Listado de la etiqueta: mendilibar

Campo do Fragoso CCXXXIII

FALTOU O GOL

Dende aquel domingo, 6 de outubro, no que Aspas abriu a súa táboa de goles da tempada fronte ao Athletic, o Celta non gaña en Balaídos. E dende hai dous meses, desde aquel esperanzador 1-3 en Vilarreal, non volveu coñecer a vitoria. Dende entón, a pesar dunha certa melloría no seu xogo, o Celta en Balaídos conseguiu catro empates consecutivos fronte a outros tantos rivais directos, Valladolid, Mallorca, Osasuna e Eibar, o que a pesar de atallar a hemorraxia de derrotas, non chega para abandonar as posicións de descenso e para navegar devagariño cara a porto seguro.

O equipo de Óscar García Junyent non acada mellores resultados porque está pelexado co gol, apenas sete, dende a vitoria no estadio da Cerámica, por dez encaixados no mesmo período, un balance negativo que de non ser corrixido decontado agoira, xa no mes de xaneiro, a perda da categoría, o que constituiría unha catástrofe deportiva, pero tamén da propia sociedade deportiva, polas súas repercusións económicas, rompendo cunha xeira de oito tempadas  consecutivas en Primeira. Un agoiro que aínda pode ser frustrado, mais que obriga a unha reacción de afouteza, da que onte identificamos algúns indicios, semellante á que o noso admirado Fernando Vázquez provocou desde que chegou ao banco de Riazor.

Certo é que fronte ao Eibar os celestes fixeron case todo o que cómpre facer para conseguir unha vitoria, menos o requisito indispensable de marcar polo menos un tanto, nunha tarde onde quizais polo revoar constante das gaivotas sobre a lameira os ventos non lle foron propicios aos nosos. Os de Óscar García Junyent superaron aos de Mendilíbar en todas as facetas de xogo, tanto ofensivo como defensivo. As tres torres viguesas, Murillo, Araújo e Okay, coa excepción de erros pequenos de coordinación con Rubén, pecharon con catro cancelas a porta do seu gardameta, que apenas despexou un saque de recanto con perigo. Pola contra, o Celta gozou de numerosas chegadas a área, media ducia sobre os tres paos, sendo moi superior en intensidade, anticipación e recuperación na liña de dous terzos armeira, algo que había moito tempo que non viamos nos nosos. Máis esa superioridade resultou insuficiente diante da porta de Dimitrovic, quizais porque onte Aspas, Beltrán, Olaza, Rafinha e Pione padeceron os efectos desa estraña síndrome da afasia goleadora, un medo descoñecido no Campo do Fragoso dende hai moitos tempadas.

En ningún partido desta liga dispuxo o Celta de tantas oportunidades para marcar no seu estadio. No minuto 23 Pione, sempre moi activo e comprometido co colectivo, filtrou un balón de ouro dentro da área que estragou Santi Mina, un dianteiro moi desafortunado diante da porta, nesta súa segunda xeira celeste, que por méritos obxectivos non semella ter sitio no once inicial. No 32’ foi Aspas quen o intentou dende a banda e, a piques de rematar a primeira parte, Pione mereceu marcar cando aproveitando un erro dun defensa vasco o seu xutazo bateu nas luvas do gardarredes, o mellor dos visitantes.

Tras a reanudación, o Celta intensificou as súas chegadas, froito na maior parte das veces das asociacións entre Pione, Aspas e Rafinha, que tomaron as rédeas do equipo. Razón pola que resultou incomprensible e desafortunado o troco precipitado do internacional dinamarqués, o que anoxou con Óscar a unha parte da bancada que por vez primeira apupou ao adestrador catalán. Con todo, Aspas tivo no 64’ a mellor ocasión do partido, un xute con veleno de gol ao pao longo que atopou outra vez as luvas do porteiro nunha gran estricada. Nos decisivos minutos finais, un lanzamento de falta de Olaza bateu no poste e pouco despois un xute dende a frontal de Rafinha, tras unha extraordinaria asistencia de Aspas, saíu lixeiramente alto. Por non falar do barullo que no desconto se produciu diante da liña de meta visitante cando lle esvarou a Dimitrovic o balón entre as pernas e alí caeu Denís na súa disputa pola pelota cun defensa.

Diante do Eibar ao Celta faltoulle fortuna, xa que os seus merecementos foron moito maiores co resultado obtido. No entanto, o esperanzador do partido foi o incremento da intensidade e da implicación de xogadores claves (Pione, Aspas, Okay, Rafinha, Beltrán, Murillo, Araújo tiveron unha boa actuación), o que aventura que as vitorias chegarán, sempre que exista o compromiso e o xogo necesarios. A pesar das dificultades do temible calendario próximo, o Celta debería remontar se persiste na estratexia de onte. Faltou só o gol. Non está todo perdido.

