Irmandade ártica
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ás irmandades da cidade de Vigo, en especial coa de Nasraq, localidade de Groenlandia:
As irmandades entre cidades naceron tras a Guerra Mundial, cando Eisenhower creou o movemento de Cidades Irmandadas e en Europa se pretendían crear lazos de amizade e coñecemento entre cidades que tiñan características semellantes ou metas comúns. Irmandades que tiñan o seu precedente na establecida en 1931 entre Toledo e a súa homónima do estado de Ohio, a primeira documentada no mundo. Habería que agardar á Reforma Política e a constitución das corporacións democráticas para que esta forma de cooperación se estendese a máis de trescentos concellos de toda España.
Vigo non quedou fóra deste movemento internacionalista, expresión simbólica de paz e fraternidade entre os pobos. Coa alcaldía de Manuel Soto, que gobernaba Vigo como cidade estado, irmandouse con Lorient (1983), cidade portuaria bretoa, que organizaba coma Vigo un gran festival de música celta. No mesmo ano fíxoo con Narsaq, porto pesqueiro de Groenlandia. En 1986 con Porto, cooperación reforzada coa cidade portuense en 1992 coa posta en marcha do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Coa alcaldía de Carlos G. Príncipe, Vigo irmandouse con Buenos Aires (1992) e Caracas, grandes urbes acolledoras de comunidades galegas, saídas do porto transatlántico vigués. Por último, coa alcaldía de Abel Caballero Vigo irmandouse en 2010 con As Palmas de Gran Canaria, en 2014 coas mexicanas de Celaya e Durango e en 2016 coa chinesa de Qingdao, cidade de máis de dez millóns de habitantes, colonia alemá no dezanove, famosa en todo o mundo pola súa cervexa Tsingtao (1903).
Destas nove irmandades de Vigo, a de Narsaq, localidade de 1.200 habitantes do concello de Kujalleq, no sur de Groenlandia, é a máis insólita, anticipándose ao interese actual pola illa máis grande do planeta. Con raíces na cultura viquinga, o chamado «pao de Narsaq» é a primeira inscrición rúnica descuberta en Groenlandia, comparte con Vigo o seu carácter de porto atlántico de augas profundas e nodo estratéxico para as comunicacións radiofónicas HF/DE, ademais de ter unha fábrica de Royal Greenland, histórica industria de procesado de peixe. Irmandade xestada naquel Vigo convulso dos oitenta, sumido na crise dos caladoiros e da reconversión industrial. O alcalde Soto cría que coa diplomacia da casa do concello, se podía axudar a atopar novas pescarías para a frota viguesa. Entre as posibilidades estudadas, reparouse nas de Groenlandia, illa ártica de administración dinamarquesa, cuxas pescarías quedaban fóra das limitacións da entón Comunidade Económica Europea (CCE), da que España aínda non formaba parte.
Dende a alcaldía organizouse unha viaxe até o porto groenlandés, con saída o 28 de febreiro de 1983. Soto convidou a que o acompañasen un membro de cada grupo municipal (Riera por UCD, Núñez polo PCG, García por EG), un representante da Cooperativa de Armadores (López Veiga) e da Cámara de Comercio (Casuso) e dous xornalistas veteranos, Segundo Mariño e Francisco Armesto, que coas súas crónicas enxeñosas fixeron mítica aquela viaxe en jet privado, da que se dicía custou 4,5 millóns de pesetas, con escalas en Islandia e pernocta incluída en base militar estadounidense. A viaxe foi devolta un ano despois, cando o 8 de abril de 1984, Agnette Nielsen, a alcaldesa de Narsaq, visitou Vigo acompañada de tres membros da súa corporación. Foi a vez primeira que en Vigo se falou publicamente inuit, lingua propia dos visitantes, á que foron traducidas todas as intervencións pronunciadas no xantar de honra que se lles ofreceu no Pazo de Castrelos. Certo é que esa irmandade ártica non abriu os caladoiros que precisaba a frota viguesa, mais anticipou o interese por un territorio estratéxico, entre océanos, epicentro dos intereses estadounidenses actuais, xeado nas súa maior parte, ligado a Europa dende hai un milenio, até 1814 a Noruega e dende entón a Dinamarca.
Na tarefa de proxección internacional de Vigo, podería recuperarse a política de irmandades, reactivando as máis consolidadas, como a de Porto, e abrindo outras con cidades coas que existan afinidades culturais e económicas. Este é o caso de Nantes, cidade bretoa portuaria, con industria naval, berce de Jules Verne, cidade verniana por excelencia coa que non sería difícil compartir proxectos como o das «Machines de l´ile». Como tamén serían acaídas irmandades con cidades europeas con presenza de comunidade galega, algunha das suízas de fala alemá, como Basilea, Zug ou Zurich. E se quixeramos abrir o gran angular cara o continente americano, as candidaturas de Newark, Niteroi ou Salvador da Baía poderían ser consideradas. En todo caso, o concello de Vigo, sabendo que Groenlandia está hoxe ameazada, podería expresar a súa fraternidade e apoio a poboación inuit de Nasraq, a súa esquecida irmandade ártica.



