Artigos

Onte 851: «Especies en extinción»

Resultoume moi interesante a lectura de Especies en extinción. memorias de un periodista que fue editor (Tusquets, 2013)o segundo libro memorialístico do meu admirado Juan Cruz. Naturalmente o primeiro que lin foi o capítulo dedicado ao escritor Manuel Rivas, onde relata a famosa anécdota (que xa lle oiramos contar a Juan en varias ocasións) que deu pé á escrita d’ O lapìs do carpinteiro. Como tamén foron da miña preferencia inicial aqueloutros capítulos nos que aborda o seu traballo como director de Alfaguara e despois como responsable de La Oficina del Autor, unha tarefa que lle encomendou Jesús Polanco para seguir aos autores mentres non tiñan libro en edición, xa que como dixo Kafka «a soidade absoluta do autor é o momento tamén máis arriscado para o editor».

Son moitas as frases que subliñei dun libro de lectura máis que recomendable para os que intentamos desempeñar con dignidade e dedicación o oficio de editor. Á luz da súa experiencia, para Cruz o editor é apenas un acompañante que utiliza valores que no oficio xornalístico «pasan como normas pesadas de protocolo». Abonda con enumerar algunhas para sentírmonos identificados: «os editores son moi puntuais« (certo na maioría dos casos que coñezo); «cumpren a súa palabra cos autores, seguen a estes aínda que non sexan personaxes en alza»; «os editores ocúpansen de todas as fases dun libro, dende que se está xestando até que o volume impreso se envolve ao ser vendido»… Para Cruz «editar, coma escribir ou facer xornalismo, é un estado de ánimo», «editar é acompañar e experimentar», un oficio que require seres humanos (como sinalaba Korda) capaces de «combinar a paciencia co sentido común, e este co sentido do humor», «sen que falte nunca o entusiasmo». Juan insiste nestas páxinas moi sabedeiras que o editor precisa de grandes doses de humildade, «é un personaxe afeito a escoitar para alimentar o ego desalentado dos seus autores», para o que «non existe antídoto ningún». Citando o recentemente desaparecido Josep María Castellet, lembra que «o editor é tamén tempo e un ollo sobre a sociedade», identificando onde pode «aparecer un resplandor», aínda que tamén «editar é sosegar, non correr». «Un editor nunca debe rematar un diálogo cun autor pechando unha porta, soltando exabruptos, cargándose de razón».

O que máis me chamou a atención dunhas páxinas inzadas de anécdotas e citas literarias é a insistencia do autor en reiterar en varios capítulos unha frase célebre de Jaime Salinas, editor que fóra de Alfaguara. Preguntoulle Cruz nunha entrevista, até cando un escritor quere ao seu editor. E Salinas respondeulle nunha liña: «até que xa non é o seu editor, un autor quérete mentres te necesita». Unha expresión brutal sobre o límite dos afectos no noso oficio, que foi capaz de colmar a miña melancolía lembrando o mito de Sísifo. No meu caso, tras vinte e tres anos na profesión, madia leva!, teño a fortuna de podela cuestionar. Porén non lle falta razón a Cruz cando afirma que «editar non é só acompañar, ou estimular, ou mimar, ou exaltar os egos revoltos para colocalos coma pratiños chineses no alto dun pao na feira das vaidades. Editar é publicar, e os autores quérente (ou respectánte ou requírente) cando os publicas». Dou fé.