Listado de la etiqueta: os_fillos_do_lume

Marcó del Pont

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo á figura de Buenaventura Marcó del Pont:

Ao fío do artigo do pasado martes sobre Gonzalo de Vigo como un novo mito vigués a poñer en valor, varias persoas me comentaron como era posible que continuasen esquecidas outras figuras da nosa historia local como Buenaventura Marcó del Pont, empresario da salgadura, armador corsario e alcalde permanente de Vigo, de quen no mes de setembro deste ano se fan trescentos anos do seu pasamento. E non lle faltan razóns aos meus interlocutores xa que a peripecia deste fomentador catalán constitúe un relato necesario para entender a incipiente prosperidade da economía marítima daquel primeiro Vigo urbano e portuario de finais do XVIII e comezos do XIX, como salientou o escritor Pedro Feijoo na súa intervención recente no Club Faro de Vigo, coincidindo coa aparición da súa novela Os fillos do lume (Xerais 2017), e como amosa tamén o feito das númerosas páxinas que lle dedicaron a este emprendedor José de Santiago Gómez en Historia de Vigo y su comarca (1896), José Espinosa Rodríguez en Tierra de Fragoso (1949) ou don Xosé María Álvarez Blázquez nos seus libros vigueses máis emblemáticos A cidade e os días (1960) e Vigo en su historia (1979).

Nacido en Calella (Girona) en 1738, Buenaventura estableceuse en Vigo en 1758, onde fundou no barrio do Areal, xunto con outro catalán, Francisco Puig, a primeira fábrica de salgadura de Galicia. Obtivo de Carlos III licenza real (patente de corso) para fustrigar á flota británica e aos seus aliados portugueses, até converterse nun dos armadores máis importantes do seu tempo, facendo numerosas presas de artigos como sal, bacallao de Terranova, aceite, viños e fardería de coiros e panos. A casa comercial e navieira Marcó del Pont armou en corso navíos como o “San Carlos” (alcuñado “Atrevido) o “Cristo da Vitoria” (“Magnífico”), o “Purísima Concepción” (“Galgo”) ou o “Príncipe da Paz”, que a partir de 1779 participaron activamente na guerra corsaria librada con buques británicos e holandeses, librando batallas apaixonantes, como algunhas desenvolvidas na propia ría de Vigo, relatadas en incribles notas a pé de páxina na xa citada historia de Vigo de José de Santiago. Unha actividade corsaria que permitiu unha importante acumulación de capital e o desenvolvemento do propio porto de Vigo, máis alá da súa condición da viliña de pescadores do Berbés.

Non esquezamos que foi Buenaventura Marcó del Pont quen en 1773 elevou súplica a Carlos III para que habilitase o porto de Vigo para despachar, a título de expedicións particulares, algúns navíos a Cuba e as Antillas, intentando abrir así vías comerciais con América, o que suporía rematar co monopolio dos portos andaluces de Sevilla e Cádiz no tráfico de Indias. Como foron tamén as xestións deste “home de moito prestixio e suxeito adiñeirado” (así o definiu Álvarez Blázquez), as que permitiron que o porto de Vigo puidese en 1783 fletar os primeiros rexistros ultramariños e comezar a competencia cos portos da Coruña e Ferrol, que entón contaban con maior tráfico de navíos, e xa en 1794 o dereito a manter tráfico con todos os portos americanos. Foi este, sen dúbida, un logro senlleiro para o desenvolvemento de Vigo como cidade portuaria atlántica, que convertiría tamén a Marcó del Pont no “principal cargador de Indias no Vigo do dezaoito”. Abonda con salientar que en 1794 o porto de Vigo mantiña xa tráfico comercial con Montevideo, La Guayra, Cunamá e Buenos Aires, ao tempo que comezaba a angueira da construción dun peirao no barrio do Areal, onde se asentaban os fomentadores cataláns, para o embarco e desembarco das mercadorías, logro polo que habería que agardar case tres décadas.

O éxito da actividade corsaria e comercial permitulle acumular un importante capital e fundar a Casa de Crédito Marcó del Pont, capaz de financiar con importantes cantidades á propia coroa española. Como tamén contar con varias residencias como a casa fidalga do Areal ou o fermoso Pazo do Pousadouro de Redondela. Alcalde permanente de Vigo, ordenou en 1816 a reconstrución do novo templo de Santa María (Colexiata) por sufrir ruína o anterior ao explotar o polvorín do castelo de San Sebastián, ademais de custear do seu peto a talla tan querida do Cristo da Vitoria. Ácerrimo seguidor de don Carlos, polo tanto moi conservador, como os seus fillos Pedro e Francisco, que seguiron a carreira de armas, Buenaventura Marcó del Pont estivo detrás de moitos fíos do que sucedeu naquel Vigo que comezaba a xermolar como espazo urbano. Semella un tanto estraño que o seu nome non figure nin no rueiro histórico vigués nin tampouco os historiadores actuais se ocupasen de afondar na súa traxectoria. En todo caso, a efeméride do bicentenario do seu pasamento pode ser unha oportunidade por reparar nas achegas do corso na orixe do Vigo contemporáneo.

Onte 1901: Crónica da Feira do Libro da Coruña 2017

Rematamos onte tres días de intensa participación na Feira do Libro da Coruña. Seráns literarias todas moi concorridas  e interesantes nas que presentamos algunhas das novidades recentes de Xerais dirixidas a públicos diversos.

