Listado de la etiqueta: martin_heidegger

Onte 1909: Dous filmes sobre o Holocausto

Despois da experiencia marcante vivida hai días cando visitamos os campos de Auschwitz e Birkenau, dúas películas que vimos esta fin de semana, O fillo de Saúl do húngaro Lászlo Nemes e Hannah Arendt da alemá Margaret von Trotta, adquiriron unha maior relevancia. Dúas fitas de fasquía narrativa diferente que, ademais de denunciar o xenocidio xudeu nos campos de concentración nazis, propoñen unha reflexión moral e política da que o espectador non pode allearse. Do extraordinario film do debutante Nemes impresionoume como a utilización de recursos técnicos, sexan longos planos secuencia, constantes fóras de foco ou o protagonismo do son de ambiente, constitúen tanto opcións estéticas como éticas. Dificilmente pode representarse de forma máis fidedigna o horror que nas marxes da pantalla ou nos berros que se escoitan tras as conversas murmuradas, mentres a cámara persegue a caluga dun protagonista obsesionado por enterrar ao seu fillo, o único xeito de asegurar a salvación.

Nemes condena ao espectador a querer ver e non poder facelo, un xogo sutil, que non agocha nada que resulte esencial para expresar a ruindade do ser humano. Como resulta inquedante a reflexión que von Trotta propón sobre a banalidade do mal no biopic sobre a filósofa xudía, formada con Martin Heidegger, a raíz do seguimento xornalístico que fixo en 1961 para The New Yorker do xuízo a Adolf Eichman, un dos máximos responsables nazis dos campos de exterminio. A veterana directora de A honra perdida de Katharina Blum ofrece un retrato matizado de Arendt, moi lonxe dos perfís da haxiografía, procurando a súa credibilidade no protagonismo da palabra, os diálogos e os monólogos (como a lección memorable que imparte diante do seu alumnado e os responsables da universidade). Dúas películas que afondan nas raíces do xenocidio e do totalitarismo, alertando sobre a necesidade non abandonar nunca o pensamento, onde reside a cerna da liberdade que se pretende erradicar.