Listado de la etiqueta: luís_bárcenas

Onte 1451: «B» de Bárcenas

posterB-copia-212x300B é a dramatización da declaración literal de Luis Barcenas diante do xuíz Ruf da Audiencia Nacional o 15 de xullo de 2013. Unha adaptación cinematográfica da obra teatral Ruz-Bárcenas de Jordi Casanovas, situada na fronteira entre o documental e a ficción. Película política, con inequívoca vocación de intervención, B desvela o financiamento ilegal do Partido Popular, dende os mecanismos de control da súa caixa B até os sobres en negro que recibían mensualmente os seus dirixentes. A interpretación extraordinaria de Pedro Casablanc no papel do tesoureiro mantén o interese dramático do interrogatorio até chegar a removernos na butaca pola indignación provocada polo relatado. Grazas ao cine podemos saber o que se nos agocha, entender en que consiste a corrupción e como funcionan os seus mecanismos. A distribución tan limitada da película, apenas 16 copias, demostra a incomodidade da película coa que debuta David Ilundain para os actuais responsables do PP.

Onte 766: Cara de cospedal

Diante da excelente foto de Carlos Barajas na que aparece Dolores de Cospedal seguindo no xulgado as declaracións no plasma de Luís Bárcenas, que a acusaba de recibir dous sobres de 7.500 euros entregados por el mesmo nos despachos do partido e do Senado, os lexicógrafos acuñarán a frase «cara de cospedal» para as actualizacións futuras dos seus dicionarios. A nova frase será unha excelente exemplo didáctico para expresar a suficiencia e o poderío de quen se sabe moi por riba de acusacións e das penalidades que sofren os cidadáns do común: «Non, non recibín sobre ningún, díxolle ao maxistrado con cara de cospedal». A foto é tamén un excelente recurso didáctico para utilizar na nova materia de «Valores éticos e civicos», que o partido de Cospedal incluíu na LOMCE para o alumnado que non curse Relixión.

Onte 717: Borrados

O dos discos duros do PP éche coma un conto. Comezou cun exercicio encomiable de transparencia: non se sabe quen destruíu os discos duros de ambos os dous ordenadores do tesoureiro un mes despois de que a Policía visitase a sede do partido de Rajoy. Proseguiu cun esquecemento sen importancia: a señora María Dolores de Cospedal omitiu este detalliño rotineiro na súa declaración como testemuña do caso Bárcenas diante do xuíz. Continuou cun exceso de seguridade informática (aparentemente) irreparable: a preceptiva copia de seguridade diaria dos arquivos de Luis Bárcenas gravábase cada noite en diferido nos servidores de Génova baixo un sistema tan sofisticado de almacenamento seguro que agora non hai hacker que sexa capaz de recuperar a información. Sen dúbida, un disgusto para os responsables do partido, que non puideron atender coa debida dilixencia a solicitude de Ruz, realizada con tanta cautela e antelación. E como o que naceu torto pode rematar aínda máis revirado, o avarento Bárcenas coidouse ben de gravar pola súa conta e risco, fóra do sistema, arquivos no seu pendrive, agochando, quizais, algunhas sorpresas para Mariano e María Dolores. «O PP actuou cos ordenadores como con todo o material» confesou Floriano para xustificar que os discos propiedade do partido fosen borrados, no marco da estratexia de reutilización de material de oficina na que está comprometida a dirección popular, que supoñerá aforros sen cuantificar e outro exemplo máis de austeridade e xestión eficiente. Non lle falta razón  ao segundo de Cospedal, nunca foi doado colaborar coa xustiza e ao tempo cumprir coa Lei de Protección de Datos. Non vos riades, que o conto é triste.

Onte 672: A manta de Bárcenas

Polo publicado onte no xornal El Mundo a manta de Bárcenas pode ser moi alongada. Fóra dos contidos dos sms reproducidos por Pedro J. Ramírez, é unha evidencia documentada que o presidente Rajoy mantivo contacto directo co millonario ex-tesoureiro (48,2 millóns de euros en contas suízas), canto menos, até comezos deste ano 2013. Aos ollos da comunidade internacional, a ambigüidade na que se move Rajoy neste tema semella propia dun equilibrista suicida (minte ou non minte Mariano?); razón pola que a ninguén pode estrañar o interese da prensa internacional pola declaración que hoxe Bárcenas realizará na Audiencia Nacional. A manta de Bárcenas é tan alongada que na axenda informativa galega agocha informacións tan clarificadoras coma as publicadas onte polo xornal El País sobre as doazóns opacas recibidas polo Partido Popular de Galicia en 2006, presidido xa por Alberto Núñez Feijóo, ou as declaracións (e nova foto) no mesmo xornal de Marcial Dorado, condenado por narcotráfico, sobre a honradez do actual presidente da Xunta.

