Artigos

Onte 1891: «Manchester by the Sea»

Quedáranos pendente Manchester by the Sea, a tan gabada película de Kenneth Lonergan. E a verdade é que non decepcionan as dúas horas longas deste drama de desoladora tristeza, que afonda sobre os límites da perda e da culpa. A sobriedade na utilización dos flashbacks, a austeridade das fermosas escenas na baía e, sobre todo, a interpretación memorable de Casey Affleck, capaz de expresar todos os matices do desacougo e da dor dun ser torturado, mais tamén a súa tenrura e os momentos de ira, fan desta película un retrato moi conmovedor do que para un ser humano supón a expiación e a caída no baleiro. É posible sobrevivir a unha perda comoa a que sofre Lee Chandler? Neste film honesto, Lonergan ofrece apenas un intento de comprensión das razóns de quen non ten azos para afrontar a vida. «Non podo superalo» confesa Lee ao seu sobriño nunha das escenas máis brillantes dunha fita con vontade de clásico. Así o debeu crer Amazon que a comprou para súa distribución.