Artigos

Onte 1730: «O amor nos escuros días de Birkenau» de Alberto Canal

XG00162201Tras Un animal chamado Néboa de Ledicia Costas e Laura no deserto de Antón Riveiro Coello, Alberto Canal coa novela O amor nos escuros días de Birkenau achega unha nova entrega en galego á literatura da Shoah, do Holocausto, da catástrofe xenocida que marcou o devir da humanidade no século XX. Canal asume o reto de ofrecer unha ficción na que se reconstrúe con toda a crueza a vida cotián no interior dun campo de exterminio, mais onde podemos identificar a existencia dun espazo para a esperanza nunha comunidade de persoas resistentes sometidas ás penurias da fame, do traballo escravo, da tortura e dos maís terribles experimentos relacionados co sufrimento humano. A presenza do amor e da música como medicinas para alma ofrecen certas doses desa esperanza expresada na frase «Non podo continuar. Vou continuar» utilizada como refrán nos capitulos finais. Unha novela fulcral para entender o que Adorno lembraba con pesimismo: «non foron só as persoas as que sufriron o exterminio, foi tamén a mesma idea de humanidade».

Onte 1317: Literatura da esperanza

XG00199601A presentación onte na Feira do Libro de Compostela de Funambulistas, o libro de relatos de Mercedes Leobalde, gañador do Premio Ánxel Fole 2014, coincidiu felizmente coa publicación dunha anotación de lectura do escritor Antón Riveiro Coello. «Un texto fresco e ben orixinal que está a altura da nosa mellor narrativa curta», afirma o autor de Laura no deserto, para quen «a dor, a violencia machista, a inmigración, a maternidade prematura ou o suicidio son algúns dos temas destes vinte e cinco micorrelatos tan suxestivos sometidos por un equilibrio e unha ironía que deixa pouso e nos obriga a reflexionar cando chegamos ao remate de cadansúa historia.» Como sinalamos onte na presentación de Compostela, as páxinas de Funambulistas forman parte da biblioteca da literatura da esperanza, aquela caligrafada sobre o inconformismo e a resistencia, a que enxerga un horizonte de luz para os seres humanos, a pesar de vivir situacións límites.Moi recomendable.

Onte 1218: Auschwitz 70

Auschwitz_27-01-2015Esta foto de Miroslaw Celka, sobrevivente do campo de exterminio de Auschwitz-Birkenau, representa setenta anos despois da súa liberación polo Exército Vermello a memoria do Holocausto, a de máis dun millón de persoas que foron alí asasinadas despois de padecer as maiores humillacións. Dende entón, Auschwitz representa as ideas funestas do nazismo, do odio e da intolerancia, do seu antisemitismo visceral que levou a aniquilación de millóns de xudíos (e tamén de xitanos, negros, homosexuais e esquerdistas) nas cámaras de gas dos campos de exterminio situados en Polonia, unha das accións máis diábolicas concibidas por seres humanos. Xaora, non podemos esquecer que o holocausto non só se sofriu nos 50 «campos da morte», tamén se padeceu nos máis de 1000 campos de concentración e nos 1150 guetos que montou o Terceiro Reich. Como tampouco as importantes motivacións económicas que o promoveron.

holocausto

En lingua galega coñezo dúas traducións centradas no tema do Holocausto que merecen ser divulgadas e utilizadas como recurso didáctico: Historia da Shoah de Georges Bensoussan, preparada por Xoán Garrido Vilariño; e Auschwitz explicado á miña filla de Anette Wieviorka de Susana Piñeiro Paz, títulos que no seu momento foron publicados en Bivir. Como tamén é imprescindible citar a novela en catalán da cidadá viguesa Mercedes Núñez Targa, El carretó del gossos, figura que protagoniza a novela Laura no deserto de Antón Riveiro Coello. Outro tanto é a novela Götz e Meyer de David Albahari traducida do serbio por Jairo Dorado Cadilla. Sei que a publicación por Xerais na vindeira primavera da novela de Alberto Canal O amor nos escuros días de Birkenau e do libro de relatos de Ledicia Costas Un animal chamado Néboa constituirá outra achega valiosa da literatura galega a esta memoria do Holocausto que lembramos cada 27 de xaneiro.

Onte 664: «A noite no deserto»


A pesar da calor abafante, a conversa entre os escritores Chisco Fernández Naval e Antón Riveiro Coello, moderada polo crítico Ramón Nicolás, resultou moi interesante. Unha etapa máis dunha actividade, presentada baixo o título «A noite no deserto», que se celebra en cada unha das Feiras do Libro de Galicia deste ano e supón a colaboración entre dous escritores, dúas editoriais, coa intención de crear un espazo para a conversa estritamente literaria. Os autores de Laura no deserto e A noite branca, dúas das novelas máis premiadas e valoradas polo lectorado das publicadas o pasado ano, obras entre as que existen certas coincidencias temáticas, de arquitectura e mesmo de enfoque, falaron con Ramón Nicolás sobre o proceso de ideación e escrita de cadansúa obra. Abordaron tamén a importancia das personaxes femininas e da memoria (tamén do esquecemento) e da identidade como motores das súas novelas. Como remate confesaron que na actualidade traballaban en proxectos de longo calado, coincidindo desta volta no feito de facelo sobre temas e problemas do noso tempo. A nosa gratitude a Chisco, Antón e Moncho por tan excelente serán literario, a pesar da calor, que debeu achegarse aos temibles corenta graos.