Listado de la etiqueta: levante

Campo do Fragoso CCXIX

O CELTA NA UCI

O peor do que sucedeu onte en Balaídos non foi a derrota sen paliativos do Celta fronte a un Levante mellor nin sequera o avultado da táboa de marcas, 1-4. O peor foi que a bancada quedou frustrada contemplando un Celta desquiciado, desorientado, impotente, conformista presentando a súa firme candidatura ao descenso de categoría. E onte non apareceron os fantasmas do VAR nin arbitraxes severas (co noso Celta sempre o foron) nin se pode xustificar a derrota polas ausencias de Maxi e Aspas, os dianteiros sobre os que Felipe Miñambres deseñou esta tempada o proxecto, os seus moi numerosos descartes e as súas polémicas fichaxes. A bancada tomou conciencia onte que o Celta padece unha doenza severa que pode levalo a Segunda. O que son palabras maiores para o futuro do propio clube, cando vive unha das etapas de maior distanciamento entre a propiedade e a afección.

Unha doenza agravada esta semana por dúas crises que danaron máis esta precaria saúde. A primeira cando o xoves o PP volveu monopolizar a sede do clube de Príncipe para lanzar a candidatura do seu presidente, superando así a liña do pluralismo político do clube fundado en 1923 por Manuel de Castro Handicap e outros galeguistas, unha fronteira que o propietario da SAD ten obriga moral de respectar, por moi respectables que sexan as súas afinidades políticas, tanto como as de milleiros de celtistas. A segunda, esta derrota tan contundente contra un rival directo na loita pola permanencia, que supuxo a perda real de sete puntos, o que deixa aos de Cardoso en caída libre e á bancada do Fragoso angustiada.

Confeso que antes de comezar a matinal non animaba ao optimismo a enésima ocorrencia do adestrador de Trofa na confección do once inicial. Colocar a Brais Méndez como referencia en punta e confiar a Jozabed e a Fran Beltrán o liderado do xogo foron decisións arriscadas que apenas tardaron vinte minutos en demostrarse moi desafortunadas. O tempo que tardaron os visitantes en que Rochina gañara unha desputa aos nosos mediocampistas no tres cuartos celestes e cun pase longo pillase as costas dos centrais, entre os que apareceu o veterano Morales para bater a Rubén a pracer. Un tipo de xogada que se repetiría ao longo do partido grazas á intensidade e ás axudas dos valencianos capaces de gañar practicamente todos os duelos aos galegos, para os que a lameira se fixo moito máis grande que os seus azos.

Ben é certo que antes de que marcasen, Boufal xutou con intención sobre o porteiro, tras un dos seus fermosos caneos, capaces aínda de provocar o sorriso da bancada. Perigo que se repetiría vinte minutos despois, cando o marroquino enviou a Mallo un balón gañador que o de Marín rematou (o mellor que puido) sobre o porteiro nas proximidades da área pequena. Unha xogada onde puido estar o empate, mais que demostraba a carencia total de referencia atacante dos nosos.

Dúas xogadas que resumen todas as ocasións celestes, moi superados polos levantinistas que despois dun paradón de Rubén aumentaron, antes do descanso, a diferenza grazas a unha cabezada de Coke ao segundo pao, que rematou sen oposición ningunha un saque de recanto. Un partido liquidado ao comezo da reanudación, cando foi expulsado Boudebouz, tras un entradón só atribuíble á falta de concentración do debutante. Como sucedera en Xetafe, en inferioridade numérica o Celta foi máis vulnerable, ao que pouco axudaron os trocos de Cardoso, superado polas contrariedades.

Coa bancada en estado de shock, cando algúns afeccionados apuparon ao presidente ou aproveitaron para ir xantar, a ferida agravouse co terceiro do Levante, outra collida de costas da liña de tres centrais e coa vergonzosa desputa entre Brais e Boufal, con 0-3 e faltando apenas dous minutos para a conclusión, para dirimir quen tiraba un penalti (dubidoso), que sería transformado polo internacional de Mos. No entanto, o Levante aínda tería tempo de redondear o resultado con outro caroliño que deixaba ao Celta xa na UCI.

