Artigos

A kermesse de Antón Pulido

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao meu admirado amigo o pintor Antón Pulido.

Tras anos de dedicación xenerosa á docencia e á xestión cultural, despois de presentar os seus cadros con grande éxito en galerías e feiras de Taipei, Beijing, Shangai, Seúl e Roma, o pintor Antón Pulido ofrece baixo o título “Kermesse” unha grande exposición nas salas do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. O artista de Chaos de Amoeiro reuniu corenta lenzos inéditos de produción recente, aos que engadiu unha coidadísima escolma de pezas da súa traxectoria anterior, coa intención de presentar a súa esencia pictórica actual. Unha mostra memorable, magnífica, coidada ao detalle, que coincide coa madurez creativa e artística dun ser humano xigante, de xenerosidade e bondade desbordada, afincado en Vigo dende hai case tres décadas, que conta por milleiros os seus amigos e admiradores. Unha exposición emocionante para o espectador que percorre as magníficas instalacións do museo provincial abraiado pola sinfonía de cor rotunda e polo relato visual, unha exaltación gozosa da enerxía da vida, non exenta das doses de dramatismo e tristeza que lle son propias ao tempo que vivimos.

“Kermesse” –un termo flamenco que fai referencia a “festa popular”, que poderiamos traducir en galego como “danza”, “boureo”, “bourela” ou mesmo “festiña”– tamén é o título escollido por Pulido para trinta dos seus cadros, aos que non diferenza máis que por un número de serie. Dende unha abstración que o artista foi decantando ao longo dunha década, cada unha destas kermesses representa, en tempos de desacougo e soidade, a ledicia da vida e a vontade de sermos en comunidade. Cada kermesse é un xesto visual transformado en emoción, esa actitude de acollida xenerosa e de escoita paciente que destila a presenza de Pulido alí onde se atope. Cada kermesse é, tamén, un latexar cromático, caracterizado polo xogo de texturas e pola dominancia das cores vermellas e negras, representando ambas as dúas facianas da festa popular, a da cara e a da máscara,  a do profano e a do sagrado, a do eros e a do tanatos. Cada kermesse é, como sinala o profesor Antón Castro, coordinador da exposición, “un modelo de representar a vida e a arte, conciliando o equilibrio entre a natureza e o home, vertebrando os seus estados de ánimo nas atmosferas festivas e non festivas”. Cada kermesse é máis ca un cadro, é tamén un convite de tradición epicúrea a abandonar calquera tipo de conformismo ou fatalismo paralizantes e atreverse a explorar o sentido positivo da vida, non exento de riscos, coma Pulido propón nese impresionante prato de “Percebes” (2008), un cadro onde podemos identificar a orixe desta serie última de abstración poética tan depurada.

Non esquece Pulido na exposición pontevedresa ofrecer unha escolma moi breve da súa pintura máis expresionista, sobre todo a que caracterizou a súa produción dende os anos noventa, protagonizada pola representación da figura humana, fose nos seus extraordinarios retratos e autorretratos, nas representacións realistas dos labores e faenas populares, coma nesoutros camiñantes e músicos solitarios á beira do abismo ou esas inquedantes mulleres núas deitadas na praia. Pezas moi contundentes nas que a cor continúa sendo esencial na composición e no xesto. Na mostra destacan “Abismo” (1990), “Noite azul” (1992), “Soño II” (1993), “Músico” (2008) e “Durmindo nas ondas” (2008), óleos que conteñen nos seus límites un relato mudo, cadros que se ofrecen coma un espazo para a experiencia activa do espectador que a partir de detalles cromáticos pode imaxinar vidas, descubrir misterios e ensaiar melodías.

A música é outro elemento moi presente na biografía de Antón Pulido, dende os primeiros anos de formación en Ourense e nos que aprendeu as harmonías do canto gregoriano, que se incorpora á toda a súa obra pictórica. Non só pola presenza decote de músicos nos seus cadros, dacabalo da serie de abismos, camiñantes e soidades, coma pola asunción da experiencia rítmica no desenvolvemento do xesto gráfico e pola utilización das formas musicais na escolla da súa paleta cromática. Música e pintura na encrucillada creativa do artista, espazo e pentagrama coma territorios de creación, experimentación e investigación sonora e plástica. Un prodixio de creación sinestésica e polifónica que sabemos está ao alcance de moi poucos.

Antón Pulido é o pintor do vento, é o músico da cor cálida, é o poeta da abstración emotiva, é o narrador da realidade no abismo, un artista total e apaixonado que procura a beleza até a gorida onde se atopa. Visitar “Kermesse” é unha magnífica oportunidade para gozar e descubrir a obra dun dos máis importantes e orixinais pintores galegos de entre séculos. Recomendo moi vivamente visitar esta exposición, unha das mellores que se teñen celebrado en Galicia durante a última década. Beizón, Antón!