Listado de la etiqueta: isabel_mociño

2018, O ano das escritoras

Os responsables de culturagalega.gal encargáronme un texto valorativo do que entendía máis destacado na literatura galega do ano 2018. A miña gratitude para eles.

Neste 2018 que remata identifico na literatura galega tres liñas que o singularizan: o protagonismo das escritoras, o regreso aos andeis dos narradores dos oitenta e a intensificación da mobilización literaria.

Sen dúbida foi este o ano das escritoras, sexa pola homenaxe a María Victoria Moreno, que reeditou o éxito da celebración do día das letras galegas nas escolas dos anos dedicados a Carlos Casares e Manuel María, como polo protagonismo de escritoras de diversas xeracións no interese das lectoras. Eis a publicación de Vivir a galope, o groso libro de memorias de María Xosé Queizán, unha das candidaturas máis firmes ao libro do ano, xunto a outras novidades como A balada dos unicornios de Ledicia Costas, autora que foi traducida este ano a media ducia de linguas (entre elas coreano, búlgaro e italiano); Besta do teu sangue de Emma Pedreira, novela gañadora do Premio Xerais 2018; ou a edición da Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias, unha autora esencial na literatura galega de entre séculos, que despois dunha década volve á actualidade.

Foi tamén este 2018 o ano das Pioneiras de Anaír Rodríguez (Xerais), un libro divulgativo de grande acollida, que puxo en valor a mulleres invisibilizadas da nosa historia, da posta en marcha da colección Feminismos da Editorial Galaxia e da consolidación da serie «Mulleres bravas da nosa historia» de Urco editora.

Outrosí sucedeu co incremento protagonismo das escritoras nos premios literarios: Chus Lama obtivo o Premio Nacional de Ensaio por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia); Lupe Gómez o Premio da Crítica por Camuflaxe (Chan da pólvora); María Reimóndez o Johán Carballeira de poesía por Galicia en bus (Xerais); Emma Pedreira o premio da Crítica de narrativa por Bibliópatas e fobólogos (Galaxia); Eli Ríos o González Garcés de poesía por Ningunha tortilla é mala; Rosa Aneiros o Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil por Tres bichicomas, dúas illas e unha serea; Ana Cabaleiro o García Barros por As Ramonas (Galaxia); Antía Yáñez o Illa Nova por Senlleiras (Galaxia); An Alfaya o Raíña Lupa por O grupo (Xerais), Andrea Maceiras o Lazarillo por Rusgalía, entre outras autoras premiadas dunha relación que sabemos máis estensa.

Como tamén foron moi salientables outras novidades das nosas escritoras como Maternidade fóra de catálogo (Xerais) de Marga Tojo; Noites de safari (Xerais) de Marlen Malone; Natura (Galaxia) de Iolanda Zúñiga; Tu contas e eu conto (Através) de Susana Arins; Um elefante no armário (Através) de Teresa Moure; O puño e a letra (Xerais) de Yolanda Castaño, que inaugura o xénero do poemic na edición galega; ou reedición de Adiós María (Galaxia) de Xohana Torres.

Como non deben ser esquecidos os debuts no eido da narrativa de Rosalía Fernández Rial con Bonus Track (Galaxia), de Pilar Ortega con Principio de incerteza (Xerais) e Moncha Fuentes con O mar que nos leva (Xerais) e no da poesía o de Lucía Aldao con Todo isto antes era noite (Apiario).

Fenómeno que na crítica literaria se produciu co activismo do grupo A Sega ou co traballo teimoso de críticas como Mercedes Queixas, elixida como membro correspondente da Academia Galega, Montse Pena Presas, Montse Dopico, Berta Davila, Pilar Ponte, Susana Pedreira, Isabel Mociño, Eulalia Agrelo, Lorena Domínguez, entre outras.

Foi 2018 o ano de regresos agardados aos andeis das librarías de narradores dos oitenta e comezos dos noventa, en boa medida hoxe convertidos en clásicos contemporáneos, nalgúns casos tras anos de silencio editorial: Suso de Toro con Fóra de si (Xerais); Manuel Rivas con Vivir sen permiso (Xerais); Xavier Alcalá con The making of (Galaxia); Cid Cabido con Tres pintores, noveliña gañadora do Premio Ánxel Fole de narrativa, Antón Lopo con Extraordinario (Galaxia), Premio Repsol e Bieito Iglesias con Guías caninos (Aira editorial).

Por último, en 2018 intensificouse a mobilización literaria, promovida polas editoras, librarías, clubes de lectura, centros educativos, concellos como dos propios autores e autoras, que procuran o contacto directo co público. Entre os numerosos feitos a salientar está o éxito rotundo dos roteiros literarios polas cidades, que en casos como os do escritor vigués Pedro Feijoo, que presentou este ano Sen piedade (Xerais ) e Camiñar o Vigo Vello (Xerais), foron percorridos por centos de lectores e lectoras. Como tamén é obrigado parabenizar a mobilización dos editores, singularmente de Xerais, Galaxia e Urco, organizadores de centos de presentacións literarias ao longo de todo o ano e de todo país, un fenómeno ao que non é alleo o activismo dalgunhas librarías e, sobre todo, dalgúns autores e autoras en xira coas súa snovidades. Mobilización literaria consolidada nos novos eventos de referencia no sector, Culturgal en inverno, as Festas dos libros de Pontevedra e a Selic de Compostela na primavera, e a praza dos Libros de Carballo e as feiras do libro de Vigo e da Coruña no verán.