Listado de la etiqueta: luis_enrique

Onte 699: Celta, incógnitas de pretempada

Tras o partido de onte á noite na illa de Madeira, o Celta non despexou as incógintas  que arrastra ao longo de toda a pretempada. Daquela ilusión inicial provocada pola fichaxe de Luis Enrique pasamos á perplexidade pola dosificación dos silencios do adestrador agardando unha chamada de Can Barça e á actual preocupación pola ausencia de gol, un tanto en cinco partidos. Non se lle pode negar ao adestrador asturiano a súa teimosía por inculcar ao cadro celeste un patrón de xogo caracterizado por unha saída ordenada de balón e unha intensidade de presión sobre as tres liñas. Este Celta disciplinado, por fin, sabe a que quere xogar. Unha noticia esperanzadora.

Onte fronte ao Marítimo, Luis Enrique ensinou as cartas do que pode ser o seu once de referencia, ao que só lle faltaba Rafinha lixeiramente tocado. O resultado non me convenceu. A ausencia de Túñez, o primeiro «capricho» serio de Luis Enrique co cadro de xogadores (prefire como central zurdo a Fontás, un xogador da súa confianza persoal), fixo moi vulnerable a defensa nos balóns altos, como puxo en evidencia Cabral facilitando o único gol dos madeirenses. A eficacia do trivote de mediocampistas, no que se integra con total liberdade MKD, malogrouse coa lesión de Oubiña, xogador do que dependerá a capacidade de equilibrar tanto o ritmo de xogo e a estrutura de defensa e ataque como a responsabilidade da distribución sobre as parellas de laterais de balóns que faciliten a superioridade necesaria para que anote Charles. Botouse moitísimo a falta da maxia electrizante de Iago Aspas, que xa triunfa rotundamente en Liverpool, só en parte cuberta pola pelexa e creatividade de Nolito. A pesar de controlar o xogo de forma abrumadora, a derrota do Celta foi inapelable, sobre todo pola súa incapacidade para xerar algo que puidese ser considerado como intimidación atacante.

En resumo: este Celta de LE polo momento non ten gol, depende da presenza no terreo de Oubiña e prescinde caprichosamente dunha insignia celeste como é Tuñez. Polo visto nos catro encontros fronte aos rivais de entidade (ningunha vitoria), a defensa é máis ordenada e o ataque máis plano e previsible ca tempada anterior. Un balance de pretempada decepcionante para un equipo e para un adestrador chamados no campionato de liga a mellorar os resultados lonxe de Balaídos (a lacra do regreso a primeira) e a calidade e atractivo do seu xogo. Este primeiro mes de duro adestramento non despexou as principais incógnitas do proxecto de LE.  O vindeiro 19, diante do Espanyol chega a hora da verdade.

Onte 686: Debut nas Antas

O Celta de Luis Enrique non estivo só no seu debut no fermoso estadio das Antas, o pequeno Wembley do Douro. Máis dun milleiro de celtistas acompañámolo na pelexa cos dragóns no día da festa do seu cento vinte aniversario. Foi emocionante o minuto de silencio en homenaxe ás vítimas de Angrois, cunha grande bandeira galega no centro da lameira, transformado axiña nun longuísimo e intenso aplauso de solidariedade. O encontro foi un clásico amigable de pretempada no que chegaron a participar case unha vintena de xogadores de cada equipo. Luis Enrique aproveitou o enfrontamento cun equipazo Champions para probar dous esquemas. Na primeira parte o baseado en cinco defensas, con tres centrais e dous carrileiros; na segunda, unha defensa convencional de catro, incorporando un terceiro mediocentro máis ofensivo, para reforzar a Oubiña quen, en ambos os dous debuxos, funcionou coma eixo de distribución e equilibrio.

A pesar da derrota (o gol do Porto foi en clamoroso fóra de xogo), o Celta amosou cousas moi interesantes, xa que sabe a que quere xogar. Non importaba a rolda de trocos para manter sobre a lameira os debuxos da pizarra de Luis Enrique. Defensivamente demostrou intensidade e rigor, sobre todo na primeira parte cando os dragóns intentaban pechar aos nosos diante de Yoel. Tras o intervalo, coa incorporación de Rafinha na media e de Nolito na dianteira, foi o Celta quen pechou aos portuenses e mereceu o empate. Mágoa do pau nun remate de Nolito (moi asubiado pola bancada, lembrándolle a súa procedencia benfiquista) e do gol feito ao que a porta baleira non chegou David Rodríguez. Foi, tamén neste segundo período, cando Luis Enrique incorporou ás catro promesas do xuvenil (Goldar, Fernán, Borja Fernández e Yelko) e cando se produciu a formidable tangana, na que participaron os bancos de ambos os dous equipos, coa que rematou de forma abrupta o encontro.

