Artigos

Pra facermos xuntos un país

No artigo da semana en Faro de Vigo reflexiono sobre o fracaso do proxecto dunha candidatura única galega e os retos que para a representacón parlamentaria galega supoñerá enfrontar unha posible reforma constitucional.

Fracasou o proxecto dunha candidatura única galega capaz de constituír, tras as eleccións xerais do 20 de decembro, un grupo parlamentario soberano que representase no Congreso a idea de Galicia como suxeito político. Sen dúbida, foi un fracaso dos diversos chamamentos e manifestos a prol da unión, promovidos na súa maior parte de forma voluntarista por cidadáns sen adscrición partidaria, que agardabamos que desta volta a racionalidade na análise e as actitudes de responsabilidade e xenerosidade dos partidos facilitasen a unidade de acción electoral de nacionalistas e non nacionalistas, apoiados nun amplo movemento de base cidadán. Unha angueira que se demostrou, polo momento, imposible de acadar.

O fracaso do “proceso de unidade” das dúas plataformas cidadáns, Iniciativa pola Unión e Encontro Cívico por unha Marea Galega, foi apenas unha dramatización da imposibilidade deste acordo. Tras o éxito das tres mareas coruñesas nas Municipais de maio, ás direccións da AGE e Podemos asumiron un compromiso de comparecencia conxunta nas Xerais e Galegas, que ratificaron a comezos de outubro no “Pacto de Mazarelos”. Cando estas forzas falaban de “unidade popular” non se referían a outra cousa que non fose o acordo acadado entre elas. Aí naufragou o “proceso de unidade” e aí se malograron as ansias esperanzadas de moitas persoas de procedencias ideolóxicas diversas. Un desacordo inxustificable para a cidadanía progresista e galeguista que se ve obrigada a participar nunha loita fratricida entre dúas candidaturas de fasquía semellante, En Marea e Nós-Candidatura Galega, condenadas, no mellor dos casos, a obter un resultado cativo e insuficiente.

pra_facermos_xuntos_un_paisXaora, esta doenza crónica da desunión cainita da esquerda e do nacionalismo galego non é novidade ningunha na nosa historia. Acáelle coma anel a descrición que Albert Camus fixo do mito de Sísifo polo seu esforzo incesante e inútil de botar a rodar dende o outeiro a súa propia obra. En 2015 emulouse apenas aqueloutro fracaso histórico do manifesto de xaneiro de 1979, “Pra facermos xuntos un país”, no que se propoñía “dotar a Galicia de expresión política propia nos órganos de poder galego” coa intención de conformar “un grupo parlamentario galego nas Cortes Españolas” e “acadar para Galicia Autonomía plena no recoñecemento dos seus dereitos nacionais”. Catro mil persoas reclamaban a constitución dun “frente electoral unido das forzas políticas galegas (…), o que abriría un novo tempo no proceso político”. Daquela xa foi imposible acordar. E así durante case catro décadas non existiu nunca nas Cortes un grupo parlamentario galego, sendo en cada lexislatura a única voz de Galicia como tal a expresada de forma teimosa e comprometida por un par de deputadas ou deputado do BNG.

Coma sucedera en pleno proceso preautonómico, cando Galicia podía perder a posibilidade de que non lle fosen recoñecidos os seus dereitos históricos, hoxe o país sofre unha situación de emerxencia e afundimento, ameazado por unha hemorraxia demográfica imparable e unha preocupante fractura territorial, así como pola deterioración dos dereitos sociais e cívicos que sofre a maioría social. Entramos nun tempo político decisivo, tamén, para a reconfiguración territorial e política do estado, cuxo debate pode abrirse na vindeira lexislatura, sexa pola vía dunha reforma constitucional cara a configuración dun estado federal asimétrico ou pola máis complexa procura dunha solución política ao proceso soberanista catalán. Un debate onde Galicia debería ter voz de seu.

Xaora, non serve de nada lamentar o que puido ser e non foi. Galicia dificilmente contará cun grupo parlamentar de seu, mais precisa conformar posición orixinais (as compartidas por amplas maiorías sociais) sobre os temas esenciais do seu autogoberno, sexa a estratexia de recuperación poboacional, a rearticulación do seu territorio, hoxe fundamentalmente urbano, a recuperación dos dereitos sociais e políticos para a sua cidadanía, como a preservación da súa lingua, cultura e patrimonio. Este é un momento crítico, onde a cidadanía galega será a que exixa a súa representación acadar acordos en clave de país sobre estas cuestións esenciais.

Secomasí, no caso de que se produza o debate de reforma constitucional territorial, todos os membros da representación galega sen excepción, por riba da súa adscrición partidaria, sexan ou non de querenza galeguista, están obrigados moralmente a defender que Galicia teña o mesmo nivel que Catalunya e Euskadi. Como comunidade histórica, Galicia non pode aspirar a menos, nin ser relegada nin contar cunha capacidade de autogoberno inferior ás da súa condición actual. Un compromiso político que deberían asumir todas as candidaturas que aspiran a representarnos.