola orixe do material textual coma dos diversos recopiladores que dende hai unha década publican en galiciaencantada.com, o espazo web creado e mantido por Antonio Reigosa en internet. Un libro que constitúe apenas unha escolma impresa deste amplísimo arquivo dixital.
Comezou a súa intervención Antonio Reigosa dicindo que a publicación do libro celebraba os dez anos de galiciaencantada.com, que se cumpriron o pasdo 5 de marzo. «Trátase dun libro coautoral no que se recolleron cento e un relatos de cincuenta persoas diferentes. Dividíronse nas mesmas seccións do portal, mais de xeito moito máis reducido.» Enumerou despois algunhas delas, deténdose nalgunhas como as lendas urbanas, as curiosidades toponímicas, os relatos extraordinarios de autores e autoras contemporáneos ou aquelas historias vinculadas cos nubeiros e tronantes que forman parte do patrimonio da nosa tradición oral. Aínda que o libro ten un carácter representativo de todo o país, Reigosa comentou os relatos recollidos no suroeste galego, na rexión urbana de Pontevedra e Vigo: o da «Pinoucha», arquetipo do personaxe que quere roubar os nenos, recollido no Porriño; «A ponte das partidas”, recollido por Manrique Fernández; a lenda do zapatero de Cangas e a dos construtores suicidas, entre outras.
Convidou despois a varios dos coautores a comentar as circunstancias da recollida de cadanseu texto: a Rafael Quintía, «A cova do ermitán Juan Manuel»; a Poldo Cañizo Durán, «A correa» e a Marcos Seixo, «A verdadeira historia da capadoira de Cuntis». Aberta a quenda de participación do público foron moi diversas as cuestións propostas. Ao fío das historias nas que participa a donicela, Reigosa comentou que «se un animal, como a donicela, ten moitas denominacións significa que ten moita importancia no patrimonio simbólico desa comunidade.» No entanto, foi a cuestión do apalpador a que centrou as intervencións posteriores. «As primeiras noticias sobre o apalpador fixéronme dubidar. Logo apareceron cousiñas. como a referencia de Taboada Chivite sobre noite da apalpador, que me fixeron entender que tiña sentido. Logo apareceu a figura do pandigueiro con connotacións parecidas. Agora apareceu unha fonte no Bierzo que confirma que en todas as culturas europeas existían estas figuras. Outro debate diferente é que esta figura sexa significativa para a comunidade.» Seguindo ese fío, Rafael Quintía comentou que sobre o apalpador existen testemuñas e cantigas, «aínda que cómpre diferenciar a investigación dun fenómeno de empoderamento para construír identidades.O debate hoxe está entre empoderamento e globalización.»