Artigos

Onte 722: A millonada de Bale

Rin un pedazo coa páxina de The Guardian na que se pregunta como se podería gastar en España a millonada (85 millóns de libras, cen millóns de euros) que pagou Florentino por Gareth Bale. Utilizando diversas comparacións, o texto facilita a comprensión do que a todas luces semella un caprichoso disparate en termos económicos e sociais do fachendoso empresario do grupo ACS. Cen millóns de euros equivalentes a 25 millóns de tapas de patacas bravas, todo un referente para os millóns de turistas británicos que nos visitan. Máis tamén, unha millonada que supón o salario mínimo anual de once mil traballadores dun estado con seis millóns de persoas desempregadas; un 0,1% da cantidade do rescate público dos bancos e caixas españois ou o equivalente a cantidade que en 2011 o Goberno de Zapatero destinou para axudas «a cultura, lecer e relixión (imaxino que nesta cifra non computa as entregadas á igrexa católica)».

As irónicas comparacións do xornal «laborista», unhas máis afortunadas e documentadas ca outras, expresan entre liñas a necesidade de reconversión do sector do fútbol profesional español. Un formidable tinglado sostido con respiración asistida pola burbulla dos dereitos televisivos e pola tolerancia infinita da Axencia Tributaria e da Seguridade Social coas que os clubes manteñen unha débeda de 524 millóns de euros, na que non se contabiliza a daqueles catro (entre eles o Madrid e o Barcelona) que non se converteron en Sociedades Anónimas Deportivas, de cuxas cifras a administración do estado non ofrece información. Unha millonada á que habería que engadir os case 900 millóns de euros de débeda que os clubes manteñen coas entidades de crédito, algunhas hoxe en mans públicas como Bankia ou Novagalicia. Estas empresas futbolísticas privadas teñen a fortuna de recibir tanto dos bancos como do Goberno un trato extraordinariamente comprensivo e deferente, o que como todos sabemos non sucede con outros sectores industriais e dos servizos nestes tempos de grandes sacrificios, a maior parte a costa da clase traballadora. E se dubidamos deste trato de favor que recibe o fútbol profesional, abonda con ler un artigo moi esclarecedor do economista da Universidade de Vigo Santiago Lago no que se estima que a débeda dos clubes de fútbol só co Estado (eses máis de 500 millóns) é equivalente aos recortes que no ano 2012 se realizaron nas políticas públicas de I+D. Aí queda outra comparación para reflexionar.

O fútbol profesional español precisa un saneamento total. Urxe desatoar as cloacas dos amaños de partidos (outra das formas da corrupción), mais tamén obrigar a todos os clubes a respectar idénticas regras societarias, desde o cumprimento das súas obrigas tributarias, pasando polo establecemento de topes salariais á fiscalización das súas contas. Medidas que, non hai outro remedio, levarían ao severo enmagrecemento que xa padecen os clubes en concurso de acredores (pasoulle primeiro ao Celta durante o seu calvario, sucédelle agora co seu ao Deportivo). Mais serían medidas que a longo prazo redundarían en facer a competición (sobre todo a da primeira división) máis igualada, equitativa e emocionante para as afeccións. Coa ostentosa fichaxe do dianteiro galés, só se incrementa a velocidade dunha carreira cara ningures. Cantas tapas de patacas bravas custará cada un dos goles futuros de Bale?  A cantos postos de traballo con salario mínimo equivalerán cada unha das súas asistencias a Cristiano Ronaldo? Cantos libros se poderían mercar para as bibliotecas públicas con cada unha das súas veloces galopadas?

Publicado en Galicia confidencial.