Foi César Lorenzo quen na presentación de onte na Feira do Libro de Monforte definiu a novela de Manuel Veiga Os xornalistas utópicos como un modelo de realismo aumentado, «unha reflexión sobre a verdade, tanto nas escenas reais ou noutras ficcionadas; unha reflexión que une literatura, filosofía e a propia realidade; unha reflexión que pon en contacto a experiencia propia coa doutros libros» Comezou así Lorenzo unha magnífica intervención arredor dunha novela que «amosa que a literatura pode ser honesta», «na que o autor arrisca até o límite, amosándose espido, sempre na procura da verdade, ofrecendo unha historia que se le con grande facilidade, na que hai momentos de humor e outros de carraxe.» Puxo Lorenzo o exemplo do paquete de algas deshidratadas, que medra cando ferven na auga, para expresar a cantidade enorme de libros e doutros autores citados ou presentes na lectura destas páxinas, «que se emparentan coas de Christa Wolf, Bolaño, Chirbés, Claudio Magrís, Sciascia, entre outros, unha longa lista para compoñer unha biblioteca de lecturas ben xeitosa.» Tras referirse á memoria dos feitos vividos na redacción do xornal A Nosa Terra, que tivo a fachenda de compartir co autor, así como «as arelas e frustracións dos que nos dedicamos á profesión do xornalismo», rematou Lorenzo cunha atinada reflexión sobre a memoria da Transición, un momento no que se fundaron en Galicia proxectos vertebrais, como os d’ A Nosa Terra ou Edicións Xerais de Galicia, preguntándose se sería posible facelo agora.
Pola súa banda, Manuel Veiga iniciou a súa intervención coa lembranza daquela rúa Cardeal de hai corenta anos, onde se realizaba a presentación. Referencias que lle serviron para definir o escritor como «aquela persoa que se deixa impresionar por pequenos detalles, que con vontade e oficio e capaz de comentalos e compartilos.» Despois propuxo unha reflexión sobre a lectura e a novela. «A lectura non é un rollo pesado nin algo para presumir de culto. A novela é algo simple, o relato da vida dos demais, dunha forma máis seleccionada, escollida e mellor escrita que o facemos todos os días. A todos gosta coñecer outras vidas doutros tempos e doutros lugares e mundos. Iso é o que ofrecemos nas novelas.» Ou doutro xeito, «a novela é enterarnos da vida dos demais dun xeito sintético e nun tempo razoable.» Profundizou despois Veiga a súa reflexión afirmando «a literatura muda a túa percepción da realidade, mesmo á que coñecemos ben.» Tras referirse a diversos aspectos d’ Os xornalistas utópicos, rematou Veiga afirmando que «vivimos os momentos acelerados dos que fala Erri de Luca, nos que a sociedade está en tensión, en contradición, son os máis interesantes para un xornalista e para un escritor.»