Os 22 millóns de euros que Luis Bárcenas gardaba en contas correntes en Suíza e os sobres extra de canto menos cinco mil euros que entregaba ao remate das reunións do Partido Popular son senllas noticias que producen tanta e tanta indignación cidadá que poderían ser a pinga que, por fin, fixese derramar o vaso da corrupción política e do financiamento ilegal dos partidos políticos en España. Noticias que coinciden, ademais, con novas revelacións do patético caso Urdangarín, que afecta ao entorno da Casa Real, e cos efectos devastadores dunha crise económica e social que emprobrece e debilita a sectores máis humildes da sociedade.
É un auténtico escarnio que estoutro importante episodio de corrupción estea protagonizado por que foi un influínte dirixente do mesmo partido que promove as chamadas “políticas de austeridade”, que provocan recortes nos servizos públicos básicos de sanidade, educación e dependencia e que retira a paga de nadal e baixa o salario aos funcionarios. É unha burla á cidadanía saber que algúns membros do PP recibiron cartos en negro de orixe descoñecida, mentres as cifras de desemprego se achegan aos seis millóns de parados e o goberno concede unha vergonzosa amnistía fiscal a algúns defraudadores.
Por moito que a versión oficial do Partido Popular insista estes días en botar balóns fóra e situar a Luís Bárcenas alleo á súa organización –foi despedido en 2010, a raíz de ser imputado no caso Gúrtel–, por moito que intente establecer distancias co seu comportamento e coas súas responsabilidades, é imposible ocultar que quen foi tesoureiro durante case dúas décadas coñece moitos e importantes segredos do partido. Bárcenas non foi un dirixente popular calquera. Entrou a traballar en AP en 1982. Logo foi nomeado xerente do PP por Rosendo Naseiro, daquela administrador do partido, que dimitiría en 1990 por un suposto caso de financiamento ilegal. Despois, accedeu á tesourería, controlando dende o seu despacho da sede de Génova (edificio que sería adquirido en 1996) as contas do partido e de cada unha das súas organizacións territoriais. Tras o estoupido do caso Gúrtel, a estrela do tesoureiro devalou, mais conserva información moi valiosa para o seu partido e mesmo para as batallas internas que se poidan librar no seu seo.
Gúrtel –que xa se levou por diante a Zaplana e ao xuíz Garzón, aínda que por razóns diferentes– non é o único caso importante de corrupción. No verán pasado, o caso Dívar afectou ao presidente do Consello Superior do Poder Xudicial, que dimitiu tras ser acusado de utilizar cartos públicos para ir de vacacións. O caso Pallerols afectou ao financiamento de Unió Democrática de Catalunya, o partido de Duran Lleida. Despois de quince anos de proceso xudicial, por medio dun acordo entre as partes e a Audiencia de Barcelona, Unió conseguiu suspender o xuízo, recoñecendo de forma implícita a súa culpabilidade nun caso de fraude de subvencións, malversación e falsidade documental.
En Galicia o caso Pokemon afecta a un grupo de empresarios, funcionarios e políticos de PP, PSdeG-PSOE e BNG, aínda que de distinta relevancia e en distinto número, involucrados dunha ou doutra maneira nunha trama de corrupción en torno a contratas municipais do grupo empresarial Vendex. O caso Pokemon ten especial incidencia en Santiago de Compostela, onde está imputado o actual alcalde do Partido Popular Ángel Currás, tras a obrigada dimisión de Gerardo Conde Roa a pasada primavera, tras o escándalo de ser imputado por fraude fiscal. Como tamén é alarmante, xa dende hai ben tempo, o exercicio de clientelismo e enchufismo nas contratacións de persoal politicamente afín polas que será chamado a declarar Xosé Luís Baltar, quen foi amo e señor da deputación provincial e do PP de Ourense durante dúas décadas.
Abonda con ler a prensa internacional para comprobar como semellantes entramados de corrupción deterioran a imaxe de España no exterior, tanto pola tolerancia do Goberno de Rajoy como pola febleza exasperante da oposición de Rubalcaba para esixir erradicalos de raíz. Hoxe xa non abonda coa denuncia cidadá indignada por estes escándalos. Cómpre acadar decontado unha tolerancia cero coa corrupción e cos comportamentos socialmente insolidarios (como a fraude fiscal). Urxe actuar. Empezando polo feito de que os primeiros responsables dos partidos expliquen como se financian as súas organizacións, de onde proveñen os seus fondos, cal é o seu patrimonio e con que entidades finaceiras manteñen as súas débedas. Continuando pola aprobación nos parlamentos de novas leis de transparencia e por unha modificación da Lei Orgánica de Partidos, na que se contemple a responsabilidade das direccións nas súas contas e na que se estableza a total transparencia dos seus ingresos.