Na primeira presentación na nova e comodísima libraría Andel de Vigo (merecidos parabéns para Xaime e Concha Nogueira), xuntáronse máis de medio cento de persoas para escoitar a intervención de Anselmo López Carreira arredor da súa recente Historia de Galicia.
Comezou Anselmo López Carreira definindo a súa obra como «un traballo sintético, un compendio, un resume sobre historia de Galicia», «unha obra cunha clara vontade divulgativa e un enfoque interdisciplinar». Tras repasar os precedentes máis recentes deste tipo de historias xerais, desenvolveu as dúas trabes iniciais da obra. En primeiro lugar, a introdución dun capital dedicado á Xeografía («O país»), xa que «esta disciplina pode determinar a Historia, condiciona a forma de relacionárense as sociedades humanas co medio, onde nace a nación», máis aínda cando «a xeografía explica a historia do noso mapa político». En segundo, o capítulo dedicado á Historiografía. A este respecto salientou «a puntualidade coa que Galicia chega a ter historia», «a historias de Galicia de Vicetto, Murguía e López Ferreiro, aínda que este a presente como Compostelana, coinciden coas doutros estados nación». Porén, «esa dimensión historiográfica non avanzou coma a fixo a catalá, houbo períodos de paralización e outros de recuperación, como o que supuxo a Xeración Nós».
Para Anselmo a novidade principal da súa historia foi «cambiar a posición desde a que se observa a historia do propio país». «A historia de Galicia até agora estivo feita dende fóra de Galicia. Trátase de facer a historia de Galicia dende Galicia». Investir este procedemento é esencial para a nación, xa que «a nación é un produto histórico, produto dun proceso de acontecementos e da convivencia durante séculos». «Ofrecer unha historia de Galicia vista dende nós, na que a nación galega sexa a protagonista da historia, esa foi a miña intención».
Debullou despois os aspectos que consideraba máis destacados da obra. En primeiro lugar, o debate arredor do celtismo, onde existen posicións moi antagónicas. En segundo, o do reino medieval, «non esquezamos que Galicia foi reino até 1833, o primeiro reino de Europa occidental, o mesmo o primeiro reino que acuñou moeda». En terceiro, o proceso de vertebración da nación, unha secuencia que identifica na Irmandade, que continúa coa Ilustración e coa revolución Industrial, protagonizada en Galicia por cataláns». Por último, o libro dedica a súa atención á historia do nacionalismo nas súas diferentes etapas, á Sublevación de 1936 e á Restauración postfranquista. Rematou a súa intervención López Carreira advertindo que nas páxinas finais da obra acéndese unha alarma, «estamos nun momento de perigo, o país como tal pode desaparecer».