 

Campo do Fragoso CCVIII

VIRAVOLTA

Na tradicional tertulia do descanso no corredor de Río Alto poucos confiabamos en que o Celta dese a viravolta a un encontro no que o Eibar estaba sendo moi superior. Os discípulos de José Luis Mendilibar coa súa defensa adiantada até case a medula do campo, co porteiro colocado como libero e cunha presión moi intensa sobre os dous centrais celestes déronlle un baño a un Celta que impotente e moi desconcertado non conseguía combinar con xeito a pelota e saír do labirinto vasco mais alá da súa primeira liña. Un partido que mudou de xeito radical dende o comezo do segundo acto, coa entrada na lameira viguesa de Emre Mor capaz cos seus caneos veloces de darlle a volta ao carpín e noquear aos armeiros nun par de lances decisivos finalizados de forma brillante, como é adoito, por Iago Aspas e Maxi Gómez.

Non estivo ben o Celta na primeira parte onde puído saír goleado polos eibarreses, que non souberon aproveitar as oportunidades moi claras que tiveron primeiro de Joan Jordán, que obrigou a Rubén a empregarse a fondo; despois de Kike García e, sobre todo, do xaponés Inui que no minuto 42, a porta baleira na frontal da área pequena, guindou o balón a Marcador. Ao moi traballado tacticamente cadro de Mendilibar faltoulle saber finalizar con gol a súa presión afogante e o seu xogo afouto, que non impediu que o Celta de forma intermitente dese sinais de vida en tres ocasións perigosas: a que no 17 permitu a Maxi Gómez no centro da área encarar o gardameta Dmitrovic; aqueloutra errada de forma clamorosa no 29, case na área pequena, por un Pione Sisto fora de punto, que soíño diante do porteiro guindou o balón a grada de Gol; sen esquecer, tampouco, o fermoso xute de bolea de Daniel Wass no 38, a un servizo de alta escola de Aspas, que pola súa fermosa execución merecía maior fortuna.

Con certeza que durante o descanso Unzué decidiu mudar o panorama, deixando a Pione na caseta, nunha das súas actuacións mais desafortunadas como celeste, e procurando coa incorporación de Emre Mor abrir unha fenda pola banda esquerda e cos balóns máis longos dos saques de Rubén obrigar aos vascos a atrasar as súas liñas. Tardou apenas dez minutos en que cundise esta nova estratexia. No 55 un cambio fantástico de banda de Maxi e un desdobre entre Emre Mor e Jonny permitíu que o de Matamá chegase á liña de fondo e dende alí servise atrás ao turco-dinamarqués, que non dubidou en canear e centrar a velocidade de vertixe, entre tres defensores, para que Aspas á espreita rematase sobre o primeiro pao, superando a presión do seu marcador. Un caroliño de moitos quilates, o décimo sexto do mago de Moaña, que noqueou ao Eibar e deixou aos de Unzué como donos do xogo, agardando crear superioridades nunha estratexia á contra, que deixaba toda a iniciativa a un Eibar cada vez máis incómodo.

O segundo tanto puido chegar noutra combinación entre Emre Mor e Aspas, unha sociedade moi prometedora, e sobre todo tras un centro magnífico de Daniel Wass que Sergi cabezou á rede nunha posición moi dubidosa, que o árbitro interpretou como fóra de xogo. Cada vez máis cómodos, insistiron os celestes que no minuto 78 liquidaron o partido co gol de Maxi Gómez. O charrúa cun dos seus furóns letais culminou unha xogada na que Hugo Mallo o fixo case todo: roubou en campo propio, pasou sobre Aspas, correu pletórico cincuenta metros pola banda, recolleu na área rival un globo de Daniel Wass e centrou de forma primorosa sobre o internacional uruguaio. Unha marabilla de concepción e execución dun contrataque lateral que demostra a madurez do noso capitán de Marín, onte un dos nosos mellores.

Un partido no que o Celta, sen asoballar coa posesión inútil de partidos anteriores, como sucedeu fronte ao Espanyol, conseguiu recuperar a eficacia da súa parella goleira. Unha viravolta fronte a un Eibar poderoso e con aspiracións de rival directo, que deixa aos de Unzué na sétima posición, un privilexio que agardamos poida conservar até a finalización da tempada. O obxectivo europeo está ao alcance do xogo deste Celta que ten posibilidades no banco de procurar alternativas cando máis as precisa.