«Sete Caveiras», booktráiler
O booktráiler que preparou Miguel Abad para a novela de Elena Gallego Sete Caveiras paréceme espectacular.
O booktráiler que preparou Miguel Abad para a novela de Elena Gallego Sete Caveiras paréceme espectacular.
Chegaron onte do prelo as primeiras novidades do ano, dúas novelas de Elena Gallego Abad e Alfonso Álvarez Cáccamo e un libro de viaxes de Pemón Bouzas, co que iniciamos unha nova serie en Xerais Crónica. Nesta semana agardamos a entrada dun ensaio de Fernando Pereira sobre a iconografía rosaliana, que presentaremos en Vigo o día de Rosalía, e unha biografía de Emilia Pardo Bazán para escolares, preparada por María Xosé Queizán, Mónica Bar e Ana Santiso. No mes de febreiro chegarán as novelas xuvenís de Ledicia Costas, Pere Tobaruela e Rosa Aneiros, o poemario para adolescentes de Carlos Negro, o ensaio político de María Reimóndez e o completísimo libro sobre o polbo de Matilde Felpeto. Na edición dixital, na que agardamos publicar ao longo do ano máis dun cento de títulos, comezamos coa versión en epub d’ O raposo e a mestra de Manuel Rivas, tamén un dos primeiros títulos infantís neste formato. Abrimos, pois, o ano coa esperanza gardada en cada un dos libros novos e co noso maior entusiasmo para compartilos.
Excelente o serán na Feira do Libro de Vigo no que Manuel Portas presentou Faneca Brava, Manuel Rivas fixo unha lectura d’ As voces baixas e Elena Gallego asinou exemplares da súa triloxía Dragal. As presentacións dos libros dos manueles constituíron senllos alicientes para moitas persoas para as que a carpiña da Alameda quedou moi pequena.
Foi Ramón Nicolás quen presentou Faneca Brava que comezou cualificando como «unha ficción escrita con maiúsculas». Salientou despois aspectos que consideraba comúns con respecto ás novelas anteriores de Portas, como a importancia da arquitectura e das relacións de amizade ou consaguinidade que establecen os personaxes. «Portas non opta por unha ficción historicista. Até agora todas as súas ficcións foron moi contemporáneas, protagonizadas por personaxes de carne e óso. En todas introduciu unha dosificación da intriga e de certo nivel de suspense como elementos que axudan a soster o interese do lectorado». A continuación, sinalou Ramón Nicolás os elementos que entendía principais en Faneca Brava. Primeiro: «a construción dunha saga familiar con arrecendo e precedentes en autores como Otero Pedrayo e Carballo Calero». Segundo: «o respecto ao tratamento á figura da muller e a presenza de moitos personaxes femininos». Terceiro: «a figura da voz narradora, que o autor domina moi ben, como un recurso que vai dando frescura, veracidade e movemento , para chegar a un final explosivo, un clímax, unha catarse, que permite a reconstrución da memoria familiar e colectiva». Rematou o seu discurso Nicolás cualificando Faneca Brava como »un libro chamado a perdurar». «Manuel Portas é un escritor que escribe con claridade, talento e con vontade de que lean».
Pola súa banda, Manuel Portas comezou a súa intervención sinalando que consideraba Faneca Brava como unha novela diferente ás dúas anteriores. «En Faneca Brava hai unha espiña central constituída pola historia dunha muller que lle tocou vivir unha etapa moi dura, a infancia na metade do franquismo, na que sufriu os problemas daquel tempo e o feito de ser muller. Concha Pereira padece pola súa beleza, polo seu espírito rebelde, que a leva a non calar, a reaxir fronte a sociedade que lle tocou vivir». Referiuse despois a Arousa, Compostela e Barcelona como os tres puntos do seu topos vital, presentes tamén nesta novela, e ao seu «atrevemento» a escribir aos cincuenta anos. «A esta idade non abonda co chispazo dunha boa historia. É tamén o momento de construír unha arquitectura. De novo quixen ser arquitecto. Na primeira novela, Denso recendo a salgado, xoguei coa estrutura do tempo. Na segunda, Un dendo manchado de tinta, xoguei como Pirandello cos personaxes. Nesta terceira quixen facelo coa narración, coa gradación da información, cos puntos de vista. Fíxeno para abordar a biografía dunha muller muller considerada como a ovella negra do seu entorno familiar. A polifonía resultaba necesaria para transmitir a idea de que a realidade non é única, fun engorsando a historia para facela verosímil, así como introducindo unha tensión para manter o interese da narración». Rematou Portas desculpando que na obra non se fixese máis referencia «á importancia da música, especialmente a de Fausto».
