Onte 2025: Vinte anos do «Dicionario dos seres míticos galegos»
Traballando onte no texto do discurso que me encargaron para ler na noite dos fachos da Peneda reparei en que a primeira edición do Dicionario do seres miticos galegos xa fixera vinte anos da súa publicación. Foi o 17 de maio de 1999 cando se rematou de imprimir este libro extraordinario de Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda, ilustrado por Lázaro Enriquez. Un fito que pasou completamente desapercibido, como tantos outros da historia da edición en galego, para a que foi a primeira obra que recolleu e organizou un corpus da nosa tradición oral. Unha obra pioneira na ampliación e modernización da nosa literatura de tradición oral. Tamén outros dos éxitos de lectores e lectoras da Xerais dos anos de entusiasmo de entre séculos.
Detrás da edición daquel gran libro estiveron o meu admirado mestre ilustrador Lázaro Enríquez, o deseñador e maquetador Fausto Isorna e os editores Fran Alonso e Xosé García Crego, que conseguiron ofrecer unha obra clásica, tanto pola escolla tipográfica, polas láminas intercaladas, pola sobrecuberta como pola disposición a dúas columnas da páxina. Un libro que dúas décadas despois non perdeu elegancia nin atractivo como arca de papel do noso imaxinario colectivo.
Xaora, merecen homenaxe os meus benqueridos tres mosqueteiros de Lugo, Cuba, Reigosa e Miranda, cuxa proeza de recuperación do tesouro oral galego, fose neste dicionario, fose nos Contos colorados, fose nos vinte volumes de Cabalo buligán, fose na Pequena mitoloxía de Galicia, fose nas tres entregas das Lendas de Galicia ou en diversas creacións individuais, aínda non foi recoñecida como merece.
Por ventura, para que non o teña, aínda deben quedar algúns exemplares da 5ª edición do Dicionario dos seres míticos galegos, actualizado en 2008. Unha obra referencial e inmorredoira, que conta tamén cunha excelente edición en castelán.