Non quero ser agoreiro, pero o Celta vai telo difícil para evitar o descenso. Nin sequera co regreso de Aspas ou coa mudanza de adestrador vai ser doado remediar a doenza que padece. Convén lembrar a frase de Alfredo Di Stéfano, «ningún xogador é tan bo como todos xuntos». Como convén non esquecer que a doenza do Celta, desde a marcha de Eduardo Berizzo, ten moito que ver, roubándolle a frase ao seu mestre Eduardo Bielsa, «coa perda de identidade do proxecto, dos argumentos que o sosteñen, do desenvolvemento da idea». Carlos Mouriño sabe que nos soños comezan as responsabilidades. O Celta é un soño case centenario de milleiros e milleiros de celtistas.

Fotos: Grobas /Faro de Vigo

Campo do Fragoso CCXIII

POUCO QUE CELEBRAR

Cunha vitoria merecida diante do Levante rematou unha tempada na que o Celta de Juan Carlos Unzué ofreceu a súa afección poucos motivos para celebrar.  Os catro goles de Iago Aspas e Maxi Gómez, a extraordinaria parella de goleiros nosos, autores de corenta dos cincuenta e nove tantos celestes desta liga, aliviaron unha decepcionante xeira de resultados na decisiva cuarta fase da competición, na que o Celta apenas obtivo once dos trinta puntos en xogo, o que o descartou xa hai varias xornadas da loita polas posicións europeas e ao mesmo tempo asegurou a súa continuidade na división dos mellores.

Sei que non foi nin a clasificación da metade da táboa para abaixo, nin a imposibilidade de acadar os cincuenta puntos nin sequera o triste papel dos nosos lonxe do estadio de Balaídos (a última vitoria foi hai catro meses en Donostia) a causa da suave melancolía padecida polo celtismo este campionato. A cerna da desconexión emotiva da afección co Celta de Unzué estivo, a pesar dalgúns encontros excelentes na casa, como o empate diante do Barcelona, na raquítica identidade do seu xogo, o mellor palmarés que o equipo de Berizzo ofreceu ao celtismo durante tres tempadas. A pesar de obter catro puntos máis (49) e marcar seis goles máis (59) e encaixar nove goles menos (60), sen dúbida mellores cifras que na tempada anterior con Berizzo, o cadro de Unzué non será lembrado nin pola excelencia nin pola versatilidade do seu xogo, o que en Balaídos se paga moi caro, a prezo de rianxeira. Unha escolla esixente do celtismo que o adestrador navarro con seguridade non esquecerá.

Por ventura, coincidíu o peche do campionato co regreso á lameira de Iago Aspas, que aspiraba a levar para a ría o seu segundo Zarra, como mellor goleiro español. E abofé que o merlín de Moaña o conseguiu onte con outro recital marabilloso, que o consolida como dianteiro indiscutible na lista de Lopetegui para Rusia, e como unha lenda na historia do Celta. Tras o precioso gol de Rochina, aos 11’, un xute dende a frontal, inalcanzable para Sergio, precedido dunha elegante reviravolta, coa que se adiantaban os granotas, Aspas conduciu a un Celta que con Jozabeb e Wass nas bandas adquiriu unha profundidade descoñecida. Así chegou o primeiro gol de Maxi, no 28’, nunha xogada iniciada por Lobotka, que Wass, moi activo no xornada da súa previsible despedida, abriu sobre Iago quen se internou na área, caneou a dous defensas, gañou a liña de fondo e dende alí asistíu ao ariete noso para que este empurrase sobre a rede aproveitando a diletancia do porteiro visitante.

O gol do charrúa funcionou como acicate e o Celta conducido por un Iago pletórico despregou até o descanso os seus mellores minutos. No 33´ mereceu marcar cun xute en carreira de Jozabed, tras recibir outra asistencia de ouro que Aspas lle serviu na banda dereita. Xogada que o astro do Morrazo repetiría un minuto despois dende a frontal, finalizada nesta ocasión por un xutazo de Wass ao longueiro. Gol que chegou, por fin, no 40’, cando o noso pichichi marcou dende a área pequena tras dúas paredes pola banda esquerda que trazou cun Jozabed animadísimo, nun dos seus mellores partidos.

