Listado de la etiqueta: manuel_rodriguez_alonso

Onte 1453: «Muros de aire» de An Alfaya no Café Badía

muros_de_aire_café_badía_25-09-2015

Inauguramos onte a tempada literaria de presentacións en Vigo no Café Badía dos Caños. Case un cento de persoas ateigaron o tan acolledor espazo dos nosos amigos Menchu e Marcos Calveiro para participar na estrea de Muros de aire, a novela máis recente de An Alfaya. Un excelente serán literario a cuxo inicio lembramos con gratitude a figura de Manuel Rodríguez Alonso.

Comezou a súa intervención o crítico Ramón Nicolás cualificando Muros de aire como «novela suxestiva, ben construída, comprometida e solvente tecnicamente», salientando a predilección da autora «por non dar as costas a aspectos como a dor, a soidade, a perda ou a morte, como nesta tan valiosa entrega.» «Muros de aire nucléase arredor do concepto de dor, a traves do suicidio, un tema presente na historia literaria en texto senlleiros como en Madame Bovary, mais escasamente abordado na literatura galega e nunca coa fondura co que nesta novela o fai An Alfaya.»

Nicolás continuou sinalando que esta é «unha novela moi traballada, documentada, moi coidada nos aspectos construtivos, na que se combinan as descricións e paisaxes dialogais cunha analepse continua que explica os acontecementos do presente.» Detívose despois Ramón na análise da ambientación dunha obra, que «afonda na dor e no sufrimento, onde o tema do suicido ten centralidade, razón pola que non é unha novela amable», para deterse despois na análise dos personaxes. Rematou expresando que «esta é unha novela para enfrontarnos aos demos de cadaquén, poñéndonos diante dos ollos cousas que se nos agochan.»

An Alfaya comezou citando unha frase de Agustín Fernández Paz nunha twiitter entrevista recente para confesar que ela tamén «quere contar parte das súas obsesións persoais». «Eu cuestiónome constantemente as miñas dores e teimas que disfrazo nas miñas novelas e contos. Todos os temas poden ser contados a calquera lector de calquera idade.Conto apenas o que sei ofrecer.» «Muros de aire responde as dúas das miñas obsesións. A primeira, a da dualidade entre bondade e maldade, esa obsesión de facer dano, esa tendencia perversa presente nalgunhas persoas. A segunda, a da contradición entre o instinto de conservación e un certo instinto autodestrutivo, o desexo de fuxir ou escapar. Estas dúas dualidades foron as que quixen contar na novela. Mais non hai ningún interese a levar ao lector a ningún outro sitio. Só pretendín envolvelo nese mosaico, nesa rede, nesa arañeira que vai conducindo a abordar o aspecto emocional, as atmosferas emocionais da novela. Quixen que o ambiente fose pechado, os espazos herméticos, sempre de interiores.»

Onte 1452: Manuel Rodríguez Alonso

0884131001223892154-Faleceu Manuel Rodríguez Alonso, un obreiro das Letras Galegas do noso tempo. Un cancro fulminouno en apenas mes e medio. Foise coa mesma discreción coa que traballou arreo como profesor de instituto e da UNED, como lingüista, como editor, como crítico e, sobre todo, como lector privilexiado da literatura galega actual. Tremenda perda para a crítica literaria galega dunha das súas figuras máis destacadas que desde o seu blog Bouvard e Pécuchet –nome que é unha homenaxe á obra póstuma de Flaubert– atendeu con independencia, rigor e constancia encomiables toda a produción literaria recente, con atención preferente á contribucion dos textos na formación do lector e lectora literario. Non esquecerei os nosos contactos destes dous útimos meses con motivo da súa participación no xurado de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2015, do que de forma xenerosa aceptara formar parte. Manuel Rodríguez Alonso deixa a súa importante obra crítica e ensaística, mais tamén outra non menos relevante, a lexicográfica, como un dos dicionaristas que foi máis destacados da lingua galega. A súa valoración do silencioso traballo editorial, como concienzudo editor de textos que foi, a súa preocupación pola corrección e a calidade da lingua literaria galega marcaron tendencia na crítica galega, transformándose en expresión de autoestima e rigor para o noso sistema literario. Lembrarei a Manolo con gratitude e admiración. Beizón.

Onte 952: Xeración da esperanza

antoniagamallo_1362227675_82Na excelente críticaOs santos nunca dormen, a primeira novela en Xerais Narrativa de Teresa González Costa, o incansable Manuel Rodríguez Alonso adscribe á autora do Grove no que denomina »Xeración do novo século». Máis alá da inevitable polémica xeracional, o de MAR paréceme un sintagma axeitado para chamar a atención sobre un gran grupo de narradoras e narradores que petan con moita forza nos catálogos da literatura galega actual, chamado a enlazar coa «Xeración dos noventa», aquela encabezada por Manuel Rivas e Suso de Toro, entre outros.

A esta »Xeración do novo século» pertencerían narradoras como Teresa González Costa, Ledicia Costas, Iolanda Zúñiga, María LorenzoBerta Dávila, Andrea Maceiras, María Reimóndez, Rosa Aneiros, Iria López Teixeiro, Sabela González, María Canosa ou Inma López Silva; como tamén Pedro Feijoo, Mario Regueira, Alberto Ramos, Diego Ameixeiras, Santiago LopoRoque Cameselle, Samuel Solleiro, Alberto Lema, David Pobra, Antonio Fraga, Alberto Momán, Xosé Díaz, entre outros.

Autoras e autores menores de corenta anos, nacidos a finais da década dos setenta e ao longo da dos oitenta, alfabetizados en galego xa dende o berce da escola primaria, que dende diversas opcións estilísticas e subxéneros abordan a narrativa galega dende unha óptica normalizada e en diálogo co seu tempo. Eis a nosa «Xeración da esperanza».