Educación Pública
Nova Escola Galega (NEG) celebrou o seu corenta aniversario actualizando o modelo de Educación Pública (EP) que de forma pioneira acuñara en 1989. No marco da consideración da educación como un grande proxecto político e un servizo público fundamental, como da complexidade dos retos que na actualidade provoca a súa mercantilización, a hibridación dos ecosistemas de información e coñecemento e da acelerada crise na cultura e lingua galega, os membros de NEG apostan por unha educación conectada coa vida, cos problemas da contorna e co seu pluralismo de manifestacións, organizando os ensinos desde un enfoque de educación permanente, inclusiva, crítica, intercultural, coeducativa e laica. NEG aposta pola redución do programa de concertos cos centros privados, a xestión pública directa dos servizos de transporte, comedores e coidados, reclamando a concreción galega da política educativa desenvolvendo todas as competencias das que arestora dispón Galicia, como tamén avances progresivos e efectivos da normalización lingüística, única garantía para unha adecuada estratexia plurilingüe. NEG non esquece que a EP debe continuar sendo a mellor garantía de igualdade de oportunidades e de equidade social, promotora da cohesión social, reclamando atención singular a escolarización no ámbito rural como garantía dun equilibrio territorial e demográfico así como unha esixente xestión democrática dos centros escolares, tamén como unidades de elaboración e axuste curricular. Remata NEG o seu modelo de EP reclamando un novo Estatuto Docente e a incorporación ao sistema educativo de novos perfís profesionais como a das educadoras sociais. E coma fixera en 1989, NEG continúa apelando a contribución decisiva da EP á vertebración democrática dunha sociedade máis xusta e ao logro de mellor Humanidade, contribuíndo a eliminación das guerras, do ecocidio e da discriminación entre os pobos e os seres humanos. A EP como fábrica de luz e produtora de depósitos de esperanza. Non é pouca cousa.
Publicado en Nós diario: 05/07/2023