Co inicio do segundo acto o Celta pretendeu liquidar o partido cunha gran xogada de Maxi Gómez, que tras roubar a bóla ao defensor centrou de forma moi certeira para que Iago acadase a pracer o seu gol vixésimo terceiro no campionato, unha cifra para a historia. Caroliño que deu azos aos celestes que procuraban en cada chegada atopar a Aspas para que este culminase unha nova tripleta. No entanto sería Maxi quen obtería o cuarto no 62’, tras unha soberbia cabezada cruzada e cara abaixo, aproveitando un saque de recanto de Wass. O xove ariete charrúa pechaba así unha primeira tempada extraordinaria, demostrando que cos seus dez goles de cabeza é, respectando os logros do seu compatriota Stuani, o mellor goleiro de toda a liga nesta modalidade.

Tras a substitución de Aspas e Jonny, o Levante tirou de orgullo coa intención de maquillar un resultado que podería ser aínda máis avultado. Esa afouteza levantinista e unha certa apatía defensiva celeste facilitou o gol de Morales no 73’ co se pechaba o catro dous na táboa. O partido esvaraba no conformismo e unha tempada escasamente emotiva, sen grandes desgustos e contadas ledicias, finalizaba no municipal do Fragoso. Pouco que celebrar para un Celta que dende inicio de liga semellaba aspirar a máis intensas emocións. Cun novo cadro técnico e unha previsible importante remuda do cadro de xogadores, agardemos recuperar o palmarés do mellor xogo a vindeira tempada. Esa sempre foi a ilusión inquebrantable do celtismo.

Campo do Fragoso CLVII

FARO CHAPELALARRIVEIRAZO

Ao Celta non lle fixo falta a intensidade de partidos anteriores para gañar con claridade ao Levante, un deses ósos sempre moi duros de roer en Vigo. O equipo noso consolida na táboa de marcas un inicio de tempada marabilloso. Con 16 puntos na primeira cuarta parte da competición, semella posible aspirar a unha campaña acougada na que poidamos gozar dun Celta situado nese grupiño intermedio de equipos xeitosos que á altura da primavera soñan con ter posibilidade de acceder ás prazas da Europa League.

Estreouse Lucas Alcaraz no banco levantino dispoñendo dúas liñas de muralla, un sistema de contención co que pretendía reducir a mobilidade de Krohn-Dehli, o director de xogo do Celta, que coma Xavi Hernández no Barcelona, marca os tempos e inicia o despregue das diversas variantes do noso ataque. E a verdade que ao Celta custoulle máis de vinte minutos abrir espazos para as carreiras do internacional dinamarqués. Notou a ausencia de Fontás e o seu decidido paso adiante en cada unha das aperturas de xogo, como sufriu a timidez de Mallo e Jonny para atravesar a liña do medio campo, máis pendentes de pechar aos levantinos polos laterais.

A pesar destas dificultades, o Celta non perdeu a paciencia e as aparicións intermitentes e de grande calidade de Pablo Hernández foron abrindo os primeiros furados. Da luva esquerda do Tucu naceu a primeira gran chegada celeste. Pouco despois, o primeiro larriveirazo, froito dunha longa xogada combinativa. Dende o centro, Krohn deliñou unha diagonal de trinta metros que Santi Mina recibiu á altura do recanto dereito da área grande; o canteirán caneou co tacón ao seu marcador para entregar a pelota a Hernández que cun só toque da súa esquerda a pasou entre os defensas para que Larrivey marcase ao límite do fóra de xogo. Un gol marabilloso.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta tivo os seus mellores minutos. Nolito, na plenitude da súa confianza, ensaiou unha das súas xogadas, a entrada en diagonal polo recanto da área para filtrar dentro o balón que Larrivey cruzou en carreira uns centímetros de máis sobre o pao dereito. Outra xogada fantástica polo seu deseño execución.

