Artigos

Onte 834: «La cara oculta de la edición»

Temos comentado en anotacións anteriores novidades da magnífica colección «Tipos móviles» de Trama Editorial dedicada a abordar temas de edición, libro e lectura. Como sucedera co libro sobre os almacéns de Amazon, chega tamén de Francia, o país no que máis se debate e reflexiona sobre o futuro do libro, La cara oculta de la edición, un ensaio de Martine Prosper, traballadora de Castermen e secretaria xeral de CFDT Livre-Edition, principal sindicato francés do sector. Prosper presenta un completo informe (pechado en 2011) sobre a situación do sector da edición en Francia (edición, distribución e libraría), salientando a situación de precariedade dos seus traballadores e traballadoras.

Un ensaio que asume a crise do libro como «doenza crónica», inmortal para un sector sempre laioso que nestes momentos, ademais, sofre unha importante modificación tanto dos seus procesos de traballo como da súa cadea de valor. Con todo, para Prosper, a verdadeira crise actual do libro, tras vinte anos de triunfo da lóxica financeira sobre calquera outra (baseada na contabilidade analítica de cada libro, de cada materia e de cada liña de edición, mais tamén na concentración da distribución libreira e da industrialización da loxística), residiría na «aceleración dun modelo económico à bout de souffle, que estrangula lenta pero infaliblemente o obxecto ao que supostamente dá vida». Noutras palabras, a crise verdadeira do libro prodúcese non pola disrupción da dixitalización,  se non cando perde a súa dimensión de ben cultural, quedando a mercede do comercio coma simple mercadoría.

A pesar de estudar só o caso francés, o libro identifica os principais problemas da edición actual en todo o mundo, tanto os dos grandes grupos trasnacionais como os que sofren as denominadas editoras independentes. Destaca pola súa claridade e contundencia, o capítulo dedicado á «Chegada da era dixital», no que a autora realiza unha defensa coherente do labor do editor e do dereito de autor, como unha dimensión patrimonial e moral. Outrosí sucede coa necesidade nese contexto de mudanza de recoñecer os dereitos de todos os traballadores e traballadoras do sector, tanto dos que forman parte dos cadros das empresas coma daqueloutros que fan tarefas externalizadas. Non perder a dimensión do libro como ben cultural e recuperar o discurso humanista do editor, tamén no ámbito social das súas empresas, serían para Prosper novos vieiros que axudarían a consolidar unha edición futura que aventura híbrida e diversa. Un libro que todos os editores e libreiros debemos ter moi presente. Útil para a tan necesaria reflexión intersectorial. Parabéns, outras vez máis, a Manuel Ortuño e Txetxu Barandiaran responsables de tan interesante colección.