A chamada «lei de convivencia»
No artigo da semana de Faro de Vigo analizo os contidos e a orientación política da chamada «lei de convivencia e participación da comunidade educativa« (cuxo texto completo pode baixarse en pdf aquí).
Aproveitando o acougo das vacacións de Nadal o conselleiro de Educación presentou o borrador do anteproxecto de Lei de convivencia e participación da comunidade educativa. Un texto que para o Goberno Galego ten por finalidades “acadar e manter un clima de convivencia” nos centros escolares, dignificar a profesión docente, proporcionándolle protección xurídica adecuada ás súas funcións, e corresponsabilizar aos pais e nais nesta tarefa coma un dos seus principais deberes en relación coa educación dos seus fillos. Obxectivos, sen dúbida, que comparten todos os membros das comunidades educativas, tanto polo feito de que a aprendizaxe da convivencia constitúe a esencia de todos os procesos educativos, sexan familiares ou escolares, como pola importancia fulcral que para o desenvolvemento con aproveitamento da actividade educativa ten o noble oficio de mestre, non sempre suficientemente recoñecido e valorado polo conxunto da sociedade.
Dende a exposición de motivos, a lei amosa a súa preocupación pola gravidade dos fenómenos de “mala convivencia” nos centros educativos, con especial atención aos de acoso e ciberacoso escolar, presentados como “unha nova cotiá nos últimos tempos”. Fenómenos de abordaxe educativa complexa para os que se pretende atopar saída elaborando un plan de convivencia, considerando ao profesorado como autoridade pública e obrigando a participar aos pais e nais nos procedementos de corrección disciplinaria. A consideración dos docentes, recollida das leis aprobadas nas comunidades de Madrid e Valencia, apenas supón asumir o principio da presunción de veracidade das súas afirmacións realizadas nun eventual procedemento sancionador aberto a un alumno. Outrosí sucede co recoñecemento da facultade para “requisar obxectos, produtos ou substancias perigosas ou prohibidas polas normas do centro…”. O mesmo poderíamos dicir da responsabilidade outorgada aos departamentos de orientación de elaborar un “programa de habilidades sociais” dirixido ao alumnado que incorra de forma reiterada en condutas disrutivas; da posibilidade de regular o vestiario do alumnado que se deixa á autonomía do centro, ou comunicar as incidencias aos pais e nais por Internet. Solucións que sabemos dunha ou doutra maneira se veñen ensaiando por parte do profesorado e das comunidades escolares dende hai ben tempo.
Porén, nin o enfoque nin as medidas desta lei apuntan cara a orixe da maior parte dos conflitos existentes nos centros educativos. Non podemos agochar que moitos destes problemas teñen a súa cerna na masificación dalgúns centros de Secundaria e na ausencia de medios e recursos para abordar a súa diversidade. Non se poderá mellorar a convivencia nestes centros, se non se baixa a ratio de profesorado/alumnado, se non se contan con desdobres en determinadas materias, se non existe profesorado de apoio, se non se establecen programas de mediación para abordar os conflitos ou se non se xenera no centro unha dinámica na que a disciplina democrática ocupe un lugar destacado. Cre sinceramente alguén que coñeza o funcionamento dun centro educativo que a consideración do profesorado como autoridade pública solucionará os problemas que suscita a integración de minorías ou de alumnado con comportamentos disrutivos? O sistema previsto de correccións (outro eufemismo) abondará para resolver este tipo de conflitos educativos? Non sería máis realista asumir que a autoridade e prestixio social do profesorado se consegue coa lexitimidade proporcionada polo apoio do conxunto da súa comunidade educativa e polo recoñecemento do resto sociedade?
Con todo, non nos enganemos, nin o acoso escolar nin os conflitos disciplinarios son a razón de ser desta chamada “lei de convivencia”, senón o da regulación da participación directa dos pais e nais, á que se lle dedica un capítulo específico. Un procedemento artellado coa intención de “solicitar as preferencias individuais ou colectivas” sobre aspectos da programación xeral do ensino, até agora competencia da Administración educativa e dos órganos colexiados, fose do claustro do profesorado ou do consello escolar. Un mecanismo xurídico destinado, sen dúbida, a avalar á consulta prevista no “Decreto de Plurilingüismo” e superar algúns dos atrancos que lle puidese ocasionar o ditame do Consello Consultivo e mesmo a xurisprudencia do Tribunal Constitucional (STC 337/1994) contraria á elección de lingua por parte dos pais. En definitiva, en época preelectoral, como xa sucedera hai dous anos, ás portas das eleccións autonómicas, o Partido Popular de Galicia volve axitar as augas do conflito do emprego do idioma no sistema educativo. Unha extraña forma de entender a convivencia nun ámbito onde son imprescindibles as maiores doses de acordo e sutileza.