Non podo agochar que non esperaba que tanto os dragóns como uns poucos dos seus seguidores fosen moito menos afoutos e cabaleirosos ca aqueloutros dragais galegos das novelas de Elena Gallego. Xa antes de entrar no estadio, cando procurabamos estacionamento (custounos ferro e fariña atopar un oco no barrio xardín das Antas), quedamos parvos cando atopamos un autobús celeste apedrado e con todos os cristais escachados. Como tampouco axudou a nosa tranquilidade vivir tan preto as cargas da policía sobre un grupo numeroso de supporters dos dragóns. Con todo, finalizado o partido, cando regresamos na procura do coche, parolamos devagariño con dous seareiros portuenses moi simpáticos, que moito nos agradeceron aquel memorable 7-0 ao Benfica do 25 de novembro de 1999, na terceira rolda da copa de UEFA, unha das súas maiores satisfaccións como seguidores do Porto, «deberémoslla sempre ao Celta», insistían saudosos. Así se escribe tamén a memoria do fútbol, con vitorias propias e derrotas alleas.

Onte 679: O silencio de LE

Desque saltou o ruxerruxe da marcha de Luis Enrique para ocupar o banco do Barça agardaba un chío desmentíndoo do adestrador celeste. Tarde piaches, Manolo! O feito de non facelo amosa que LE apura até o final as súas posibilidades na competencia que mantén co arxentino «Tano» Martino para substituír a Tito Vilanova. Se finalmente o xixonés continúa en Vigo, teremos outra experiencia máis para interpretar os seus calculados silencios (desque chegou a Vigo, non concedeu entrevista ningunha nin participou en roda de prensa). Se esta decepción con LE non abondase, a prepotencia paternalista coa que a prensa catalana aborda a posibilidade da súa fichaxe coa pretempada xa iniciada, supón xa unha lamentable falta de respecto cun club nonaxenario coma o Celta e cunha afección humilde de primeira coma a nosa. O Celta e os celtistas non nos merecemos isto. Xenial a foto de Fernando Cameselle retratando o silencio de LE o sábado en Melgaço. Que agardas para dicirnos algo, Luis Enrique?

Onte 640: Luis Enrique celeste

A pesar de que a pasada semana fora ratificado Abel Resino, pouco nos estrañou que onte fose contratado Luis Enrique como novo adestrador do Celta. Un trasacordo, figura do comportamento tradicional galego estudada polo antropólogo Marcial Gondar, doadamente explicable pola caótica cultura organizativa de Mouriño, Chaves e Torrecilla, a triade de dirixentes deportivos celestes. Os seareiros estamos xa moi afeitos a que cada mudanza de adestrador, fichaxe ou traspaso veña no Celta precedida ou conleve a súa correspondente enleada. Nada novo, pois, o que sucedeu esta fin de semana. Porén, sexa cal fose a orixe do despido de Resino, como a súa continuidade non chistaba a ninguén, o anuncio da chegada de Luis Enrique é unha nova moi esperanzadora. Gustoume. Semella un adestrador dos de nova xeración, deses que levamos angueirando dende a marcha do noso admirado Fernando Vázquez. Co asturiano aventuramos que volverá á lameira do Fragoso o estilo de xogo bonito, mais corrixido coa intensidade táctica que o caracterizou como centrocampista e importante goleador. Intensidade que non perdeu na súa traxectoria como deportista, sexa como triatleta ou como adestrador. Será o de Luís Enrique un Celta pelexón con tiraliñas e luvas de seda? Oxalá. Como cremos continuará, tamén, a aposta por incorporar valores da canteira ao primeiro equipo, como Madinda, Mina e o porteiro Rubén. Ademais é probable que co ex-barcelonista en Vigo poida facilitarse algunha cesión de promesas consagradas da Masía, o que lle daría ao Celta 2013/2014 un perfil de equipo moi xove e dinámico. Ilusionante. Para Luís Enrique o banco de Balaídos pode ser o ideal para nun par de tempadas dar o salto ao do Nou Camp. Agardemos que o consiga, xa que tamén sería froito dos éxitos do noso Celta.