Feijóo equidistante?
Mentres agardamos coñecer o contido do borrador, que será anunciado tras a xuntanza do Consello da Xunta nas instalacións de San Caetano (contraprogramando a protesta de Queremos Galego, algo insólito), non semella difícil facer unha composición de lugar dos termos políticos nos que o Goberno Galego manexará a súa proposta: Feijóo situarase nunha posición centrista (a el e aos membros do seu goberno gustaríalle mesmo que a definísemos como equidistante) entre os que serán definidos como «extremismos lingüísticos», as posicións galegófobas de GB e as castelanófobas dos partidarios da imposición del gallego (un amplo saco onde entramos todos os que defendemos o consenso acadado arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística). Así de sinxelo, como lle presta a quen tan ben manexou a polémica dos audis e das cadeiras de San Caetano.
Comodamente situados nesa posición centrista, Feijóo, Vázquez e (non sabemos, nestes momentos, se tamén) Lorenzo apelarán este serán a acadar un grande consenso, entre todos os sectores non extremistas da sociedade galega (mesmo situándose de forma equidistante entre as diversas posicións do PPdeG), sobre un novo modelo lingüístico baseado na liberdade e na defensa do galego. Deste xeito retórico (moi eficaz politicamente), obviarase o fundamental, o feito de que o novo decreto reducirá por primeira vez na nosa historia (nunha porcentaxe que agora descoñecemos) a presenza da lingua galega na educación obrigatoria e introducirá un modelo perverso de participación dos pais na elección da lingua vehicular (canto menos, polo que coñecimos até agora ) da educación infantil. Deste xeito, todos os sectores que continuemos defendendo o modelo vixente (baseado na procura de igual competencia entre ambas as dúas linguas para todo o alumnado da educación obrigatoria e na responsabilidade dos profesionais da educación na toma das decisións de aula) pasaremos dentro dunhas horas a ser considerados teimosos extremistas que insisten nos modelos de «imposición del gallego» e que non asumiron o resultado das eleccións de marzo. Para acadar esta inequívoca e moi cómoda posición centrista de Feijóo e o seu equipo foi decisiva a inestimable axuda de Gloria Lago, que nun gran movemento mediático insiste estes días por aquí e por acolá no seu «desencanto» polo contido do decreto [que ela denomina] «placebo», a pesar da súa pouco indisimulada satisfacción polo camiño aberto á elección das familias na Educación Infantil. Un magnífico exercicio de hipocrisía política.
Tempo haberá de debullar os contidos do novo decreto e facer un balance rigoroso das perdas que este retroceso supón ao proceso de fomento do galego no ensino. Hoxe abonda alertar sobre o ballón de boas intencións e de propostas de «defensa inequívoca do galego» que nos van caer enriba aos que pretendiamos infrutuosamente non se rachase un consenso forxado ao longo de tres décadas. Haberá quen se pregunte nesta liorta “quen son os extremistas”?
Nota: Convirá ser moi prudente á hora de valorar tecnicamente o novo texto. Non deixa de ser curioso o encaixe legal que vai ter a imposición da utilización como vehicular dunha lingua [como o inglés] que actualmente non ten recoñecemento constitucional. Unha vía xurídica moi interesante a explorar. Acouguemos e celebremos, pois, con esperanza a fin de ano, o traballo deconstrutivo de Feijóo continuará dando moito que falar.