Listado de la etiqueta: jano

Onte 2068: «Galicia contada aos non galeguistas» de Manuel Veiga

Entre as novidades de Xerais que quedaron agochadas polo estado de alarma rescato Galicia contada aos non galeguistas, un ensaio con afán de alta divulgación do noso admirado Manuel Veiga. Un libro desmitificador, de espírito heterodoxo como aquel pioneiro Galicia, bonsai atlántico de Manuel Rivas ou das obras recentes coordinadas por Isidro Dubert, sobre todo Historia das historias de Galicia. Pouco máis dun cento de páxinas, algunhas ilustradas con moito xenio por Jano, nas que Veiga formula as preguntas esenciais ás que ansia colectiva galega debería atopar respostas: u-las maiores riquezas de Galicia?; por que abundan no país os lugares en ruínas?; fomos celtas, queremos selo no futuro?; por que os galegos son moi queridos en Madrid (incluso de máis)?; continuaremos sendo un país de emigrantes?; existen razóns obxectivas que xustifiquen a ourensanía?; algunha vez contaremos cun goberno máis acorde coas características do país?

Empregando unha sólida argumentación, froito da destilación de milleiros de lecturas e dun coñecemento moi andado nas congostras e vieiros do país, o autor formula preguntas certas e ensaia respostas veraces, afastadas de calquera ortodoxia galeguista, matizadas nalgúns casos pola retranca e o humor e noutras por un afán rotundo de superación dos paradigmas actuais, tinguidas sempre dun leve optimismo de vontade gramsciana. Unha obra breve e moi coidadosamente escrita, no mellor espírito da prosa casariana da ledicia de ler, concibida como unha longa, amena e por momentos emocionante reportaxe dun xornalista que sen prexuízos partidarios está disposto a presentar con ollada arcea o verdadeiro rostro do seu país a súa propia cidadanía.

Un libro que a pesar do seu título (outra brincadeira irónica veiguiana) vai dirixido en primeira instancia ao público galeguista en todo o seu amplo espectro, dende o que se declara mornamente autonomista ao de filia máis independentista, pero que tamén pode dar moito xogo como texto de referencia para o debate interxeracional de clubs de lectura de bibliotecas públicas ou de centros educativos de secundaria. Aventuro que este ensaio de vontade popular será nos vindeiros anos un dos títulos máis recomendados de boca a orella polo lectorado. Beizóns a Manuel Veiga por estoutro esteo na construción dunha das obras máis sólidas, variadas e orixinais da escritura galega do noso tempo.