Listado de la etiqueta: milicia_honrada

O estandarte da Atlas

Con motivo da festa da Reconquista dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao estandarte da fragata francesa Atlas:

O xornalista e historiador Eduardo Rolland no seu libro Reconquista. Vigo en armas (Xerais 2009) rescata un dos episodios máis afoutos da historia de Vigo, que ben merecería ser incorporado ao relato da festa da Reconquista, o mito fundacional do recoñecemento de Vigo como cidade. Trátase de como tras a saída dos soldados vigueses do rexemento de León cara a Meseta, a acabada de formar Milicia Honrada viguesa, na que a comezos do verán de 1808 se alistaron como voluntarios douscentos veciños de todas as clases sociais, paisanos sen instrución militar, que facían quendas de garda nos baluartes da muralla, obtivo antes da chegada das tropas francesas o estandarte do Atlas, unha fragata francesa que ostentaba a aguia de Napoleón, que o propio emperador lle concedera no Campo de Marte o 5 de decembro de 1804.

O prezado trofeo é unha tea de seda adamascada confeccionada pola Casa Picot, cadrada de 105 cm de lado na que aparecen tres bandas en sentido vertical, azul, branca e vermella e unha vaíña pola que pasaba a hasta que remata na súa punta nunha aguia de bronce dourado ao ouro moído de 1,85 quilos de peso e 31 cm de alto, 27 de longo e 10 de fondo.

No centro, a bandeira leva unha coroa de loureiro que rodea unha lenda de catro liñas, manuscritas en ouro, que di: «L’empereur des français au vaisseau l’Atlas». No reverso da tea atópanse os restos doutra lenda que debuxa o lema «Valeur et discipline». Aguia de ás despregadas deseñada por Antoine Chaudet, o escultor de confianza de Napoleón, á que o emperador concedía gran importancia, tanta como á da bandeira do seu imperio, xa que para el «levala era un orgullo, defendela coa vida unha obriga e perdela unha vergonza». Razón pola que os inimigos cando querían salientar unha vitoria sobre o exército de Napoleón a exhibían con fachenda.

Como relata José Santiago Gómez en Historia de Vigo y comarca (1896, IEV 2005), a Atlas coñecía xa a ría viguesa onde se refuxiara o 27 de xullo de 1805, tras o combate do 22 de xullo contra a armada inglesa nas augas de Fisterra, cando formaba parte da escuadra combinada franco-española de Gravina e Villeneuve, para reparar as graves avarías do seu casco na praia de Guixar e onde sería convertida en hospital flotante onde acudir aos feridos e doentes de tifo máis graves, entre os que se atopaba o seu comandante, o capitán Rolland. Unha visita que paradoxos da historia salvou ao buque da desfeita de Trafalgar.

Mais a proeza viguesa, relatada tamén por Xosé María Álvarez Blázquez en A cidade e os días (Monterrey 1960, Xerais 2008), comeza cando na mañá do 28 de xullo de 1808 (outras fontes a adiantan ao 30 de maio) a Atlas entra na ría despregado todo o seu velame. A aparición do buque ocasionou a alarma xeral nos baluartes da muralla. A fragata de 68 canóns avanzou até fondear fronte á Laxe, momento no que coa súa artillaría saudou á praza con salvas de honra presumindo que Vigo estaba xa no poder das forzas de Napoleón. Aproveitando este erro maiúsculo, pescadores do Berbés, do Areal e de Coia, antigos mariñeiros da Armada, embarcaron nas súas lanchas, ocultaron as súas armas, rodearon e asaltaron con incrible afouteza o navío francés. Cando o seu inocente capitán cre recibir unha comitiva de benvida, –don Xosé María Álvarez Blázquez dubida que fose o capitán Rolland, xa que coñecía as «sutilezas e bravuras dos nosos mariñeiros»–, atópase co seu barco abordado e en poder dos vigueses, polo que se entrega sen apenas resistencia. A milicia honrada apoderouse así do barco e do botín, bandeira e aguia imperial incluídas.

Segundo desvela Javier Noriega no seu artigo «Las águilas imperiales francesas que procedían de la mar» (2013) o estandarte do Atlas da mantívose no buque que dende a emboscada viguesa pasou a servir á Armada e tivo a súa base no arsenal de Ferrol até ser desmantelado en 1817. Dende agosto de 1847 forma parte dos fondos conservados no Museo Naval de Madrid, estando exposto a carón da sala dedicada á batalla de Trafalgar e sendo ademais o único exemplar da Mariña Imperial de Napoleón dos 37 entregados que sobreviviu á destrución destes emblemas ordenada pola restauración borbónica de Louis XVIII.

A festa da Reconquista celebra cada ano como Vigo entrou a formar parte da historia bélica europea como primeira praza reconquistada a Napoleón Bonaparte. Un relato do que debe formar parte esta emboscada alboral dos arteiros mariñeiros vigueses á temible Atlas, símbolo do poder imperial napoleónico. Uns acontecementos nos que tanto a afouteza de homes e mulleres anónimos e case desarmados como a intelixencia política de figuras como o alcalde Vázquez Varela permitiron que Vigo gañase para si o seu recoñecemento como cidade leal e valorosa, a máis importante honra que nos deixaron aqueles feitos. Feliz Reconquista!