Onte 2053: «Libro dos manifestos» de Manuel Rivas
Volvín da xuntanza do padroado da Fundación Luzes lendo no Libro dos manifestos (Luzes, 2019) de Manuel Rivas. Un volume no que se reúnen os textos editoriais publicados na revista Luzes, que Rivas codirixe con Xosé Manuel Pereiro, dende a súa aparición en decembro de 2013. Depósitos de esperanza vibrantes, chamadas contra a adversidade en tempos de desacougo. Manifestos dun xornalismo que se reivindica como un ben común, que nin mente nin domina, partilla a información, conta o que non se adoita contar, e faino con vontade de estilo. Rivas ofrece así un dos seus volumes de opinión política máis compactos, no que sempre aparece o estrelampo da retranca, a lucidez dos seus paradoxos (velaí a súa reivindicación da saudade do porvir) e súa inesgotable erudición lectora, como os mananciais máis limpos de argumentos e razóns.
Textos todos nos que identificamos un ganduxo sutil que reivindica o xornalismo como unha aventura da liberdade, capaz de contribuír a crear espazos de esperanza e memoria para a cidadanía, para recuperar o alento necesario para unha nova época de cambio profundo da cultura política. Ou roubándolle as palabras a Rivas, do que fala este libro dos manifestos é do corazón do porvir, «alí onde se aniña o lugar da memoria, onde é a raizame que terma da esperanza na intemperei, o levedo que fai fermentar». Un libro cen por cen Rivas. Paga a pena colocalo a man na nosa biblioteca.