Fose pola escasa resposta atacante do rival coma pola dificultade da defensa propia para a apertura do xogo ao pé, os de Berrizzo foron perdendo o seu fulgor e caeron nunha longa fase de apatía que se prolongou até ben entrada a segunda parte. Cando o partido esvaraba nos territorios do aborrecemento, a fortuna aliouse cos galegos. O formidable cacheirón de Ivanschitz bateu no longueiro. Unha xogada decisiva que puido levar ao empate mais que serviu para sacar ao Celta da súa rotina. A entrada de Álex López na lameira foi decisiva para a recuperación do entusiasmo atacante. Do ferrolán naceu o segundo larriveirazo, outra marabilla combinativa. Na liña de medio campo un dos nosos defensas recuperou co peito o balón sobre o ferrolán quen sen deixalo caer se inventou un globiño para que Nolito ensaiase outras das súas fantasías preferidas e máis gabadas pola bancada de Balaídos: carreira, parede e xute envelenado dende a esquerda sobre o pao longo. Unha secuencia de xogo que nesta ocasión provocaría un rexeitamento in extremis de Diego Mariño aproveitado polo oportunísimo Larrivey para marcar a pracer. O terceiro gol, tamén de fermosa fasquía coma os larriveirazos anteriores, chegou co rival vencido, froito da confianza de Álex que ensaiou un xute lonxano dende a frontal que se lle embarullou nas mans ao desafortunado gardarredes vigués do Levante.

Este Celta de Berizzo ilusiona pola súa vontade de desenvolver un xogo combinativo e fermoso, mais tamén polos seus resultados, froito dunha boa capacidade competitiva, tanto en casa coma fóra, onde continúa invicto. Saímos de Balaídos contentos.

Foto: Marta G. Brea.

Campo do Fragoso CXLIII

O BARCO NAS PEDRAS

Tras nove xornadas, cando non se cumpriu unha cuarta parte do campionato, Luis Enrique meteu o barco nas pedras. As cifras non poden ser máis fracas: seis puntos de vinte e sete posibles, apenas unha vitoria, tres empates e cinco derrotas; un punto dos últimos quince xogados, catro derrotas consecutivas, ningunha vitoria aínda en Balaídos; apenas un gol marcado nos últimos cinco partidos e ningún nos tres últimos… O equipo colocado en situación de descenso ás portas dun calendario próximo durísimo que pode deixalo noqueado xa no mes de novembro. E o máis preocupante é que non semella moi doado como sacar a embarcación celeste destes cantís.

Comezou intenso o Celta fronte ao Levante de Caparrós, un adestrador que nas súas visitas a Balaídos adoita tirar moi bos resultados. As bategadas enchouparon a lameira e as bancadas do vello Balaídos. Unha noite de fútbol atlántico, un partido case acuático, onde a velocidade e a forza ponderaron máis que o toque e a precisión do tiraliñas. Luis Enrique acertou inicialmente co cadro, corrixindo algúns dos seus excesos tácticos, adiantando a Oubiña e colocando a Krohn como construtor do xogo de ataque. Pola súa banda, o arteiro Caparrós decidiu agardar ao Celta diante da súa área, procurando con paciencia a súa oportunidade.

Durante a primeira parte, o Celta gañaba case todas as pelotas no medio do campo, chegaba con inusual facilidade á area levantina, mais nese territorio decisivo nunca soubo establecer superioridades. Hugo Mallo e Mina facíano como querían dende a dereita, mais Nolito nunca acadou ás diagonais envelenadas que lle trazaron. Krohn Dehli intentouno con pexegazos dende a frontal, mais non foron abondo precisos. Mina amedrentouse en dúas ocasións cando, tras os servizos de Rafinha, quedou só diante do porteiro Navas e o veterano Charles, o que semellaba o noso máis experimentado goleiro, acelerouse unha velocidade de máis nun par de remates.

