Artigos

Onte 1003: Subversivos

Dobarro_Pillado_e-Alonso_Montero_Ferrol_11-06-2014

Na presentación de onte na Feira do Libro de Ferrol da quinta de edición do Pedro Petouto todos os tres discursos centráronse sobre o carácter «subversivo» do libro de Xesus Alonso Montero e a súa actualidade. O primeiro en sinalalo foi Xosé María Dobarro cando realizou unha nota sobre o subtítulo da obra, «Traballos e cavilacións dun mestre subversivo»: «Daquela [referíndose a comezos dos setenta] estabamos orgullosos de ser subversivos, hoxe pasou a moda, a pesar de que hai razóns abondas para a subversión. Hoxe subversivos ten que haber aínda que non empreguemos a palabra». «Hoxe é un bo momento para reclamar a subversión e a nosa condición de subversivos. Este Pedro Petouto non é unha reliquia do pasado, é un texto necesario para os cidadáns deste país sen queren enfrontarse á realidade so seu país», rematou.

Abondou nesta referencia Rafael Pillado que comezou o seu discurso dicindo que «”subversivo” era a palabra coa que o franquismo se refería a nós durante moitos anos». Lembrou despois que «Xesús foi dos primeiros intelectuaiis que acudiu a Ferrol naqueles momentos [referíase ao 72] en solidariedade cos traballadores, coas nacentes Comisións Obreiras e cos membros do Partido Comunista, para iluminarnos coa súa palabra de Pedro Petouto». Referiuse despois á adicatoria do libro, na que aparece citado. «Son o único dos catro que hoxe vive, Aneiros, Amor Deus e Rioboo morreron por mor das condicións de traballo de Bazán, onde o amianto inundaba os talleres, un material do que descoñeciamos o seu carácter contaminante e canceríxeno. Foi a nota negra». Relatou con moita emoción a primeira noticia que tivo de Pedro Petouto: «Foi na cárcel de Carabanchel. O libro fóra presentado en Madrid, na Galería Sargadelos, coincidindo coa visita das nosas compañeiras que viñeran en autobús dende Ferrol. Elas ensináronnos o libriño vermello na cárcel. Daquela eu tiña 24 anos de petición fiscal e as nosas mulleres querían animarnos. Na presentación atopáranse con Xesús e Celso Emilio Ferreiro, un acto que rematou coa interpretación dunha pandeirada. aquilo foi unha expresión de apoio que recibimos como auga de maio». Rematou Pillado dicindo que «Pedro Petouto é a expresión dun percorrido histórico do noso pobo, onde tanta xente se sacrificou para abriros ollos. Pedro Petouto é unha homenaxe a toda a xente comprometida. Un recordatorio de que precisamos moitos activistas que contribúan a conformar unha maioría social capaz de derrotar a aqueles que teñen posta a bota enriba nosa».

Xesús Alonso Montero recoñeceu que «subversivo» é unha palabra que se emprega pouco agora. «O subversivo é o que quere darlle a volta á tortilla, como pretendía Rafael Pillado, subvertir. Pedro Petouto é tamén un mestre subversivo». Corrixiu Xesús o relato de Rafael Pillado precisando que a presentación na Galería Sargadelos de Madrid fora do primeiro volume da poesía completa de Celso Emilio Ferreiro publicada por Akal. Referiuse entón a Ramón Acal, o editor comunista, «un gran músico de orella, que tivo cheiro editorial, capaz de publicar nos anos setenta as completas de Marx, Lenin e as obras selectas de Gramsci». Lembrou que en Akal coñecera a Alberto Méndez, o autor de Los girasoles ciegos. Alonso Montero rematou gabando a figura humana e política de Julio Aneiros: «se non houbera persoas coma el non merecería apenas vivir».

Onte 592: Con don Xesús

Acompañei ao profesor Xesús Alonso Montero na súa primeira tarde pública como presidente da Real Academia Galega. Unha xornada maratoniana que comezou moi cedo con dúas entrevistas de mañanciña na Televisión de Galicia en San Marcos, continuou cunha conferencia ás once da mañá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra sobre o corenta aniversario da publicación do Informe dramático da lingua galega, e rematou pola tarde en Ferrol coa presentación na Feira do Libro de Castelao na Unión Soviética en 1938. Ademais de participar nos actos con grande enerxía, o profesor atendeu aos xornalistas no móbil e ás constantes chamadas das amizades para expresarlle os seus parabéns. De regreso a Vigo, seguimos no coche a narración de Xaime Escudeiro do partido decisivo do noso Celta e berramos o gol de Bermejo coma se estivésemos en Río Alto. Moitas emocións e esforzo para unha persoa de 84 anos que a primeira hora do día seguinte ten que coller o tren no Areal para enfrontar a súa primeira xornada no despacho de Tabernas. En Ferrol, acompañado polos seus amigos Xosé María Dobarro e  Iolanda Díaz (dixo que era «a primeira vez que unha deputada lle presentaba un libro«), diante dun grupo moi numeroso de camaradas e seguidores, que deixaron moi pequena a carpa da Feira do Libro, o novo presidente da Academia confesou o seu estado de ánimo: «Con troica ou sen troica, aínda quedan os afectos. Grazas a eles queda un pouco de entusiasmo». Agardo para o benquerido Xesús o mellor nesta difícil angueira. Abofé que posúe valía, teimosía, corazón, independencia e entusiasmo abondos para acometela.

Onte 225: En Ferrol con Cortizas e Yáñez

Iniciamos en Ferrol o periplo anual polas Feiras do Libro de Galicia, unha andaina para min moi traballosa, aínda que imprescindible, coa que dende a editorial intentamos aumentar a visibilidade das nosas novidades editoriais. A primeira presentación da xeira foi un acto moi singular no que Antón Cortizas e Antonio Yáñez Casal,  dous autores da Ferrolterra, presentaron cada un o libro do seu veciño. A experiencia resultou extraordinaria. Yáñez debullou de forma moi enxeñosa e irónica Vaia tropa!, o poemario de limericks de Cortizas, salientando que cada unha destas páxinas «era un auténtico fervor», no que estaba moi presente a nosa tradición oral, transformada e anovada polo xogo verbal até outros rexistros. Cortizas sinalou que Vento galerno, a novela de Antonio Yáñez, estaba escrita cun triple cariño: o de ter ganas de escribir unha historia que antes non existía; o Cariño de Ortegal, presente nun libro mariñeiro a tope, escrito por alguén que chantou as súas raíces no mar; o cariño da nai, identificable nas expresións e no fermoso xeito de contar. Cortizas salientou que nesta novela preséntase un mundo no que a vida pode verse doutra maneira, onde hai outros oficios e outra forma de organizarse diferente do da sociedade na que vivimos. A pesar do tremendo ballón, regresamos pola autoestrada moi animados do resultado desta primeira etapa. A vindeira estación será a Feira do Libro de Compostela, que se celebrará do 28 de abril ao 6 de maio.