Comezamos o martes 1 de agosto con Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro nunha sesión audiovisual na que Xosé María Lema presentou os espazos e os personaxes desta versión publicada en Fóra de Xogo da novela coa que o de Bamiro homenaxea o clásico de Stevenson, a comarca da Costa da Morte. Continuou Elena Gallego Abad, que conversou coa escritora e crítica Mercedes Queixas sobre O xogo de Babel, unha novela publicada na serie de fronteira Milmanda, na que a creadora da serie «Dragal» explora o xénero romántico, a intriga psicolóxica e a literatura de viaxes, tan pouco frecuentes en galego. Pechou a primeira xornada Xurxo Mariño que engaiolou ao público coa presentación audiovisual do seu periplo arredor do planeta recollido en Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, publicado en Básicos Ciencia, e no seu blog fotográfico Vagamundeando. Mentres que Anxo Fariña asinou exemplares na libraría Lume de 4 xinetes.

Protagonizaron a segunda xornada, a do mércores 2 de agosto, Carlos Callón, Pedro Feijoo e Ledicia Costas. Callón tirando de moita retranca presentou o seu ensaio Galegocalentes e galegofalantes, publicado na colección Crónica, e defendeu a necesidade da activación dos galegofalantes e da unión dos galegocalantes como claves para o futuro do idioma. Xaora, os minutos de ouro dunha intervención moi vibrante de Callón foron os que dedicou a denunciar a identificación que os medios de comunicación galegos fan do galego coa delicuencia. A seguir conversamos con Pedro Feijoo sobre Os fillos do lume, a novela que recibida de forma entusiasta pola crítica lidera tamén de forma indiscutible todas as listas dos libros máis vendidos en galego. Feijoo defendeu a importancia da memoria no conxunto da súa obra e a súa intención de ofrecer outra visión de acontecmentos claves da nosa historia, como a Guerra de Galicia, mal chamada da Independencia. Mentres que a escritora Ledicia Costas asinou no stand de Lume exemplares da súa obra.

Onte, na nosa derradeira xornada, foron protagonistas Xurxo Souto, Manuel Rivas e Miguel Vázquez Freire. Souto presentou a cuarta edición de Contos da Coruña, un clásico, publicado hai dezaseis anos, que constitúe un auténtico compendio de épica cascarilleira, lembrando á poeta Luisa Villalta, que morreu en 2004 sen poder presentar En concerto, o seu libro póstumo. As repichocas e os contos de Xurxo emocionaron a un público que rendido celebrou a palabra coruñesa perfecta: ORZÁN. Desenvolveuse despois a agardada homenaxe arredor de Os libros arden mal de Manuel Rivas, recoñecida co Premio Mondoñedo 10 como a mellor novela galega da década (2006-2015). Antes da lectura de tres fragmentos, Rivas defendeu «a memoria conxugada como un presente recordado, a utopía de seres que exercen o dereito a soñar», insistindo en que «o corpo da linguaxe é a liberdade», e «a literatura debe funcionar como un biodetector, capaz de desvelar zonas de misterio», para finalizar citando a John Berger: «hai que ter un pouco de esperanza».

Pechou a participación de Xerais a presentación de Demos de verán, o regreso á narrativa galega, despois de case dúas décadas, de Miguel Vázquez Freire. Foi o xornalista Tino Santiago quen presentou unha novela que definiu como de lectura moi intensa. Na súa intervención Miguel confesou que tardara dez anos en escribila, «abandoneino moita sveces, case pode comigo como escritor, mais conseguín finalizala». Desvelou que foran tres as fontes da obra. A primeira os sucesos de malos tratos a menores acaecidos en 1984 e coñecidos como o caso Edelweiss; asegunda, un encontro fortuíto que tivo en Roma, que lle permitiu crear o personaxe de Radia Ludescu e desatascar a novela; e o terceiro, a proliferación de ideas, que levaron á humanidade ao desastre, difíciles de erradicar. «Quixen facer unha novela paródica das novelas esotéricas, ao xeito d’ O péndulo de Foucault, uha novela de misterio con fondo esotérico». Rematou Miguel anunciando a apertura do blog da novela onde publicará contidos estendidos.

 

Onte 1878: O regreso de Pedro Feijoo

Cronopios_23-06-2017

XG00264201Acompañei a Pedro Feijoo estes seráns pasados nas primeiras presentaciónsOs fillos do lume, a súa cuarta novela, na que afonda na historia da Guerra napoleónica de Galicia e desmonta os mitos acuñados en Vigo sobre o episodio bautizado como “A Reconquista”. Actos nos que conversamos sobre unha novela na que Feijoo recupera os personaxes de Simón Varela e Mariña Dafonta, protagonistas d´Os fillos do mar, coa intención de abordar o conflito entre absolutistas e progresistas aberto dende finais do século XVIII, esencial para entender tanto a orixe da fundación da cidade de Vigo como o devir da historia contemporánea de Galicia. Agarimado pola comunidade de lectoras, que aumenta con cada unha das súas entregas, Pedro Feijoo sorprende en cada intervención polo rigor e claridade do seu discurso histórico, froito dun moi concienciudo traballo de documentación, e polo seu entusiasmo reclamando unha nova historia para Galicia, que substitúa os mitos acuñados pola historiografía romántica.

A relevancia das localizacións no Vigo Vello, a intriga como motor dunha trama alicerzada sobre un caso de corrupción política e económica,os límites imprecisos entre a realidade e a ficción, as homenaxes á comunidade de lectoras por medio dos maqueos nalgúns personaxes ou a forma de entender o amor da parella protagonista son outros temas nos que os participantes nas conversas amosaron interese. Presentacións nas que, tamén, se fala da importancia para a narrativa galega actual de ampliar o perímetro do seu público, un feito no caso do novelista vigués que, como comprobamos en Ourense, A Coruña e Compostela, conta con lectoras en todo o país.