Foi a de onte unha xornada de presentacións en Compostela. Pola mañá acompañamos a Elena Gallego no acto no que se anunciou o salto da triloxía Dragal aos soportes multimedia. No serán fixémolo con Xosé María Lema que, acompañado por Xesús Ferro Ruibal, presentou en Couceiro Costa do Solpor. Día, pois, de dragóns e piratas, mundos ficcionais diferentes, mais ambos os dous enfiados pola tradición galega e polo seu carácter universal.
O salto da triloxía de Elena Gallego ao audiovisual (adaptación cinematográfica, web, videoxogos, cómic e creación dunha comunidade virtual…) amosa que as boas historias para o audiovisual galego tamén están na nosa inagotable fonte literaria. Julio Casal, o produtor de Ficción Producciones, entendeu a potencialidade do mundo ficcional creado por Elena Gallego para desenvolver un ambicioso proxecto transmedia coas marcas da literatura fantástica e do noso patrimonio de dragóns, serpes, cocas e tarascas. Unha iniciativa moi innovadora destinada ao público mozo na que temos grandes esperanzas.
Na sesión de tarde, Xesús Ferro Ruibal encadrou Costa do Solpor “como unha desas grandes obras que están no mínimo común múltiplo da comunidade galega”. “Unha novela de autoría inesperada, repentina, dun autor de quen coñeciamos os seus traballos lexicográficos, etnográficos ou artísticos, mais de que non sabiamos a súa actividade como narrador”, mais tamén que contén unha segunda sorpresa “a do seu tamaño, as súas 664 páxinas, quizais debido a que en tempos de fame gustan as novelas longas”, comezou salientado Ferro Ruibal. Despois, sinalou como terceira marca da novela “ser debedora doutra, A illa do tesouro de Stevenson”. “Isto pasoulle a outras obras clásicas, como a Eneida de Virxilio, que é unha prolongación dalgún episodio que a Homero lle quedara por contar na Ilíada. Neses episodios condénsase a filosofía da sociedade clásica, como a novela de Lema quere ser unha filosofía da sociedade galega do século XVIII”. A verosimilitude do relato foi outra das características gabadas polo presentador, que definiu a obra como “unha novela de cociña lenta”, ademais do seu “carácter non maniqueo, xa que aquí a bondade e maldade están ben repartidas”. Atención especial mereceu para o académico a lingua “especialmente coidada”. “Toda a novela está cociñada con galego vivo, diferenciando entre a lingua do narrador e a lingua dos personaxes”. Puxo exemplos moi significativos sobre a fraseoloxía utilizada por Lema, considerando que “nesa pulcritude fraseolóxica está o nivel C2 de calquera lingua”. Para rematar, Ferro Ruibal atreveuse a facer dúas predicións. Primeira: “esta novela será traducida ao inglés pola necesidade da cultura inglesa de coñecer como rematou a Illa do tesouro“. Segunda: “A Costa da Morte terá unha rota turística que será denominada “Costa do Solpor” que percorrerá os espazos da novela de Lema”.
Presentamos en Cangas, nas instalacións de FECIMO, a última entrega da triloxía do «Universo Dragal». Toda unha proeza de Elena Gallego que en apenas dous anos publicou mil páxinas trepidantes cheas de sorpresas, segredos, poderes e alquimias enfiadas por unha trama engaiolante de realismo fantástico. Con todo, o máis interesante da triloxía é a iconografía de estripe nosa que recupera, amosando que Galicia, dende hai case un milleiro de anos, é un país de dragóns, gárgolas, grifóns, cocas, serpes ou tarascas. Un mito aínda vixente na nosa tradición oral popular que Elena encarna nun rapaz de instituto do século XXI. Eis a clave do éxito de tan valioso «Universo Dragal». Tres novelas de aventuras moi recomendables, non só para lectorado xuvenil.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).