Listado de la etiqueta: favec

50 anos do movemento veciñal vigués

Dedico o artigo en Faro de Vigo a lembrar o cincuentario do movemento veciñal vigués:

Foi en abril de 1975 cando iniciou a súa actividade a Asociación de Veciños do Calvario coa intención de reclamar melloras para o barrio, un ambulatorio e unha gardaría. Secasí, foi o ano seguinte cando se produciu a eclosión do movemento veciñal vigués con asociacións en Teis, a primeira aprobada (22 de abril de 1976); Lavadores, Cabral, Vigo-Oeste, Vigo-Centro, Cristo da Vitoria, Beade, Sampaio, Candeán, O Rocío, Bembrive, A Florida, Castrelos e San Paio de Navia. Quince asociacións que se aglutinaron nunha coordinadora para abordar cuestións que a todas afectaban: o funcionamento de Vitrasa; o abastecemento e saneamento de auga, aínda non concluído no termo municipal; o planeamento urbanístico, ancorado no Plan de Cominges de 1942 e no Plan Xeral de 1971. Particular importancia tivo entón a constitución da Asociación de Veciños de Vigo-Oeste, delimitada entre as rúas Camelias, Zamora, Hispanidade e Torrecedeira, o primeiro intento de constituír un movemento social participativo na zona urbana da cidade cunha actividade que fose máis alá das reclamacións do barrio, capaz de organizar tamén actos cívicos e culturais.

O domingo 21 de marzo de 1976 un milleiro de persoas con cadanseu caldeiro na man camiñaron de Cabral até a Praza de Constitución reclamando o subministro de auga do que carecía o barrio de Lavadores. Unha mobilización pioneira, a primeira autorizada tras a morte de Franco, que obrigou ao alcalde Joaquín García Picher a achegarse despois ao Calvario e Matamá, onde falou en galego, un feito histórico para o recoñecemento da nosa lingua na actividade municipal. Como tamén o foi o pleno do 31 de outubro de 1976, suspendido tras a solicitude da palabra por parte de José Carlos Abal e Francisco García, membros da asociación Vigo-Oeste, o que provocaría a dimisión de García Picher e a retirada da venda dun predio de Torrecedeira, coa que se pretendía compensar aos propietarios da empresa Playas Blancas del Atlántico SA. Feito que para Diego Pérez, autor de Vigueses na democracia. Historia do movemento veciñal (2000), foi «a primeira gran vitoria do movemento veciñal diante dos poderes públicos, que marcou a súa forza como interlocutora social de cara ao futuro». A partir de entón, a protesta converterase na forma máis eficaz da veciñanza viguesa para chamar a atención sobre a súa problemática, expresada por unhas asociacións que o 24 de outubro de 1978 constituíron a súa coordinadora, na que se formaron os grupos de traballo organizadores do día das Letras Galegas e a partir de 1980 do Entroido.

Tras o primeiro congreso veciñal de 1982, vinte e nove entidades cunhas vinte mil persoas asociadas, o 28 de outubro de 1987 acordaron a constitución da Federación de Asociacións Veciñais Eduardo Chao de Vigo (FAVEC). Entidade que dende entón serviu de contrapunto necesario das administracións locais, de todas as cores políticas, para que actuasen con transparencia e contacto coa veciñanza. Entidade que nunca pretendeu nin substituír as responsabilidades das administracións nin de inmiscirse nas competencias doutras entidades. Como as asociacións foron vitais para artellar a participación cidadá nos barrios e parroquias e na propia vida municipal. Grazas ao traballo calado dos compoñentes da FAVEC, ás veces incomprendido polos gobernos locais, mais sempre solidario e desinteresado, acadáronse melloras nas infraestruturas urbanísticas e nos servizos públicos básicos. Como tamén, na medida das súas posibilidades, este voluntariado organizou unha convivencia veciñal creativa, por medio do cooperativismo de vivenda e doutro tipo de actividades culturais e artísticas.

Hoxe o movemento veciñal organizado na FAVEC mantén un litixio xudicial co concello de Vigo coa intención de recuperar a que foi durante tres décadas a súa sede na Praza da Princesa 7. Unha proba da ruptura do diálogo co actual goberno municipal, molesto polas opinións da entidade veciñal sobre algunhas das súas actuacións. Un conflito de criterio que non pode ocultar que o Vigo dos últimos cincuenta anos foi construído tamén pola participación organizada da veciñanza, fose polas súas críticas e reclamacións, mais tamén polas súas numerosas propostas, como polas recreacións colectivas de éxito como a Reconquista e o Entroido ou pola existencia dunha rede de centros cívicos en toda a bisbarra viguesa. No contexto deste aniversario sería moi acaído intentar normalizar o diálogo entre concello de Vigo e FAVEC, abrindo outra vez unha xanela que, a pesar de non estar exenta de conflitos e altibaixos, se mantivera sempre aberta. Levando o nome de Eduardo Chao, referente ético de honestidade e traballo para Vigo, a FAVEC representa un viguismo cívico, unha achega da que o Vigo do porvir non pode prescindir.