Artigos

Campo do Fragoso CXVI

VITORIA FRÍA
O partido da noitiña de onte demostrou que o fútbol é un estado de ánimo no que inflúe, entre outras circunstancias, a temperatura. O Celta saíu moi frío neste primeiro encontro do ano, tanto como o que sofrimos os sete mil e pico celtistas que acudimos a Balaídos. Os de Herrera, sometidos aos rigores da temperatura e a un exceso de confianza, perderon toda a primeira parte para facerlle algún dano a un pechacancelas que polo seu xogo de ataque e pola súa actitude nunca o pareceu. Durante este período, os de D’Alessandro asoballaron aos celestes e, sen dúbida, mereceron marcar. Xa no primeiro cuarto de hora, comezaron as dificultades para o Celta, incapaz de sacar a pelota xogada. Só un magnífico Álex –até agora, a estrela celeste da tempada– creaba un pouco sentido entre tanto barullo e un oportunísmo Oier retallaba o derradeiro pase catalán. Porén, os catro dianteiros de noso, colocados (incomprensiblemente) na mesma liña, eran incapaces de crear situacións de superioridade. Foron a excepción apenas dúas xogadas. No minuto 24, un saque de falta de Quique de Lucas dende a banda esquerda que o gardarredes tarraconí respondeu cunha fermosa pombiña. No 43 un remate de David Rodríguez a un pase vertical longo, quizais un chisco de máis, de Bermejo. Aí quedou toda a ansia atacante do Celta durante un período no que nunca lle colleu o entusiasmo ao xogo. Pola contra, o Nástic chegaba con asombrosa facilidade por mor da dificultade de Oubiña para ocupar todo o centro. Rodri perdoou cando Yoel, noutro deses seus erros que curtan a respiración á bancada, estaba batido. Pouco despois, Powell embarullouse diante do porteiro de Arbo. Xogada que se volveu a repetir na biqueira de Longás. Unha mágoa para os de D’Alessandro que tamén o intentaron dende lonxe cun cacheirón de Morán. Yoel semellaba accesible, máis imbatible para eles. Tras o descanso, o Celta saíu máis revolucionado pola entrada de Joán Tomás, que xerarquizou aos catro dianteiros celestes creando a posibilidade de paredes interiores e unha maior apertura polas bandas. Así chegou o formidable gol de cabeza de Roberto Lago, nunha acción de auténtica coraxe, tras unha excelente asistencia dende a banda dereita de Quique de Lucas. Aí semellaba ir a pique a lancha do Nástic. Tras o golazo, Orellana, moi confuso durante todo o encontro, debeu sentenzar nun deses lanzamentos tan precisos que poden bicar o poste a quince centímetros. Con tan tímido marcador por diante, os celestes non foron capaces de pechar o encontro. Pagárono durante os vinte minutos finais nos que sufriron moito, tanto como os seus seareiros. Só o acerto defensivo de Oier e Túñez (unha estraña parella de centrais, moi agresiva e dinámica, que está resultando boísima para a seguridade do equipo) e unha notable recuperación do xogo de Oubiña evitaron o empate dun Nástic que, a pesar das múltiples oportunidades, demostrou de novo ser incapaz de bater a Yoel. Jorge D’Alessandro desesperábase na banda, meu pobre! Para os celestes o mellor desta noite tan fría foron os tres puntos que permiten continuar en cabeza. O fútbol non só vai ser toque e beleza para a galería. Esta vitoria fría debe ser outro chanzo para o ascenso.

Campo do Fragoso XCIV

A VONTADE DOS GAÑADORES
Foi Jorge Valdano, actual director general do Real Madrid, quen acuñou que “O fútbol é un estado de ánimo”. Unha oración afortunada para expresar que o fútbol é un deporte cuxo resultado depende en boa medida da combinación de dous factores, a enerxía e a tensión. Semella que seguindo este esquema de análise a combinación ideal do equipo de fútbol gañador é, xeralmente, a de quen posúe altas doses de enerxía (traducida na lameira en termos de maior velocidade, atención, forza, afouteza, coraxe cos rivais) e ao mesmo tempo os niveis máis baixos de tensión e nerviosismo (acougo, tranquilidade, confianza, e disposición táctica sobre o terreo de xogo). Tras un mes de competición oficial e cinco partidos de liga, non hai dúbida que este Celta de Paco Herrera mudou radicalmente o seu estado de ánimo con respecto ás catro tempadas anteriores. Aínda que lonxe de engaiolarnos cun xogo de fantasía, posúe, porén, a vontade dos gañadores, iso que algúns chaman “sorte”. Unha mudanza decisiva. A pesar de que aínda é moi cedo e non se deben facer cábalas ningunhas até transcorrida polo menos unha cuarta parte da competición, tras catro vitorias consecutivas e un terceiro posto na táboa é inevitable que este Celta comece a facernos soñar, o que constitúe unha beizón para unha afección que leva moitos anos emocionalmente sacrificada. Tacticamente o segredo de Herrera parece que consiste en combinar niveis moi altos de disciplina de medio campo para atrás con moita velocidade e creatividade cara adiante. O éxito fronte ao Nástic de Tarragona, o conxunto do noso admirado Luis César Sampedro, residiu máis que na capacidade goleadora –o único tanto chegou moi cedo, apenas aos sete minutos, tras unha boa xogada do extremo De Lucas, mais froito dunha saída impetuosa na que os celestes derrochaban ansias de vitoria– no feito de manter por segundo partido consecutivo a portaría a cero. Eis a cerna da sacrificada vitoria de onte. Creo que será na consistencia da tea que Herrera pretende tecer sobre un trivote de mediocampistas moi traballadores –Bustos, Garai e ese fenomenal Áléx López (o ferrolán é a nova pérola da canteira galega)– e dous centrais grandes –Catalá e Jonathan Vila (admirable a capacidade de adaptación do porriñés)– onde poden residir boa parte das posibilidades competitivas dun equipo que agardemos conte cos goles que lles vaian proporcionando De Lucas, David Rodríguez, Trashorras e esperemos que tamén Iago Aspas e Dani Abalo. Diante do Nástic a saída dos nosos foi dominadora, mais tamén tiveron fases nas que foron claramente superados, sobre todo nos primeiros vinte minutos da segunda parte. Herrera, un adestrador con vontade gañadora, fixo tres trocos valentes que devolveron nos derradeiros quince minutos a enerxía atacante que faltaba e axiña chegaron as oportunidades para aumentar o marcador. A entrada de Dani Abalo foi decisiva para empurrar definitivamente a un equipo que amosaba preocupantes síntomas de cansazo. Endebén, hai tempo que nos contragolpes non gozabamos con tantas diagonais e pases longos de calidade como os que onte debuxaron sobre a lameira Álex, Trashorrras ou Michu. Nun mes pasamos dun equipo que expresaba algunhas dúbidas a outro co que enxergamos algunhas esperanzas. Un balance moi positivo.