Tras o apagón ao inicio xusto da segunda parte, provocado por un ballón que nunca amainou, o Celta recuncou non seu esforzo, desta volta empeño e vontade non lle faltaron. Luis Enrique decidiu estirar o equipo polas bandas e intentar recuperar os balóns na frontal; mais estragou o partido cos trocos, especialmente coa incomprensible saída de Nolito, un dos poucos xogadores capaces de provocar un alustro de lucidez fronte a unha defensa diesel coma a do Levante. Porén, afeitos como estamos os celtistas a vivir as maiores penalidades, unha falta innecesaria de Orellana, un xogador ao que lle ven moi grande a intensidade da primeira división, facilitou que Diop marcase dende fóra da área, cando faltaban dous minutos para o remate do partido. Outra catástrofe, un naufraxio en toda regra, dificilmente xustificable pola mala sorte ou polas caprichosas decisións arbitrais.

Moito terá que mudar nas vindeiras xornadas a actitude de Luis Enrique, un adestrador que desde a súa chegada a Vigo procurou a comodidade do seu andamio e do seu esquema preconcibido. O Celta precisa de urxentes solucións tácticas que se axeiten as características e limitacións do seu cadro de xogadores. De non facelo, temo que non chegará a comer en Vigo o turrón.

Campo do Fragoso LXXVII

EQUIPO DE XIZ
Foi o mineraloxista alemán Friedrich Mohs quen agrupou aos minerais nunha escala dividida en dez graos de distinta dureza, que vai do grao 1, o dos minerais moi brandos, como o talco e o xeso, que se raian coa uña, até o grao 10, o dos máis duros, como o corindón ou o diamante, que son capaces de raiar o vidro. Se empregásemos esta escala para clasificar a dureza do Celta de Eusebio, ou o que é o mesmo, o grao de resistencia que opón a ser raiado por outro equipo da súa categoría, non hai dúbida que ocuparía os postos máis baixos da escala, o dos conxuntos brandos ou moi brandos. Outrosí sucedería se tratásemos de medir a súa tenacidade, ou o que é o mesmo, o seu comportamento cando outro equipo intenta rompelo, este Celta de Eusebio que se rompe tan doadamente sería considerado un equipo fráxil, xa que posúe un grao de tenacidade moi cativo. O desta tempada nefasta, tanto no período de Pepe Murcia como nesta do decepcionante Eusebio Sacristán, é un equipo de xiz que padece duás graves doenzas: a primeira, unha enorme fraxilidade anímica, que o leva a ser incapaz de sobrepoñerse o máis leve contratempo no marcador; e, a segunda, unha moleza defensiva que o fai moi vulnerable cando os contrarios atacan con certa convicción. Esta dúas doenzas foron as causantes de que onte se empatase co Levante un partido que estaba gañado por dous goles de diferenza na primeira hora de xogo. Un resultado, até entón, moi merecido grazas a intensidade na presión e o control do medio do campo provocados por unha defensa de tres centrais e dous carrileiros adiantadísimos. Este esquema permitiu ao Celta xogar máis xunto, acadar maior número de recuperacións das habituais e aproveitar a profundidade das bandas. Así chegaron os dous goles de cabeza, o primeiro de Óscar Díaz, a piques de rematar o primeiro tempo, e o segundo de Ghilas, ao pouco da reanudación, tras unha combinación magnífica pola banda esquerda de até catro xogadores celestes. Con dous goles galegos por diante, comezou outro partido e chegou a nosa debacle. Ao Levante, que tanto lle tiña o resultado, foise para adiante e imprimiu maior intensidade ao seu xogo. Cinco minutos abondáronlle aos azulgranas para que Pedro Vega enganchase un saque de recanto, moi mal defendido polos nosos; quince minutos despois, cando o Celta perdera xa todo o debuxo e actitude da primeira parte, Vega volveu furar a Falcón (ollo, leva recibidos seis goles en dous partidos) por mor doutro fallo defensivo celeste. Foi entón, cando dende a banda, Eusebio, un adestrador que semella en período de prácticas e probas, decidiu sacar a Michu e a Dani Abalo. Xa era tarde. Vista a desastrosa segunda parte, na que mesmo se puido perder o encontro, estoutro empatiño non é mal resultado, xa que nos deixa a cinco puntos do descenso. O problema podería chegar cando no mes de xuño, no penúltimo partido en Balaídos, tivese que gañar ao Alavés. Teño as miñas dúbidas que este equipo de xiz sacase adiante un partido a vida ou morte. Así están as cousas en Balaídos.