Listado de la etiqueta: luís_villares_naveira

Onte 1745: Hai campaña!

Debate_12_09_2016

Despois do debate da noite de onte non hai dúbida que en Galicia hai alternativa para asumir o reto de reorientar a actual derrota do país. Pontón, Leiceaga e Villares, dende posicións e estilos oratorios moi distintos, amosaron que comparten tanto a decepción polas dúas lexislaturas de recortes e retrocesos de Feijoo, como, o que é máis importante, boa parte das medidas de reconstrución da nación galega e do seu autogoberno. A experiencia e a afouteza de Ana Pontón, o rigor económico de Xoaquín Leiceaga e o entusiasmo de Luís Villares conseguiron enredar a Feijoo que, como agardabamos, se defendeu embullando canto puido o plató.

Ben sei que as tres intervencións da esquerda foron moi desiguais, o que afectará dalgunha maneira as súas candidaturas. Creo que a magnífica participación de Pontón, a mellor das cinco participantes, dando coa agulla de marear de Feijoo, axudará ao BNG na súa remontada contra as profecías interesadas das enquisas. Como creo que á En Marea non lle axudou a inexperiencia parlamentaria de Luís Villares, aínda que poida ser compensada pola súa simpatía e teimosía en denunciar o caciquismo baltarista. Como lamento que os casos de corrupción do PSdeG-PSOE achantaron durante uns segundos a un excelente Leiceaga, xusto cando Feijoo estaba máis apoucado polos paos que recibía pola destrución dos discos duros do seu partido.

Xaora, o importante é que este debate conseguiu relanzar a tensión da campaña da esquerda galega que en liñas xerais se amosou unida e determida a artellar discursos alternativos ao conformista de Feijoo, un rival sempre temible e incansable. Mobilizar o voto progresista e galeguista apartidario pode ser a chave para unha vitoria da alternativa. Hai campaña!

Onte 1731: Luís Villares

Pareceume excelente a presentación que Luís Villares Naveira fixo onte da súa candidatura para ser o candidato de En Marea á Presidencia da Xunta. Máis alá da miña simpatía polo xurista lucense, a quen coñezo pola súa defensa rigorosa e intelixente do estatuto xurídico da lingua galega, as súas primeiras palabras parecéronme esperanzadoras, sobre todo pola firmeza, claridade e inclusividade que expresaban. Un discurso e unhas formas que, por ventura, o sitúan xa moi por riba dun proceso un pouco chafalleiriño, xestado tras a compoñenda entre as direccións dos partidos de AGE, Podemos e as mareas municipalistas de Xulio Ferreiro. Admiro, ademais, a determinación do candidato para abandonar as comodidades da súa condición de maxistrado galeguista e enzoufarse na lameira da política da esquerda galega sometida ás penalidades da precariedade das organizacións e do seu seitarismo.

Xaora, a candidatura de Luís Villares, que non dubido será apoiada de forma abrumadora nas primarias de En Marea, como tamén pola dirección nacional de Podemos de Pablo Iglesias, abre aínda un pouco máis a fenda entre as diversas opcións de nacionalistas e galeguistas. Unha división inxustificable en catro candidaturas que confunde ao electorado progresista e que moito celebra Feijoo dándose xa por gañador «por incomparecencia» da oposición. Un disparate da actual esquerda galega que agardamos comece a ter arranxo a partir da mesma noite da celebración do 25S.

Sei que non é doado construír un espazo común, sei que é un proceso de experimentación, onde hai moitos ires e vires, que, con certeza, precisa de novas protagonistas e de estratexias aínda nunca ensaiadas. Sei que é difícil atopar a saída para abandonar o confomismo cainita da esquerda galega, razón pola que quen se compromete a intentalo con honestidade e afouteza merece todo o meu respecto e consideración.

Onte 293: Premios Lois Peña Novo

O foxo do castelo de Soutomario foi o espazo de privilexio escollido para a cerimonia de entrega dos Premios Lois Peña Novo 2012. Os autores do Dicionario Xurídico Galego, editado por Xerais; o escritor e funcionario redondelán Gonzalo Amoedo López; e o Luís Villares Naveira, maxistrado da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Pronvicial de Lugo foron os galardonados. Especialmente memorable e punxente resultou a intervención de Luís Villares defendendo a necesidade dunha acción xurídica positiva a prol da lingua galega e un traballo social eficaz para desmontar os prexuízos existentes sobre o seu uso en todos os ámbitos. Agardo que a Fundación Lois Peña Novo publique decontado os vídeos de todas as intervencións, moi valiosas, dun serán no que se defendeu con paixón e razón o emprego da lingua galega no eido da Xustiza e o consumo responsable dos produtos etiquetados en galego. Parabéns aos premiados e aos organizadores.