O naval de Vigo ten futuro
No artigo da semana en Faro de Vigo volvo, tras a comunicación da resolución do expediente sobre o tax lease, coa miña preocupación sobre o futuro do sector naval.
É comprensible a preocupación coa que o sector naval recibiu o anuncio de Joaquín Almunia exixindo a devolución dos beneficios fiscais obtidos pola entidades investidoras navieiras participantes no sistema de tax lease entre 2007 e 2011. Nin os argumentos xurídicos nin as presións política, sindical e cidadá abondaron para modificar completamente o criterio da Comisión Europea sobre unha cuestión que afecta ao marco da competencia entre os estados membros –regras que todos aceptaron respectar, mesmo a pesar de que non fosen do seu interese–, e á viabilidade en España (en Galicia e, sobre todo, na ría de Vigo) dun sector industrial privado xa moi castigado socialmente polas diversas e dolorosas reconversións sufridas nas tres últimas décadas, coincidindo co ingreso na Unión Europea. Un anuncio o do comisario vasco que non satisfai as demandas do naval, mais que cómpre recoñecer, supón unha modificación (en aparencia) significativa con respecto ás intencións expresadas semanas antes, tanto no que atinxe á redución do período de reclamación coma no feito de non realizala aos armadores e construtores.
Tras o golpe provocado pola noticia, poden ser entendibles algunhas declaracións abruptas do alcalde Caballero, declarando a Almunia “persoa non grata en Vigo”, como poden ser atribuíble ao interese electoral do Partido Popular de Galicia a intención dos seus dirixentes vigueses de convertir ao comisario socialista no espantallo do tax lease, demonizándoo como o “enterrador do sector naval” e responsabilizándoo de todo o seu futuro. Mais é de xustiza recoñecer que Joaquín Almunia non é o único responsable desta nova crise do naval, a pesar que en 2009, a anterior comisaria da Competencia, Neelie Kroes, considerase que o sistema de arrendamento fiscal español non era discriminatorio cos estaleiros doutros países. O uso da ferramenta de arrendamento financeiro por parte do sector non foi sempre decorosa. Como foron graves os erros cometidos polos Gobernos de España da última década, dende o de José María Aznar, que puxo en marcha este sistema en 2002, até o de José Luis Rodríguez Zapatero, que xestionou a reclamación realizada por Holanda en 2006 (apoiada despois por Portugal e Finlandia, entre outros), cando a Comisión Europea declarou ilegal o sistema francés de arrendamento fiscal para o naval. Non se pode agochar que nin os gobernos do PP nin despois os do PSOE, ambos os dous gobernos en tempos de farturentas burbullas (inmobiliaria e financieira), nunca comunicaron ás autoridades comunitarias as características deste complexo sistema polo que empresas que non tiña que ver co sector naval (como Inditex, Corporación Dermoestética ou Ikea) ou bancos (Caixanova, Banco Gallego ou Banco Pastor) convertíanse en investidores de proxectos da industria naval española e obtiñan descontos fiscais entre o 20 e o 30%. Aqueles ventos, en aparencia favorables, xeraron a nortada de hoxe. Naquela “omisión premeditada” dos gobernos de Aznar e Zapatero de comunicar o tax lease á Unión reside a cerna da resolución do expediente polo que as entidades investidoras deberán reintegrar ás arcas publicas españolas unha cantidade estimada en dous mil millóns de euros. Unha devolución que corresponde reclamar agora ao Ministerio de Facenda no marco da súa política tributaria, o que obrigará a Rajoy e ao ministro Montoro a adoptar, por fin, unha decisión política sobre esta cuestión.
Sendo o tax lease un conflito de intereses no marco da Unión, é probable que o Goberno de España decida reclamar diante do Tribunal de Xustiza da Union Europea, transformándoo así nun litixio xudicial por cuxa resolución non poderán agardar nin as empresas nin os traballadores do noso sector naval. Agotouse o tempo. As gradas da ría de Vigo non poden continuar baleiras de forma indefinida. A probada resistencia, paciente e responsable, do naval vigués pode ter os días contados. Eis outra das claves desta crise, a da necesidade de pasar páxina para enfrontar o problema fulcral do futuro do sector que non é outro que o do seu financiamento. Eis o ser ou non ser do sector, quizais para sempre.
O naval de Vigo ten futuro se conta con financiamento suficiente e apoio político decidido para facelo un sector industrial estratéxico para Galicia na axenda 2030. Dúas medidas nas que é imprescindible o compromiso do Goberno de España e da Xunta de Galicia para avalar un sistema de arrendamento financiero con garantías xurídicas e para acreditar nas posibilidades da ría de Vigo como o mellor entorno empresarial europeo para a construción e reparación de buques. Non chegan as ambigüidades. Cómpre apostar. O futuro do naval de Vigo depende dunha decisión política, á que non pode ser allea a unidade social e cidadá a prol do sector.