Artigos

Onte 1681: Caxade, o espírito dun clásico contemporáneo

e_isto_e_o_amor

Namoroume o segundo disco de estudio de Caxade, do que quedei prendido toda a fin de semana. E isto é o amor é un salto de xigante para un grupo extraordinario, posuidor dunha proposta orixinal e singular capaz de inserir a música tradicional galega no contexto das músicas populares europeas de hoxe. Tras o debut impactante que supuxo A dança das Moscas, Caxade ofrece un disco máis medido, diverso e reflexionado, no que incorpora a electrónica e intensifica a presenza da percursión, o que non lle impide que sexa aínda máis tradicional co anterior, tanto nas melodías bailables como na estrutura dos textos poéticos.

Caxade aposta por unha maior cromatismo melódico e sonoro, ofrecendo un disco máis colorista e divertido co primeiro, onde é difícil desbotar o interese dalgunha das dez pezas. Xaora, cómpre reparar en temas memorables como «Sanduicheira», «E isto é o amor» (un poema de Sechu Sende) ou «Independence day», coa súa inequívoca vocación de himno. Conservando a intencionalidade política, os textos do disco admiten diversos niveis de lectura poética, sendo o amor e as súas expresións o seu eixo temático principal nun traballo onde tampouco falta un humor sutil e unha certa tenrura propia do brinquedo.

A música de Caxade admite diversas etiquetas: indie, pop, folk, celta, tradicional, melódica, bailable… En todo caso, sen entrar a escoller categorías, a súa estética músical singular, perfectamente identificable, como o seu estilo gráfico e presentación con aroma centroeuropeo (enriquecido polo admirado Leandro Lamas no vídeoclip de lanzamento), acreditan en Caxade o espírito dun clásico contemporáneo. E isto é o amor, ademais, promete un directo potente, de entusiasmo e ledicia contaxiosa, que aventuro abrirá a Caxade moitas novas portas. Parabéns, mestre Caxade!