Corrupción política, tolerancia cero

No artigo da semana en Faro de Vigo, ao fío do escándalo de Luis Bárcenas, reflexiono sobre a corrupción politica.

Os 22 millóns de euros que Luis Bárcenas gardaba en contas correntes en Suíza e os sobres extra de canto menos cinco mil euros que entregaba ao remate das reunións do Partido Popular son senllas noticias que producen tanta e tanta indignación cidadá que poderían ser a pinga que, por fin, fixese derramar o vaso da corrupción política e do financiamento ilegal dos partidos políticos en España. Noticias que coinciden, ademais, con novas revelacións do patético caso Urdangarín, que afecta ao entorno da Casa Real, e cos efectos devastadores dunha crise económica e social que emprobrece e debilita a sectores máis humildes da sociedade.

É un auténtico escarnio que estoutro importante episodio de corrupción estea protagonizado por que foi un influínte dirixente do mesmo partido que promove as chamadas “políticas de austeridade”, que provocan recortes nos servizos públicos básicos de sanidade, educación e dependencia e que retira a paga de nadal e baixa o salario aos funcionarios. É unha burla á cidadanía saber que algúns membros do PP recibiron cartos en negro de orixe descoñecida, mentres as cifras de desemprego se achegan aos seis millóns de parados e o goberno concede unha vergonzosa amnistía fiscal a algúns defraudadores.

Por moito que a versión oficial do Partido Popular insista estes días en botar balóns fóra e situar a Luís Bárcenas alleo á súa organización –foi despedido en 2010, a raíz de ser imputado no caso Gúrtel–, por moito que intente establecer distancias co seu comportamento e coas súas responsabilidades, é imposible ocultar que quen foi tesoureiro durante case dúas décadas coñece moitos e importantes segredos do partido. Bárcenas non foi un dirixente popular calquera. Entrou a traballar en AP en 1982. Logo foi nomeado xerente do PP por Rosendo Naseiro, daquela administrador do partido, que dimitiría en 1990 por un suposto caso de financiamento ilegal. Despois, accedeu á tesourería, controlando dende o seu despacho da sede de Génova (edificio que sería adquirido en 1996) as contas do partido e de cada unha das súas organizacións territoriais. Tras o estoupido do caso Gúrtel, a estrela do tesoureiro devalou, mais conserva información moi valiosa para o seu partido e mesmo para as batallas internas que se poidan librar no seu seo.

Gúrtel –que xa se levou por diante a Zaplana e ao xuíz Garzón, aínda que por razóns diferentes– non é o único caso importante de corrupción. No verán pasado, o caso Dívar afectou ao presidente do Consello Superior do Poder Xudicial, que dimitiu tras ser acusado de utilizar cartos públicos para ir de vacacións. O caso Pallerols afectou ao financiamento de Unió Democrática de Catalunya, o partido de Duran Lleida. Despois de quince anos de proceso xudicial, por medio dun acordo entre as partes e a Audiencia de Barcelona, Unió conseguiu suspender o xuízo, recoñecendo de forma implícita a súa culpabilidade nun caso de fraude de subvencións, malversación e falsidade documental.

En Galicia o caso Pokemon afecta a un grupo de empresarios, funcionarios e políticos de PP, PSdeG-PSOE e BNG, aínda que de distinta relevancia e en distinto número, involucrados dunha ou doutra maneira nunha trama de corrupción en torno a contratas municipais do grupo empresarial Vendex. O caso Pokemon ten especial incidencia en Santiago de Compostela, onde está imputado o actual alcalde do Partido Popular Ángel Currás, tras a obrigada dimisión de Gerardo Conde Roa a pasada primavera, tras o escándalo de ser imputado por fraude fiscal. Como tamén é alarmante, xa dende hai ben tempo, o exercicio de clientelismo e enchufismo nas contratacións de persoal politicamente afín polas que será chamado a declarar Xosé Luís Baltar, quen foi amo e señor da deputación provincial e do PP de Ourense durante dúas décadas.

Abonda con ler a prensa internacional para comprobar como semellantes entramados de corrupción deterioran a imaxe de España no exterior, tanto pola tolerancia do Goberno de Rajoy como pola febleza exasperante da oposición de Rubalcaba para esixir erradicalos de raíz. Hoxe xa non abonda coa denuncia cidadá indignada por estes escándalos. Cómpre acadar decontado unha tolerancia cero coa corrupción e cos comportamentos socialmente insolidarios (como a fraude fiscal). Urxe actuar. Empezando polo feito de que os primeiros responsables dos partidos expliquen como se financian as súas organizacións, de onde proveñen os seus fondos, cal é o seu patrimonio e con que entidades finaceiras manteñen as súas débedas. Continuando pola aprobación nos parlamentos de novas leis de transparencia e por unha modificación da Lei Orgánica de Partidos, na que se contemple a responsabilidade das direccións nas súas contas e na que se estableza a total transparencia dos seus ingresos.