Artigos

A Comercial de Príncipe

Dedico o artigo da semana de Faro de Vigo a homenaxear a Papelería Comercial que despois de 98 anos en Príncipe 25 pecha as súas portas o xoves 14 de maio.

papeleria-comercial-113693_01_hd

O pasado sábado merquei por derradeira vez media ducia de cartuchos de tinta de cores e un par das miñas libretas dun cuarto acartonadas na Papelaría Comercial, que despois de 98 anos en Príncipe 25 pechará as súas portas o 14 de maio. Joaquina («Quinita») Mur, a súa propietaria, non podía agochar a súa tristeza polo peche do decano dos comercios de Príncipe, xunto á xoiaría de R. Fernández. A ruína do edificio que compartía coa xoiaría Rosende e co estudio de Pacheco obrigou a Quinita a botar o cadeado e facer «unha liquidación con cariño» dos centos de artigos de papelaría e varia fantasía dos que ofrece unha mostra nun dos escaparates máis fermosos da nosa rúa do paseo.

Aberta en 1917, pretiño do Café Suízo, a Comercial foi o establecemento no que Luis Lorenzo López entrou a traballar como rapaz dos recados e do que chegaría a ser propietario en 1927 tras mercarllo ao seu xefe por 33.000 pesetas, entón unha fortuna. Especializado en artigos de papelaría e libros escolares, pasou despois a mans do seu fillo que ampliou o negocio aos artigos de entroido, pel e figurinos. En 1995 fíxose cargo a súa dona, Joaquina Mur, que o especializou nos artigos para zurdos, nos xoguetes de madeira de calidade de orixe centroeurpea e noutras fantasías da memoria. A Comercial foi sempre un facho de beleza de espírito clásico no centro de Príncipe. O seu escaparate, en constante renovación, nunca defraudaba, agochaba sempre algunha sorpresa, fosen novos modelos de soldadiños de madeira, réplicas de automóbiles, caixas de música, reloxos de peto, fotos antigas de Vigo, mapas e carteis de vello, algún número atrasado de TBO ou as coleccións de fascículos de Faro de Vigo encadernadas, que aínda se expoñen nestes días derradeiros da súa liquidación.

O peche da Comercial, arruinada polo abandono dun edificio moi ben situado na «milla viguesa de ouro», supón a desaparición da derradeira peza do pequeno comercio tradicional daquel Príncipe dos nosos avós, dos nosos pais e tamén da nosa mocidade. Un Príncipe desaparecido, arrasado pola globalización comercial, do que conservamos apenas a memoria dos nomes dos comercios e algunhas (poucas) fotos en internet das súas fachadas e escaparates.

Quédanos a lembranza da Papelaría Española, a libraría situada no recanto con Velázquez Moreno, fronte ao Mercantil, e da libraría Barrientos nas galerías Durán. Conservamos a pegada dos establecementos de fotografía, o xa citado estudio de Pacheco, o longo escaparate de Foto Club, onde se facían as fotos de carné e as exposicións de fotógrafos amadores, e a tendiña de Foto Mecánicos da familia Bilbatúa, a dos cineastas galegos exilados en México DF. Recordamos a drogaría Sanchón, a pastelaría Las Coloniais, o despachiño de pan de La Madrileña, a carón de Guantes Varadé, o estanco número 1, o escaparte dos esmaltes dos irmáns Hernández e a farmacia Carrascal. Non esquecemos os longos escaparates de Tobarís nas galerías de La Norma nin tampouco os da xoguetaría Moya nin os do Sport, a primeira tenda de deportes e da cerámica de Sargadelos en Vigo. Lembramos as mercerías de La Favorita e Amalia, tamén administración de lotaría, e as tendas de roupa infantil Kadete e a zapataría Chavalín, cuxo escaparate sempre era engaiolante para os picariños. Non esquecimos os almacéns de Alfredo Romero, de Príncipe e de Olmedo nin os tecidos Bravo nin as tendas de Carbajo, a xastrería Esmart, a Camisería Industrial e a boutique Karina. Recordamos os escaparates de La Ideal, Barros e Mapusela e as zapatarías de Segarra, Miami, Bar, Cruces e El calzado español. Como é imposible esquecer a cafetaría Flamingo, onde tocaban conxuntos, nin as máis recentes (tamén desaparecidas) Nea e Lorena. Hoxe apenas nomes que se confunden (polo que pido desculpas polos esquezos e erros) nas nosas memorias, luces dunha cidade cosmopolita e aberta, mais incapaz de manter a continuidade necesaria para moitos dos seus proxectos.

O peche da Comercial supón a despersonalización total da rúa do Príncipe, a súa transformación en rúa comercial insípida, semellante á de calquera outra cidade da nosa contorna, onde se suceden sen sorpresa as franquicias e tendas das cadeas internacionais que hoxe monopolizan o comercio minorista. A humanización das cidades non se consegue só pola modernización do seu viario e por facilitar a mobilidade da súa veciñanza. Requírese, ademais, a existencia de referentes de continuidade interxeracional que, como sinala o escritor Fran P. Lorenzo, autor doutra gran novela viguesa Cabalos e lobos (Xerais 2015), sexan capaces de vencellar o histórico co íntimo, de facilitar a integración dos cidadáns coa súa cidade. O peche da Comercial de Príncipe arríncanos unha peza que incorporamos decontado ás páxinas voluminosas do Vigo da memoria.